Unha aposta alternativa

Mobilización contra as casas de apostas en Redondela ©

O capitalismo, tras a crise de acumulación dos anos 60-70, entende que debe transcender fronteiras, áreas de influencia económica. -Nestes anos un novo modelo modelo de acumulación flexible prolifera, o postfordismo, empresas segmentadas con condicións laborais máis precarias.- Pero non só tiña que rachar con fronteiras territoriais, tiña que entrar nos fogares e tamén na psique individual. Xogase coas nosas aspiracións, coa posibilidade de saír por un momento da miseria do traballo, de conseguir “diñeiro fácil”. As casas de aposta e o xogo, non son unha novidade, atravesan a nosa historia. Sen embargo, só poderían converterse nun problema masivo nesta nova sociedade da información. A cuestión non está reducida á introdución masiva de casas de apostas nos barrios, senón na posibilidade de chegar aos fogares por medio da pantalla dun ordenador ou a calquera lugar a través de dispositivos móbiles. Neste novo tempo as apostas transcenden os limites do espazo físico e iso permite a súa proliferación de forma masiva.

Este avance combinado entre portabilidade, locais e maquinas de apostas e xogo, traducido a cifras representa un beneficio neto de 185,55 millóns de euros no último trimestre do 2019, unha cifra que equivale ao 52,76% do beneficio neto de tódalas empresas do IBEX-35 nese mesmo trimestre. As empresas de apostas son un xigante en expansión. Neste trimestre a súa inversión en mercadotecnia foi de 112,97 millóns de euros. Esta inversión permítenos dimensionar a súa teima por presentarnos o seu produto, amosando onde está o terreo de disputa. Tratase dunha loita polo prestixio, pola imaxe destas grandes empresas e poren do xogo e as apostas en si mesmas.

Pero para levar a cabo unha batalla e preciso retratar a relación agresor-agredido e as lóxicas que operan entre eles. Xa temos o perfil do agresor, empresa multimillonarias sen escrúpulos. Pero cal é o perfil do agredido? Esta adicción masiva do século XXI afecta ao groso da poboación, pero en especial aos máis novos nas franxas de idade entre 14 e 21 anos. Algo que entendese pola cooptación do ocio por parte do capitalismo, expresado nos centros comercias e a mutilación dos espazos comúns nas cidades. Poderiamos incluso introducir a hipótese de que a proliferación dos micropagamentos para a obtención de recompensas aleatorias en videoxogos educan á mocidade normalizando a lóxica do xogo e as apostas. Estes elementos dan forma ao perfil maioritario do agredido, que non sendo un perfil ríxido si é una imaxe clara de a quen afecta.

Entón que se produce entre estes dous perfís para que o agredido poda gañar ou perder e o agresor sempre gañe. Máis alá de tódolos procesos que operan na psique humana, entendamos a relación económica entre estes dos suxeitos da seguinte forma: a/a+b sendo “a” as opcións non seleccionadas dadas pola casa e “b” a tua elección. Dito de outra forma, as opcións non seleccionadas divididas entre a suma total de opcións. Tendo en conta a premisa básica de que a maior número de elementos, menor probabilidade de gañar. Pero sen importar o teu resultado a casa sempre gaña, pois en caso de resultado positivo extraen unha comisión dos teus “beneficios”

Hoxe en plena crise do COVID-19, estas grandes empresas estanse sumando á suspensión de contratos por medio de ERTEs. Facendo ao Estado, é dicir, a tódalas persoas que pagamos impostos, responsables das súas perdas. Aplicase unha vez máis a regra neoliberal de “socializar as perdas e privatizar os beneficios”. A patronal do xogo nunca perde, desentendese do problema social da adición e só pensa nos seus beneficios. Pois para eles perdas ou gañes é responsabilidade túa. Esta individualización do problema só poder ter unha resposta colectiva dende os sectores máis agredidos por este problema. Impulsar dende os barrios obreiros a organización de base da mocidade en estreita relación con sectores adxacentes como asociacións de veciños, colectivos contra a ludomanía, sindicatos e a vontade de tódalas persoas que desexan un futuro sen adición.

Será a nosa tarefa levar a loita de clases ao concreto para combater os espazos físicos e virtuais das apostas e o xogo. Igual que deberemos crear novas formas de ocupar o noso tempo de lecer, construír un ocio alternativa libre de lóxicas que priman por enriba de todo o beneficio. Por todo isto é preciso facer unha aposta alternativa polas nosas comunidades, polos nosos barrios e en definitiva, unha aposta pola vida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.