O 20 de decembro conmemórase o Día Internacional da Solidariedade Humana, coincidindo precisamente coas celebracións de Nadal, unhas datas nas que se adoita intensificar o emprego desta palabra. Moitas son as actividades solidarias, desde concertos ata partidos, que entidades a administracións locais organizamos nesta época. No entanto, son tamén días dun consumo exacerbado, polo que desde o Concello de Bueu e desde o Fondo Galego de Cooperación, rede da que formamos parte, queremos que o Nadal sexa tamén sustentable.
No eido municipal xa a adoptamos medidas, apostando pola confección de adornos con materiais de reciclaxe, clases de cociña de aproveitamento ou obradoiros para celebrar as festas sen prexudicar o medio. De feito, o goberno local xa asumiu como liña estratéxica no inicio da lexislatura a loita contra o cambio climático, que se está a traducir na colocación de luminarias LED ou na realización dun estudo para reducir as emisións de CO2, no marco do Pacto dos Alcaldes Polo Clima e a Enerxía (PACE). Axiña se aprobará ademais un plan de actuación para previr incendios, obxectivo para o que tamén se levou a cabo unha campaña informativa sobre a xestión da biomasa e a necesidade de manter limpas as franxas de seguridade. A instalación e reparto de composteiros é outra das iniciativas levadas a cabo.
Todas estas medidas repercuten no coidado ambiental, unha das principais liñas de acción recollidas nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible aprobados pola ONU e aos que o Concello de Bueu quere contribuír, tal e como demostra a singular árbore de Nadal instalada no Centro Social do Mar configurada por estas 17 metas que deben acadarse en 2030. En concreto, o ODS 15 chama a “xestionar de maneira sustentable os bosques, loitar contra a desertización, deter e inverter a degradación das terras e frear a perda da biodiversidade”, pois a vida dos ecosistemas terrestres é fundamental para afrontar a crise climática, un reto que vén de ser abordado no recente Cumio do Clima celebrado en Madrid.
Desde os distintos niveis de goberno, cómpre velar pola conservación, recuperación e emprego sostible das fragas, mesmo actuando contra a caza furtiva e o tráfico de especies protexidas. A deforestación e a desertización, tanto dos terreos agrícolas como dos montes, avanzan a nivel mundial debido á actividade humana, que propicia tamén a expansión de especies invasoras. En todo o planeta, arredor de 1.600 millóns de persoas dependen dos bosques para subsistir, que son tamén fonte de alimento, refuxio e mesmo de benestar mental e de medicinas.
A degradación da terra e a perda de biodiversidade están directamente relacionadas cos índices de pobreza, de aí que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, no que se integra o Concello de Bueu canda outras 99 administracións locais e provinciais, teña apoiado nos seus 22 anos de andaina diversos proxectos desta índole en Ecuador, Nicaragua, Cabo Verde ou El Salvador. Plantacións forestais, agricultura ecolóxica, xestión do lixo e educación ambiental foron algunhas das áreas abordadas. Tamén a conservación de espazos naturais, pois a protección das zonas sensibles é outra das accións que contribúe a garantir un desenvolvemento sustentable, tal e como acontece aquí coa Rede Natura 2000 ou o Parque Nacional das Illas Atlánticas. No ámbito doméstico, separar os residuos, consumir alimentos de proximidade, empregar a enerxía de xeito eficiente e reducir o noso consumo son algunhas das pautas que podemos aplicar, neste Nadal solidario e sostible, e todos os días do ano.