Un súper-depredador na Casa Branca

Campos de extracción de petróleo en Texas Dominio Público Praza Pública

Tamén os romanos, cando invadiron o país dos galaicos hai case 2.200 anos, buscaban minerais e explotaron masivamente o xacemento das Médulas, deixando indelébeis marcas na paisaxe. Son exemplos do que poderiamos denominar instinto depredador dos recursos naturais, un afán desmedido por extraer e consumir até o esgotamento o que nos ofrece o planeta

Donald Trump busca minerais na Ucraína, un país que alberga importantes reservas de 22 dos 34 elementos que a UE considera “materias primas críticas”, e pretende impoñer a cesión da explotación dos seus xacementos nas condicións para a paz. Nada novo baixo o Sol. Conta Tito Livio que, durante o cerco que Aníbal impuxo a Sagunto na segunda Guerra Púnica, as condicións de paz exixían aos saguntinos entregar aos túrdulos todo o seu ouro e prata. Tamén os romanos, cando invadiron o país dos galaicos hai case 2.200 anos, buscaban minerais e explotaron masivamente o xacemento das Médulas, deixando indelébeis marcas na paisaxe. Son exemplos do que poderiamos denominar instinto depredador dos recursos naturais, un afán desmedido por extraer e consumir até o esgotamento o que nos ofrece o planeta, sen considerar que despois de nós virán outras xeracións que tamén precisarán eses recursos.

Hai uns 10.000 anos, a invención da agricultura e a sedentarización das poboacións iniciou o experimento que denominamos civilización. Foron os comezos do que se convertería nunha longa carreira pola extracción e modificación dos recursos naturais. Unha carreira que acabou por desenvolver o hábito depredador que conduciu, en ocasións repetidas e como consecuencia da sobre-explotación dos recursos e a forte estratificación económica, a fracasos evidentes. Xa na modernidade, particularmente coas innovacións tecnolóxicas dos séculos XIX e XX e co incremento exponencial da poboación o seu impacto multiplicouse exponencialmente. Só no século XX, a poboación humana cuadriplicouse, pero seu o consumo multiplicouse por corenta.

Ao berro de “Drill baby, drill”, un slogan utilizado polos republicanos desde 2008, Trump anima a avanzar na carreira do incremento da extracción de petróleo

Agora, ao berro de “Drill baby, drill”, un slogan utilizado polos republicanos desde 2008, Trump anima a avanzar na carreira do incremento da extracción de petróleo, un obxectivo que parece difícil para o seu país, que xa acadou o teito na produción de cru. Por iso insiste na técnica do fracking a pesar de non resultar rendíbel para un prezo do barril por debaixo dos setenta dólares. Pouco lle importa se esta técnica implica contaminación das augas subterráneas ou incrementa a actividade sísmica, se produce emisións de metano ─o principal gas de efecto invernadoiro─ ou resulta lesiva para a saúde das persoas que viven próximas ás áreas de extracción. Non é sinxelo predicir cando se producirá o teito da produción global de petróleo mais, independentemente de se quen a predín para a próxima década teñen razón ou non, non parece sensato esforzarse en esgotar unhas reservas finitas. Non usamos o petróleo só como fonte de enerxía ─que deberiamos abandonar polos seus efectos no quecemento global─ senón tamén como recurso material que pode ser imprescindíbel para as xeracións futuras.

O parlamento noruegués aprobou, no mes de xaneiro do ano pasado, a exploración e explotación comercial da minaría de fondo oceánico nas súas augas continentais, a pesar da forte oposición dos movementos ecoloxistas

A depredación no ámbito extractivo quere agora estenderse ao medio submariño ─e quizá Trump aínda non soubo desta práctica porque me parece raro que non se apuntase xa a liderar a carreira─. Os proxectos de minaría do fondo oceánico comezaron nos anos sesenta do século pasado pero foron abandonados por falta de rendibilidade económica. Porén, o parlamento noruegués aprobou, no mes de xaneiro do ano pasado, a exploración e explotación comercial da minaría de fondo oceánico nas súas augas continentais, a pesar da forte oposición dos movementos ecoloxistas e mesmo dos fabricantes de automóbeis ─a quen irían destinados os minerais que se buscan para a fabricación de baterías. Á parte da Antártida, só os fondos oceánicos permanecen inexplorados para a minaría industrial, pero son xa moitos os países que, en todos os océanos excepto o ártico e o antártico, teñen en marcha proxectos de investigación para este tipo de minaría. Emporiso, a minaría de fondo oceánico producirá importantes e quizá irreversíbeis danos ecolóxicos como destrución dos hábitats de moitas especies, cambios nas propiedades físicas e xeoquímicas do fondo oceánico, creación de condicións de anoxia nas áreas explotadas, liberación de contaminantes e perda dos servizos ecolóxicos prestados polas comunidades microbianas. Todo isto en ecosistemas aínda moi pouco coñecidos, o que dificulta unha avaliación precisa dos impactos. Non será sensato establecer, como reclaman a Unión Europea e o Reino Unido, unha moratoria que nos permita coñecer con rigor as consecuencias dunha explotación desmedida do fondo oceánico?

