Un relato sobre o PSG: memorias dun “militante de aluvión” (I)

Cartel do PSG en 1979 ©

1. As claves dun “fracaso”

O “fracaso” do PSG marcou o devir político de Galicia deixando un baleiro que, deica o día de hoxe, ningunha outra forza política foi quen de cubrir axeitadamente coas consecuencias coñecidas como a dun longuísimo dominio das dereitas galegas

Nestes días de calor abafante caeu nas miñas mans un libro, cun título bastante longo, Unha historia mínima do Partido Socialista Galego, o socialismo democrático no nacionalismo galego: da clandestinidade ás primeiras eleccións autonómicas (1963-1981)” Companha Editora (2026), que pola miña condición, no seu día, de “militante de aluvión” do PSG e dos que finalmente “se foron ao PSOE”, espertou unha certa curiosidade, ademais de traerme algunhas nostalxias e saudades de antigos compañeiros e amigos xa desaparecidos (q.e.p.d.) como Ceferino Díaz, Fausto Dopico, Xosé L. Rodriguez Pardo, Manolo Caamaño, Mario Orxales, Francisco G. Amadiós, Salvador Garcia-Bodaño, Valentín Arias, Salvador Rei, Bonifacio Borreiros, Ramiro Fonte, Antón Louro... e algúns outros dos que lamento non lembrarme neste momento. 

Quero comezar subliñando que na miña equipaxe ideolóxica e tamén na formación política, o PSG (Partido Socialista Galego) ocupou un papel fundamental entre outras razóns porque me axudou a entender a necesidade de conciliar a formación teórica -neste caso, de base marxista- coa realidade social na que un vive -por caso, Galicia-. Algo que Karl Marx nos aconsellaba en practicamente todos os seus traballo e estudios. Quero tamén engadir que son da opinión de que o “fracaso” do PSG marcou o devir político de Galicia deixando un baleiro que, deica o día de hoxe, ningunha outra forza política foi quen de cubrir axeitadamente coas consecuencias coñecidas como a dun longuísimo dominio das dereitas galegas.

Un “fracaso” no que interviñeron factores varios, tanto externos como internos, pero que en non poucos casos se repetiron posteriormente noutras organizacións políticas galegas que tentaron inutilmente de ocupar o mesmo espazo acabando por traer a memoria a historia do PSG.

A carencia dunha forte base traballadora sería compensada, parcialmente polo menos ata as eleccións xerais de 1977, polo indiscutible atractivo que entre as clases populares galegas tiña Xosé Manuel Beiras, o principal activo político do PSG. Un atractivo que como, se demostraría nas citadas eleccións non sería suficiente para confrontar electoralmente co PSOE en Galicia 

Un PSG que como organización política hai que encadrar ideoloxicamente no campo da socialdemocracia, do socialismo democrático na súa vertente clásica -”o noso socialismo.... non e nacionalista polo que a Galicia se refire mais na conciencia do que significa ser socialista”- que como o vello Fredrich Engels deixara escrito no prologo dun dos últimos traballos de Karl Marx -A loita de clases en Francia- supón tomar en consideración que “os elementos revolucionarios prosperan máis empregando medios legais, é dicir, cando entran no xogo político, no parlamentarismo, que cando usan medios ilegais ou subversivos”. En definitiva, o PSG defendeu sempre a vía democrática ao socialismo sen por iso deixar de tentar enlazar esta visión co galeguismo de esquerdas (“un socialismo coas raíces na terra”) e o federalismo (“a alianza cos outros pobos do Estado español”). Unha simbiose nada fácil, pero que durante anos tivo un acollemento favorable, especialmente entre as clases medias e intelectuais urbanas, sectores do mundo agrario e pesqueiro máis popular, sendo, polo contrario, entre as clases traballadoras urbanas onde lle resultaría mais difícil. Un déficit, este último, que acabaría sendo mortal pois deixaría o camiño libre a penetración nese espazo a un rival político-ideolóxico como era o PSOE, neste caso gracias a UGT. Un déficit nunca recoñecido, froito da carencia dunha estratexia xenuinamente sindical para as clases traballadoras. En relación con esta ausencia compre suliñar que nos primeiros meses do 1977 houbo no seno do PSG un debate intenso e duro sobre a materia na que destacarían dúas posturas claramente diferentes: a que defendía unha aposta sindical clara, focalizada neste caso na USO, e a que apostaba por un difuso Frente dos Traballadores. Como é sabido saíu triunfante esta última, o que, como se fixo evidente a continuación, sería unha das razóns da débil implantación do PSG nos núcleos industriais de Vigo e Ferrol. Como sucedeu ao longo da historia, cando un Partido Socialista non conta co apoio das clases traballadoras do seu pais remata por non de ter un papel relevante na sociedade e, xa que logo, na política.

Esta carencia dunha forte base traballadora sería compensada, parcialmente polo menos ata as eleccións xerais de 1977, polo indiscutible atractivo que entre as clases populares galegas tiña Xosé Manuel Beiras, o principal activo político do PSG. Un atractivo que como, se demostraría nas citadas eleccións non sería suficiente para confrontar electoralmente co PSOE en Galicia a pesar de que este carecía de referentes cun mínimo nivel político, pero que sería compensado polo atractivo que seguían tendo as siglas PSOE.

