Unha biblioteca María Casares en París

En xaneiro de 1937 María Casares -no centro da imaxe- comezou a asistir no Duruy á “Clase para estranxeiras”, na que aprendeu o idioma © Lycée Victor-Duruy

O 8 de outubro de 2022, en París, o instituto de secundaria onde cursou estudos María Casares homenaxeou á actriz exiliada dándolle o seu nome á biblioteca do centro, no ano do centenario do seu nacemento

O 8 de outubro de 2022, en París, o instituto de secundaria onde cursou estudos María Casares homenaxeou á actriz exiliada dándolle o seu nome á biblioteca do centro, no ano do centenario do seu nacemento. Esta iniciativa enmárcase nas conmemoracións do 110 aniversario da creación do Lycée Victor-Duruy, un dos históricos institutos femininos da capital francesa, que se transformou en mixto en 1970. Non foi María Casares a primeira muller da familia en estudar no Victor-Duruy, pois Esther Casares Quiroga, a súa irmá maior, asistira xa de 1924 a 1926 ás clases deste centro, que mantiña relacións co madrileño Instituto-Escuela, o laboratorio pedagóxico da Institución Libre de Enseñanza.

En novembro de 1936 María Casares e a súa nai Gloria Pérez Corrales iniciaron o seu exilio en París, e en xaneiro de 1937 a adolescente galega comezou a asistir no Duruy á “Clase para estranxeiras”, na que aprendeu o idioma. A primeira anotación da súa profesora no boletín de notas dese mesmo mes é a seguinte: “Nena intelixente, atenta, será unha excelente alumna”. Seis anos despois, en novembro de 1942, a galega exiliada debutaba profesionalmente como primeira actriz en lingua francesa co nome de Maria Casarès.

Exterior do Lycée Victor-Duruy, en París CC-BY-SA Celette

En xaneiro de 1937 María Casares comezou a asistir no Duruy á “Clase para estranxeiras”, na que aprendeu o idioma

Na orixe da sentida homenaxe deste outono parisiense atópase outra galega, Isabel Becerra Castro, catedrática de español no Lycée Victor-Duruy, profesora orixinaria de Santaia de Gorgullos, en Tordoia, que co seu entusiasmo xeneroso e o seu compromiso memorial foi quen de mobilizar o alumnado, o persoal e o profesorado do centro, e de implicar o equipo directivo nesta fermosa iniciativa, que contou co apoio imprescindible de Pascale Vieu, catedrática de inglés, e de Hélène Amoroso, bibliotecaria e bisneta dunha ourensá. As diversas manifestacións con motivo desta inauguración reuniron e uniron en París a representantes do exilio e da emigración na homenaxe a unha persoa desprazada, colectivo do que sempre se reivindicou a actriz. Así, participaron activamente nos actos os xornalistas Tatiana Dilhat e Antonio Rodríguez (orixinario de Laxe), a inspectora de educación Valérie Vidal ou o Conselleiro de Cultura da Embaixada de España en París, Roberto Varela. Entre os asistentes, unha emocionante lista de persoas pertencentes a colectivos exiliados, resistentes, deportados, docentes ou artísticos, como Johanna Silberstein, actriz e codirectora de La Maison Maria Casarès, e galegas, como a coruñesa Julia Pérez, memoria viva en París da loitadora anarcosindicalista e antifascista Joaquina Dorado.

"En seis anos, o francés convertérase non só na súa lingua de comunicación e de aprendizaxe, senón tamén na súa lingua de creación. Este exemplo de superación e de tenacidade será certamente inspirador para as alumnas e os alumnos que veñen e que virán a esta biblioteca"

No acto de inauguración da biblioteca Maria Casarès tiven a honra de pronunciar as seguintes palabras ante as autoridades educativas e institucionais francesas e españolas e o público alí reunido en homenaxe:

 

María Casares é unha actriz imprescindible na historia do teatro –mais tamén do cinema– francés e europeo do século XX.

María Casares é unha creadora; móstrao o seu infatigable traballo de investigación ao redor da palabra, da interacción do corpo e da palabra. Palabra encarnada. O seu inmenso respecto por ela nace dunha sensibilidade poética extrema, manifesta na súa faceta de escritora.

Foi aquí, no instituto Victor-Duruy, onde teceu os seus fíos primordiais coa lingua francesa, pois María Casares é tamén e sobre todo –non o esquezamos– unha persoa desprazada, unha exiliada chegada a este país o día dos seus catorce anos, en novembro de 1936, expulsada polo golpe de estado fascista do mes de xullo en España e a terrible guerra que o seguiu. O día dos seus vinte anos, en 1942, debutaba como primeira actriz en lingua francesa. En seis anos, o francés convertérase non só na súa lingua de comunicación e de aprendizaxe, senón tamén na súa lingua de creación. Este exemplo de superación e de tenacidade será certamente inspirador para as alumnas e os alumnos que veñen e que virán a esta biblioteca.

María Casares en 'Orphee', en 1949 Dominio Público Praza Pública

"O fogar de María Casares e da súa nai Gloria Pérez Corrales en París foi lugar de acollida para todas aquelas persoas que vivían o exilio in situ durante a Ocupación alemá de Francia na Segunda Guerra Mundial. Un exemplo de solidariedade e de sororidade"

Queremos pois render hoxe aquí homenaxe á actriz e á exiliada, mais tamén á muller republicana e antifascista, a unha desas mulleres que participou no que Jacques Semelin chamou «a resistencia civil». O fogar de María Casares e da súa nai Gloria Pérez Corrales en París foi lugar de acollida para todas aquelas persoas que vivían o exilio in situ durante a Ocupación alemá de Francia na Segunda Guerra Mundial. Un exemplo de solidariedade e de sororidade.

María Casares era, por riba de todo, unha muller libre, que reivindicaba a súa independencia e a súa condición de muller, que asumía o seu corpo e o seu pensamento insubmiso, que nunca renegou das súas linguas e das súas culturas, que sempre se situou do lado da vida.

"María Casares era, por riba de todo, unha muller libre, que reivindicaba a súa independencia e a súa condición de muller, que asumía o seu corpo e o seu pensamento insubmiso, que nunca renegou das súas linguas e das súas culturas, que sempre se situou do lado da vida"

Grazas ao Lycée Victor-Duruy e a todo o seu equipo por esta magnífica iniciativa. María Casares estaría contenta e orgullosa de verse aquí, tan preto desas aulas onde aprendía a descifrar os misterios dos alexandrinos, nunha biblioteca onde atopara un libro de Alphonse Daudet coa sinatura da súa irmá maior, Esther Casares, alumna de Duruy de 1924 a 1926, e refén do fascismo en España durante dezanove anos.

Dun xeito fermoso e simbólico, o instituto da súa cidade de adopción devólvelle en certa maneira a biblioteca familiar espoliada polos fascistas na súa cidade de nacemento. Contra a violencia, contra a ignorancia, reparación histórica e xustiza poética.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.