Un pobo

Ribadeo © Turismo de Galicia

Sol. Semana Santa. Xente. Parque. De fondo, marmurios de conversas e piar de paxaros. A unha beira, a eterna obra simulada na torre dos Moreno. Á outra, os soportais acubillando mesas a tope. Ás costas, os muros recollendo calor. Á fronte, verde, azul e toda gama de cor.

Estáse ben. O café despexou un pouco máis os sentidos nesta primeira hora da tarde, na súa procura e recollida de sensacións, do sentir, ó tempo que sen esforzo se desfrutan. Cheo dunha tarde de primavera, na que as nubes tépedas pouca tregua dan a un Sol necesario, aínda que ás veces atorrante e sobranceiro. A temperatura, entre o acariño dos raios e o tremer da súa ausencia na pel, aínda que importante, non é máis ca un factor do benestar.

Pola vista entran os traxes coridos que dan a alternativa ás primeiras flores que agroman nos matos á beira do céspede, e mesmo preto dalgunha árbore na que as follas son só, polo momento, intención de futuro.

O escoitar únese á visión da xente relacionándose entre si nunha transcendente intranscendencia á beira dunha natureza cercada, e mesmo modelada, polas veciñas construcións e pavimento. Bullicio preto e calma aínda máis preto, no propio interior, conviven coas cores e a xente, cos veciños e os descoñecidos.

O desfrute do momento, o agora, é compartido á vista dun escudo coa orixe perdida no tempo nunha lonxana parede. Paso contínuo de xente á beira de quen a ve pasar, antes de, pouco a pouco, intercambiar os papeis. Ó fondo, a igrexa, no seu lugar como tentando lembrar a orixe da festa nun día que foi de dor, hoxe perdido na néboa do esquecemento, o esquecemento da orixe dun agora ó que pouco lle importan esas cousas. O mundo, comprendido nun recuncho dunha pequena vila ateigada.

Ribadeo, o Cantón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.