Na procura de conquistar o seu propio espazo político en Galicia, o PSG optaría por dúas alianzas políticas que resultaron efémeras e pouco relevantes aínda que “a priori” parecesen moi atractivas. A primeira sería o chamado Consello de Forzas Políticas Galegas (1976), o segundo a Federación de Partidos Socialistas (1974)

Na procura de conquistar o seu propio espazo político en Galicia, o PSG optaría por dúas alianzas políticas que resultaron efémeras e pouco relevantes aínda que “a priori” parecesen moi atractivas. A primeira sería o chamado Consello de Forzas Políticas Galegas (1976), o segundo a Federación de Partidos Socialistas (1974). A primeira tiña como marco político de referencia “a ruptura co franquismo” que se dende o punto de vista democrático non carecía de razóns e lóxica políticas, na práctica aparecía como inviable dada a correlación de forzas nese momento, que maioritariamente apuntaban a unha “ruptura pactada” coas forzas máis liberais do vello réxime franquista. Por se isto non fora suficiente, dende o primeiro momento se fixo evidente que a convivencia entra as forzas do Consello ía a ser moi difícil, entre outras razóns polo elevado sectarismo dunha UPG que se negaría en redondo a buscar alianzas coas demais forzas democráticas que tiñan as súas propias plataformas, o que provocaría que o CFPG tivera unha moi curta vida pois ese mesmo ano (1976) se disolveu. Un fracaso político que lle pasaría factura ao PSG, que o tempo tiña que ver como as plataformas a nivel estatal -Junta Democrática, nucleada en torno ao PCE, e Plataforma de Converxencia Democrática, en torno ao PSOE e as distintas familias democratacristiáns- se fusionaban (marzo de 1976) nunha soa asociación, Coordinación Democrática, que sería coñecida popularmente como a Platajunta e que aparecería como o principal referente democrático antifranquista. Un escenario do que o PSG quedaba excluído ao tempo que o seu rival ideolóxico (PSOE) se fortalecía. Un illamento que tería grandes custos políticos e electorais, como o tempo se ocuparía de demostrar.

Por si isto non fora suficiente, a Federación de Partidos Socialistas (FPS) non correría mellor sorte. Esta Federación, creada no ano 1976, que tiña os seus antecedentes tanto na inicial Coordinadora Socialista Federal Ibérica (1964) como na posterior Conferencia Socialista Ibérica (1974), tiña como obxectivo federalizar a unión de tódalas organización socialistas nacionais e rexionais. Pero a inicial negativa do PSOE a disolverse na CSI e a propia realidade da FPS, na que as únicas forzas políticas realmente relevantes a nivel autonómico eran o PSC (Catalunya), PSPV (Valencia) e o PSG (Galicia) e que tiña no seu seo claras diverxencias políticas, tanto sobre a natureza da propia FPS como da relación co PSOE, e que sumados a indiscutibles ambicións persoais de non poucos dirixentes levaron a que a FPS tivera unha curta e apenas relevante vida política para acabar disolvéndose apenas un anos despois, no 1977.

Neste difícil escenario sería no que o PSG se presentaría ás eleccións xerais de xuño de 1977 co resultado coñecido de non conseguir representación parlamentaría e apenas 27.000 votos (2,7%), mentres o seu rival en Galicia (PSOE) sacaba 3 deputados e 175.000 votos (15,6%)

Neste difícil escenario sería no que o PSG se presentaría ás eleccións xerais de xuño de 1977 co resultado coñecido de non conseguir representación parlamentaría e apenas 27.000 votos (2,7%), mentres o seu rival en Galicia (PSOE) sacaba 3 deputados e 175.000 votos (15,6%). O electorado galego dáballe así as costas ao PSG e optaba polo PSOE como representante da socialdemocracia en Galicia. Cómpre destacar que no seo do PSG houbo nos meses previos ás eleccións xerais un forte debate sobre as posibles alianzas: mentres un sector era partidario de ir en solitario, outro defendía a procura dunha alianza co PSOE -na liña do que se sabia de Catalunya, onde o PSC iría en alianza co PSOE desa comunidade- pois este último sector estaba convencido de que iso non ía supor unha disolución do PSG no PSOE, dada a grande diferencia que había a nivel de cadros políticos e de programas a prol do PSG, ademais de que este contaba cun líder político (Xosé Manoel Beiras) que non tiña rival. Finalmente triunfaría a primeira opción, a de ir en solitario, cos resultados citados mentres pola súa parte o PSC que sacaría 15 deputados e superaría os 870.000 votos co que resultou seren a forza mais votada en Catalunya, puxo en evidencia o acertado da súa alianza co PSOE. Que tería pasado en Galicia se finalmente no PSG triunfase a opción que apostaba por ir en alianza co PSOE?. 

Alguén pode pensar que era inevitable que pasara e outros, polo contrario, pensamos que foi todo un cúmulo de factores políticos o que nos levaron a ese final. Factores cuxas claves tentarei seguir analizando en outros artigos

A realidade foi que as eleccións xerais de xuño de 1977 foron o canto de cisne do PSG, que para maior desgracia tivo que ver como o seu principal líder e referente político (Xosé Manoel Beiras) quedaba fóra de xogo por unha cruel e inesperada doenza. O sucedido a continuación destas eleccións xerais, na miña opinión, carece, de interese. Simplemente dicir que o PSG desapareceu da escena política e o seu lugar no espazo do socialismo democrático foi ocupado en Galicia pola Federación Galega do PSOE.

Así o vivín e así o conto. Deixo aí unha serie de feitos que espero sirvan para entender por que o PSG non foi quen de callar en Galicia como tería sido desexable. Alguén pode pensar que era inevitable que pasara e outros, polo contrario, pensamos que foi todo un cúmulo de factores políticos o que nos levaron a ese final. Factores cuxas claves tentarei seguir analizando en outros artigos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.