As eleccións autonómicas do 21-O foron o primeiro exame que pasaron diante da cidadanía os novos proxectos políticos nacidos no ámbito do nacionalismo galego após a convulsa asemblea nacional do BNG en Amio. Neste sentido ANOVA, que concorreu ás mesmas da man da esquerda antisistémica española e Compromiso por Galicia (CxG) correron diversa sorte. A primeira formando unha coaligación con IU (AGE) situouse como terceira forza no parlamento galego co liderado de Xosé Manuel Beiras, beneficiándose da queda electoral tanto do PSOE como do BNG.
CxG ficou fóra do parlamento obtendo 14.459 votos, un resultando sen dúbida por baixo das expectativas criadas, e que obriga a unha reflexión pausada de cara ao seu congreso constituínte
No que atinxe a CxG ficou fóra do parlamento obtendo 14.459 votos, un resultando sen dúbida por baixo das expectativas criadas, e que obriga a unha reflexión pausada de cara ao seu congreso constituínte, non tanto porque se fixesen mal as cousas senón de cara a onde debe ir un proxecto político que está en construción, e que cousas hai que corrixir para ser a ferramenta que o país precisa. Aínda, que como xa teño dito a avaliación do suceso ou non dun proxecto político é necesario que este pase por un ciclo electoral completo (eleccións autonómicas, xerais, europeas, municipais e autonómicas de novo), porque ao cabo, é a cidadanía co seu voto quen determina a necesidade ou non dunha organización política, como ferramentas que son ao servizo da sociedade.
Estas eleccións, sen dúbida, chegaron moi cedo para CxG, sufrindo dúas eivas fundamentais: o escaso coñecemento por parte da sociedade galega das súas siglas, e en moitos casos unha imaxe deturpada da realidade, asimilando esta organización política aos pequenos partidos do centro galeguista que se foron incorporando, canda da lectura do seu programa e das súas bases programáticas estábamos diante dun proxecto nidiamente social-democrata. Ademais, a incorporación destes partidos do centro galeguista e a alianza con TEGA non deu os resultados agardados. Lembremos que en 2009 esta formación obtivo 15.653 votos.
CxG non só ten espazo senón que tamén é necesaria, nun contexto político onde se albisca que no ámbito estatal se vai volver de novo a debater con grande intensidade a súa estruturación territorial
Unha análise polo miúdo dos resultados electorais demostra que unha forza como CxG non só ten espazo senón que tamén é necesaria, nun contexto político onde se albisca que no ámbito estatal se vai volver de novo a debater con grande intensidade a súa estruturación territorial, como consecuencia da maioría nacionalista en Euskadi e aposta clara de CiU pola construción dun estado propio no seo da UE.
Nestas eleccións produciuse unha debacle tanto do BNG que perde 125.323 votos, e do PSOE que perde 230.817 votos. En cambio AGE, tendo en conta que nas eleccións de 2009 IU obtivo 16.441 votos, só gaña 183.660 votos. Polo tanto, hai unha parte do electorado tanto do BNG como do PSOE, que ou votaron a forzas extraparlamentarias ou que se foron á abstención ou ao voto e branco e nulo. Para reforzar esta idea hai que ter en conta que en 2009 a suma de BNG, PSOE e IU era de 811.641 e nas pasadas eleccións a suma das forzas progresistas parlamentares foi de 639.161. Como se pode ver nestes datos hai sitio para unha nova forza política de carácter progresista que tamén debe aspirar a convencer a parte dos 135.493 votos que perde o PP.
Parece pouco probábel que poida haber un goberno alternativo ao PP na Galiza liderado pola AGE, polo seu carácter antisistémico, ao igual que o que seguramente aconteza co BNG
Nos sistemas políticos europeos a alternancia política sempre veu da man de forzas políticas social-democratas. Neste sentido, parece pouco probábel que poida haber un goberno alternativo ao PP na Galiza liderado pola AGE, polo seu carácter antisistémico, ao igual que o que seguramente aconteza co BNG, e que tente competir con esta no campo da extrema esquerda. Porén, unha forza progresista de centro-esquerda si que podería ser quen de conseguir o voto de electores moderados tanto do PSOE, como do PP e do BNG.
Para alcanzar o obxectivo de ter relevancia no sistema político galego CxG debe seguir co seu traballo de expansión organizativa, converténdose nun partido único no seu congreso do día 16 de decembro, dando a coñecer o seu proxecto, asentándoo nun discurso claramente progresista de defensa do estado do benestar e do autogoberno e totalmente europeísta. Porque desde o centro-esquerda tamén se pode construír o partido nacional galego que avance na construción nacional, asentado nas clases medias e buscando a complicidade das pequenas e medianas empresas galegas, que tamén están a sufrir os efectos da crise. E falo de partido nacional galego porque unha das tarefas prioritarias é a construción nacional e o aumento do autogoberno. Cataluña e Euskadi camiñan cara a un estado propio porque durante máis de 20 anos houbo forzas nacionalistas que xeriron as institucións autonómicas e as puxeron ao servizo do seu national building, e agora esas sociedades son as que demandan avanzar un paso máis.
Ten que acertar na definición dun proxecto político, que terá a súa proba de lume nunhas eleccións municipais, porque o país hai que comezalo a construír desde os concellos
Nun contexto de crise económica, de desmantelamento do estado do benestar como consecuencia da ideoloxía neocons que asolaga Europa, é máis necesaria do que nunca un partido político, que pretenda achegar a política á cidadanía, facéndoa coparticipe das súas decisión con fórmulas como as primarias abertas á cidadanía e que sexa unha ferramenta do país e das súas xentes. Porén, para iso ten que acertar na definición dun proxecto político, que terá a súa proba de lume nunhas eleccións municipais, porque o país hai que comezalo a construír desde os concellos, e que se adapte a un contexto político e social produto da globalización e da reconfiguración que se leva operando no contexto internacional desde a queda do muro de Berlín da soberanías estatais, nomeadamente nunha UE, que configura un sistema internacional de carácter postmoderno, que ten sería eivas democráticas, mais ao mesmo tempo é unha oportunidade para as nacións sen estado para avanzar no autogoberno e mesmo na constitución dun estado propio.