A intelixencia artificial xenerativa, que tanto deslumbrou en 2023, resultou ser un pozo sen fondo de demanda enerxética

No campo da intelixencia artificial, Trump acaba de anunciar inversións por valor de arredor de 480.000 millóns de euros en catro anos. Mais a intelixencia artificial xenerativa, que tanto deslumbrou en 2023, resultou ser un pozo sen fondo de demanda enerxética. Baste lembrar algúns datos: entre 2020 e 2023 a Microsoft Corporation duplicou as súas necesidades enerxéticas e o mesmo fixo Google, con un incremento do 67 por cento. As previsións para os próximos anos non son mellores. Prevese que o consumo enerxético dos centros de datos das grandes tecnolóxicas, que se triplicou na última década, se volverá a triplicar en 2028. Todo isto sen mencionar o consumo de auga ─moitos centros de supercomputación usan auga como refrixerante─ que se podería cuadriplicar en 2028 en comparación co de 2023. Non dubido de que a implementación da intelixencia artificial revolucionará a educación e axudará a facer máis eficientes moitos procesos como o a optimización do consumo eléctrico, o deseño de fármacos, o diagnóstico médico ou a condución de vehículos. Máis será razoábel lanzarse a unha carreira por desenvolver unha intelixencia artificial xeral ─probabelmente imposíbel─ con fin comerciais sen antes resolver o problema das súas fontes de enerxía e que de non seren renovábeis agravarán o quecemento global? Quizá unha moratoria similar que priorice unha intelixencia artificial específica ao servizo das persoas e a optimización dos procesos sexa máis sensata.

Non pense o lector que me opoño á racionalidade tecnocientífica. Non ignoro que a ciencia nos proporcionou un coñecemento fáctico da realidade incomparabelmente superior a todo o saber acumulado en épocas anteriores e que fixo a vida humana infinitamente máis cómoda e segura. Son usuario de todas estas vantaxes. A cuestión é se esta forma de vida é universalizábel e extensíbel indefinidamente e cales son as súas inadvertidas consecuencias. Non me opoño a esta racionalidade senón á súa absolutización, que acabou por dominar o pensamento occidental.

No século XX e no que levamos do XXI o ritmo da innovación tecnolóxica acelerouse de tal maneira que non se produciu paralelamente unha educación para o uso axeitado do inmenso poder que a tecnoloxía puxo nas nosas mans. Non se produciu un cultivo paralelo da responsabilidade, da conciencia e dos valores necesarios para xestionar este enorme poder

No século XX e no que levamos do XXI o ritmo da innovación tecnolóxica acelerouse de tal maneira que non se produciu paralelamente unha educación para o uso axeitado do inmenso poder que a tecnoloxía puxo nas nosas mans. Non se produciu un cultivo paralelo da responsabilidade, da conciencia e dos valores necesarios para xestionar este enorme poder. O resultado é o que Jordi Pigem denominou homo absortus, un ser humano ofuscado polo poder da tecnoloxía ─unha ofuscación que dificulta un diagnóstico acertado do que acontece─ e desbordado pola rapidez dos cambios mentres se involucra nunha espiral de consumismo anestesiante.

Nesta situación, aproveitando o descontento creado por unha política centrada na batalla ideolóxica da esquerda, un súper-depredador empoleirouse na Casa Branca e ten poder suficiente para executar o que promete. Rodeouse de xente capaz de amplificar ese poder a través da difusión optimizada de informacións tendenciosas ou directamente falsas. Que nos resta? Polo menos a esperanza de que Joseph Stiglitz teña razón e que en dous anos os republicanos perdan o control do Congreso, que a xente experimente o descontento e que haxa un renacemento democrático. No longo prazo, só un sistema democrático aberto, con unha prensa independente e unha educación de calidade que aumente a capacidade individual de acceder e procesar ponderadamente a información, nos fará máis conscientes do que está en xogo e só un coñecemento rigoroso da nosa relación co planeta nos permitirá reconducir os nosos hábitos depredadores. Porque a solución de emigrar a Marte parece ilusoria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.