Nos últimos tempos os acontecementos evolucionan cunha rapidez de vertixe e o principal problema reside en que os pobos non sexan quen de aproveitar as oportunidades que se presentan para lograr un verdadeiro cambio da estrutura económico-territorial do Estado Español. Ás graves consecuencias da crise económica e social —cunha cidadanía cada vez máis indignada, insubmisa e rebelde— súmase o forte movemento polo dereito a decidir —e a independencia— en Catalunya e, por último, a viraxe electoral dos comicios europeos, elementos todos eles que poñen de manifesto o importante desgaste do poder político e das estruturas tradicionais do Estado. Mais sería un erro pensar que a súa desaparición está próxima. O colofón provisorio desta sucesión de acontecementos, e non o menos importante, constitúeo a abdicación do Rei, despois de experimentar unha lenta agonía do seu prestixio nos dous últimos anos.
Coma resposta a toda esta crítica situación política o que se está cocendo neste momento por parte dos poderes fácticos é o inicio dunha segunda Transición Española 2.0 e a abdicación de Juan Carlos é o seu síntoma máis claro
Coma resposta a toda esta crítica situación política o que se está cocendo neste momento por parte dos poderes fácticos é o inicio dunha segunda Transición Española 2.0 e a abdicación de Juan Carlos é o seu síntoma máis claro. Unha transición á que o presidente do Santander se sumou dende o primeiro momento ao adherirse de forma inequívoca ao futuro Filipe VI. Igual que a chegada do seu antepasado Filipe V significou o cambio dos Austrias pola Casa de Borbón, mais mantendo as mesmas estruturas de poder nas mans das mesmas familias, agora a Filipe VI estalle asignado un papel similar no que deberá liderar algunhas reformas territoriais para que todo siga igual.
A UE é xa considerada por moita xente coma un engano da burocracia de Bruxelas e unha ditadura das grandes corporacións bancarias, ademais dun proxecto totalmente supeditado a EE.UU.
Sen embargo, xa nada será igual, porque o réxime nacido en 1977-78 está seriamente tocado na súa lexitimidade. Mais a situación non só é cambiante no Estado Español senón en toda Europa con cambios dificilmente reversíbeis a curto prazo e onde se advirte un gran desafecto popular ao proxecto da UE, máis alá de quen lidere os resultados electorais. O gran denominador común dos pasados comicios é a reivindicación de maior soberanía para as nacións fronte ao proxecto uniformizador neoliberal. A UE é xa considerada por moita xente coma un engano da burocracia de Bruxelas e unha ditadura das grandes corporacións bancarias, ademais dun proxecto totalmente supeditado a EE.UU. con hipotecas militares cada vez máis perigosas para un futuro de progreso e paz dos pobos europeos.
A nova Transición Española ensaiará a creación dun Estado Federal con máis dereitos para Catalunya e o País Vasco e, quizais, para Galiza
Por iso a nova Transición Española ensaiará a creación dun Estado Federal con máis dereitos para Catalunya e o País Vasco e, quizais, para Galiza. Nesta nova conxuntura política intentarán un cambio a respecto da multiplicidade administrativa do Estado Autonómico cunha simplificación de concellos e provincias e así xerar a ficción dunha nova época que insufle vitalidade e apoio popular ás novas institucións inauguradas por Filipe VI. Eses cambios, pensados para manter a entelequia do Estado Español, irían no sentido contrario ao proxecto globalizador aínda que, inicialmente, estarían integrados nel. A estas medidas principais seguirían outras de tipo máis cosmético como a reforma do sistema electoral, listas abertas, primarias, etc. para contento de algúns incautos que non saben o que lles ven encima.
A esquerda española parece que non é capaz de albiscar este proxecto nin o seu alcance e consecuencias. A petición dun Referendo pola III República coma solución a todos os males é outro síntoma. Uns por ser prestos colaboradores do sistema vixente e outros por carecer de proxecto territorial movéndose nunha calculada imprecisión para non molestar nin a Tirios nin a Troianos, deixando descontentes a todos. Hoxe o ‘problema español’ non se resolve cun mero cambio nominal de sistema: monárquico ou republicano. Hai un problema territorial básico que ou se afronta ou os cambios serán puramente cosméticos e irrelevantes.
Hoxe o ‘problema español’ non se resolve cun mero cambio nominal de sistema: monárquico ou republicano. Hai un problema territorial básico
Por iso o movemento por un proceso constituínte de carácter confederal, de repúblicas independentes, sería o máis acaído para reivindicar neste momento histórico e loitar para que forme parte do debate político de primeira liña. Na Galiza, o debate é República Galega vs. Transición Española 2.0. Ao redor deste proxecto aberto, transparente e plural habería que sumar o máximo de organizacións políticas e sociais galegas e estatais, pero as novas non parecen moi alentadoras. O problema non é que EU siga as consignas da esquerda madrileña o realmente grave é que algúns que aínda se din nacionalistas galegos fagan o mesmo e non comprendan que ese tipo de estratexias non favorecen a Galiza, que ficará abandonada a forzas dominantes extragalegas. Sería interesante que algúns relesen a Castelao nas súas críticas ao centralismo republicano, totalmente vixente na actualidade. A iniciativa da reforma do Estado Español compételle agora á periferia e só así se poderá resolver un problema histórico aparcado durante os últimos 150 anos. Mais, con seguridade, tamén hai forzas importantes no centro que deben participar de forma protagónica neste cambio.