Un país precario

O diagnóstico está bastante estendido: a pouco que nolo miremos, toparemos cunha Galicia que retrocede, camiño do desmantelamento e a irrelevancia, sen unha estratexia de futuro que preserve as vigas maiores da súa identidade. Os últimos anos “progresamos adecuadamente” nesa liña en todos os ámbitos. Hai resistencias, aspectos positivos e iniciativas loables, sen dúbida, pero na percepción global dos que participamos da idea dunha Galicia de seu, que abarca moitos sectores de diferentes eidos, predomina un alarmado pesar respecto a cuestións elementais.  Numerosas persoas e sectores, que van moito máis alá das organizacións estritamente nacionalistas de hoxe, alertan das encrucilladas que nos condicionan en aspectos clave.

Un parámetro que poucos cuestionarán é a desaparición de facto de Galicia da nómina do “problema nacional” en España, espello do retroceso experimentado na capacidade de traducir politicamente o sentimento identitario da cidadanía galega.

Hai intelixencia abondo para impulsar procesos de rexeneración, mais cómpre artellalos a partir da nosa propia realidade, fuxindo da imitación doutras que están en tempos distintos e avanzan a ritmos para nós inalcanzables. Por máis que admiremos esas capacidades ou se importen debates, é no noso entorno e cos pés na terra onde deberamos centrar a formulación dun discurso tan autóctono como realista. O contrario só pode levar a aquel nacionalismo de campanario do que falara Tobío. 

Non se trata de se recrear nos laios, tampouco de re-unir nada, no plano electoral ou fóra del, senón de movimentar tendencias e ambicións xerando un terceiro espazo que actúe sobre esas feblezas que nos catapultan cara a atrás cando outros consolidan os seus avances ou pisan o acelerador aínda a pesar das incertezas

Non se trata de se recrear nos laios, tampouco de re-unir nada, no plano electoral ou fóra del, senón de movimentar tendencias e ambicións xerando un terceiro espazo que actúe sobre esas feblezas que nos catapultan cara a atrás cando outros consolidan os seus avances ou pisan o acelerador aínda a pesar das incertezas.

Este empeño é difícil de implementar desde a política partidaria aínda que non se poda nin se deba prescindir das forzas políticas. Precisamos de mecanismos transpartidarios, de persoas con capacidade inclusiva e de desbloqueo para pensar o futuro e ir mais aló dos límites da política de plató.

Nos últimos corenta anos creouse organización pero pouca sociedade. A sociedade civil debera ser agora o motor do rexurdir, dese novo enfoque complementario que o país precisa para superar a precariedade identitaria.

Recompoñer esa ilusión require perspectiva, xenerosidade e discurso. Os think tanks que hai no país, pese á súa modestia, teñen unha importante función a cumprir neste aspecto para mover entornos e tender pontes coa vontade de xerar ideas compartidas, un programa de mínimos que devolva a iniciativa a unha sociedade comprometida coa viabilidade futura do país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.