Unha agresión sionista a Galicia

Ana Miranda, tras aterrar no aeroporto de Vigo, este 21 de febreiro CC-BY-NC-SA BNG

O Goberno sionista israelí ratificou deste xeito o seu xorne autoritario e a súa falla de respecto polas máis elementais regras do Estado de Dereito e da convivencia diplomática que xurde do Dereito Internacional Público

A eurodeputada Ana Miranda (BNG-Alianza Libre Europea) foi expulsada do territorio israelí o martes 21-F despois de aterrar en Tel Aviv facendo parte da delegación oficial de relacións coa Palestina do Parlamento Europeo, sendo posuidora dunha autorización expresa do Ministerio xudeu de Exteriores, canda as demáis persoas da delegación europea. Porén, o Ministerio do Interior xudeu anulou ilegalmente o acordado polo seu proprio Goberno e impediu o seu ingreso en Israel, deportándoa cara á Unión Europea (UE).

O Goberno sionista israelí ratificou deste xeito o seu xorne autoritario e a súa falla de respecto polas máis elementais regras do Estado de Dereito e da convivencia diplomática que xurde do Dereito Internacional Público. Porque a expulsión de Ana Miranda non é só unha agresión ao noso País, á Galicia, senón ao conxunto da Unión Europea. Velaí as protestas da propia presidenta do Europarlamento.

Ana Miranda, nun recente pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo (2023) e en 2015, no seu regreso tras ser deportada por Israel como membro da 'Flotilla da liberdade' CC-BY-NC-SA BNG

A UE (principal cooperante internacional da Autoridade Nacional Palestina) habería asumir un rol moito máis activo na condena e mesmo illamento internacional do goberno Netanyahu

A UE (principal cooperante internacional da Autoridade Nacional Palestina) habería asumir un rol moito máis activo na condena e mesmo illamento internacional do goberno Netanyahu, que integra o seu sionista Likud con outros partidos de extrema dereita, tamén sionistas e/ou ultraortodoxos. Un Goberno que atenta decote contra os dereitos humanos da poboación palestina e mesmo comeza limitar os dereitos da cidadania árabe israelí, mentres tramita unha reforma lexislativa que sometería aos Tribunais de Xustiza ao Executivo e penaría coa pena de morte os ataques palestinos ás forzas israelís.

Netanyahu sempre foi aliado de Trump e fixo o posíbel por desfacer o pacto antinuclear asinado co Irán polo presidente Obama mentres impón unha ferreña neutralidade no conflito ucraíno xerado pola agresión do réxime autoritario de Vladimir Putin. Que é o outro vello amigo do líder sionista.

O incidente, en chave de País, lembra que o Parlamento Europeo é un factor de equilíbrio corrector dunha Europa dos Estados que sofre de non poucos déficits democráticos

O incidente, en chave de País, lembra que o Parlamento Europeo é un factor de equilíbrio corrector dunha Europa dos Estados que sofre de non poucos déficits democráticos. Malia todo, a actual arquitectura institucional dalle á Eurocámara un moi importante papel de codecisión a respecto da Comisión Europea e do Consello Europeo que habería de se desenvolver en termos de contrabalanceo aos intereses das multinacionais para acadarmos mais protección ás pemes, ás minorias e ás persoas consumidoras e unha mellor defensa dos valores da igualdade, protección ambiental e pluralidade territorial e nacional.

Precisamente eses teñen sido os vectores do traballo que ten desenvolvido decote Ana Miranda ao longo dos seus mais de vinte anos traballando para o noso País no Parlamento Europeo. Dende o seu traballo a prol dos intereses da nosa pesca, gandería ou sector naval, da conexión ferroviária con Portugal e do corredor atlântico ferroviario ao seu rol fulcral na investigación pola Axencia Ferroviaria Europea do accidente do Alvia en Compostela no 2013, que contribuiu que se estea a desenvolver un xuizo minimamente xusto. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.