Unha boa noticia: 26.000.000

CC-BY-SA Praza Pública

Hai uns días saltaba a nova de que unha carta asinada por 73 mandos retirados do exército dirixían unha carta ó Rei e contra o goberno, mentres (sóubose despois) nun grupo de Whatsapp un exaltado propoñía fusilar a 26 000 000 de españois 'fillos de puta'. Dende aquela, cun certo retardo no comezo, téñense escoitado diversas reaccións, e mesmo clamorosas non reaccións.

Para min, tamén tivo impacto a noticia, e algo diso é o que vou tentar expresar a continuación.

Para comezar, a cifra de 26 000 000, que non sei de onde sae, dáme unha satisfacción: seríamos -inclúome- maioría. Segundo o Instituto Nacional de Estatística, o 55 % dos españois. É dicir, mesmo a parte máis reaccionaria (hai outros cualificativos que quizais lle viñeran mellor, pero con este entendémonos ben) do espectro político está a recoñecer que somos unha maioría que temos claras e incorporadas ideas como a democracia ou a pluralidade, entre outras. Que haxa un amplo espectro de versións dentro desas ideas non lle preocupa a quen propón a acción, que ve eses millóns como un conxunto, e non debera tampouco preocupar ós depositarios delas, que nos deberamos de ver como tal conxunto, por heteroxéno que semelle.

Unha segunda consideración é sobre esa maioría. Se somos maioría ampla (55% fronte a un máximo de 45%), por que non se manifesta esa maioría como resultado nas urnas? E como resultado no poder? A primeira destas dúas preguntas coido que admite unha serie de respostas parciais no sentido de que cada unha axudaría a explicar o total, pero non podería nin moito menos explicalo por si soa. Respostas que incluirían cousas como a maior división das unidades políticas -partidos, pero non só- desa maioría, o maior desencanto da xente en relación ós seus representantes, que polo tanto absteríase máis, ou un bombardeo mediático do que o menos que se pode dicir é que é pouco clarificador.

En canto ó cualificativo 'fillos de puta', coido que está en fase de cambio de significado e valoración. Non como extensión insultante, senón como emblema: a estas alturas levo vistos xa en varios perfís nas redes sociais indicar cousas como 'eu tamén son un fillo de puta'. Ou sexa, o exabrupto actuou como unha dignificación da expresión ‘fillo de puta’. É o que ten cando se bota a pacer a lingua sen pensar, que o dito cobra vida independente e mesmo pode volverse en contra cunha potencia superior a aquela coa que foi lanzado.

Pero coido que o máis fastidiado é o por que chegamos a estas situación. E tampouco hai unha explicación única, senón varias que se reforzan mutuamente. Dende unha transición incompleta á invariancia no mando dalgúns grupos de persoas ó longo do tempo, pasando pola interferencia de poderes fácticos nos procesos democráticos, son algunhas desas explicacións que teñen a súa expresión en métodos que foron permitidos -ás veces mesmo alentados- polos nosos representantes ó longo do tempo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.