A hexemonía cultural do capitalismo convéncenos da necesidade de supeditar completamente a vida das persoas, na saúde e na enfermidade, como ordenaba Deus, ao mercado, a aquilo que eles denominan economía, entendida coma o lucro duns poucos, o negocio organizado mediante a explotación da nosa forza de traballo e da totalidade das nosas existencias. Sen límite.
A saúde e os coidados para quen poida pagar. E nin sequera. Se houber conflito, a ganancia prevalece. Todo debe someterse á lóxica da extracción capitalista, que é a fase suprema da explotación
Esa mesma hexemonía obríganos a ver, queiramos ou non, coma os ollos abertos con pinzas de Alex n’A laranxa mecánica, todo o que de natural debemos observar no feito arrepiante de que gobernantes sen escrúpulos organicen en colaboración con corporacións privadas o desmantelamento de algo tan esencial coma o coidado das persoas maiores e das persoas enfermas. Os restos de stock. A privatización da sanidade e dos coidados é a súa destrución como garantía do dereito universal a unha vida digna. A saúde e os coidados para quen poida pagar. E nin sequera. Se houber conflito, a ganancia prevalece. Todo debe someterse á lóxica da extracción capitalista, que é a fase suprema da explotación.
Creo que dificilmente se podería entender nada do que está pasando neste tempo duro sen ter en conta esa lóxica perversa e brutal que en España se manifesta en modo bárbaro baixo a capa que foi tecendo o franquismo durante longuísimas catro décadas atroces. Aí permanece, con todos os seus monstros superpostos aos monstros clásicos do odio á razón. Arrepía.
Non doutra maneira se pode entender nada daquilo que hoxe se naturaliza xa, principalmente a través da insistencia teimuda, constante e case nunca estrondosa dos medios de comunicación: todas as persoas que morreron e seguen morrendo como consecuencia desta pandemia son vellas e sofren patoloxías previas. É o dato de cada día, dá igual o número. Vellas e enfermas. Todas. Vellas e enfermas. Cada día. Unhas morren en hospitais e outras en residencias. Pero todas son vellas e enfermas. E non me parece casual esa insistencia informativa. Porque con ela se nos prepara como sociedade para que asumamos como natural a desaparición física de vellos e enfermos. Desprendernos dos restos de stock.
Os aparentemente formais, moderados e demócratas, como Urkullu, Feijóo e outros políticos e empresarios e xente de orde, tamén o formulan, pero confían no circunloquio, no cinismo e no disfrace
Os da facción salvaxe, coma Trump, Johnson ou Bolsonaro, non dubidaron en explicitalo desde os primeiros asomos da covid-19. Os aparentemente formais, moderados e demócratas, como Urkullu, Feijóo e outros políticos e empresarios e xente de orde, tamén o formulan, pero confían no circunloquio, no cinismo e no disfrace. Estes mesmos días, o líder do partido ao que pertence o presidente da Xunta deixaba que se lle desvelase a entraña. Non é lóxico, dicía, que as persoas mozas e sas estean confinadas mentres se destrúe a economía. Mozas e sas, xa sabes, xusto o contrario de vellas e enfermas. No centro, o palacio desa concepción agresiva, violenta e vil da sociedade: a súa economía. Os empresarios, de Valladolid e doutros sitios, foron un paso máis alá: seica non é sostible que unha sociedade se sacrifique por salvar persoas non produtivas.
O bloque do terror expón o seu programa.
A variedade expresiva é notable, pero o resultado é o mesmo: o lucro non pode cesar. Que a vida se someta a el. Se a vellez e a enfermidade son improdutivas, a súa atención non pode paralizalo todo. Son seres humanos aos que dedicarlles uns días de loito e unha foto de Virxe dolorosa, pero non constitúen razón suficiente para que se dediquen recursos humanos e económicos ao seu coidado. Habendo negocios en que investir e corporacións que acompañar nos seus modelos extractivos. A privatización da sanidade pública e dos coidados aos maiores e ás persoas con discapacidades tamén se erixe sobre esa lóxica: non dedicar recursos ás persoas non produtivas. Tíñao ben claro o conselleiro de Sanidade cando dicía hai non tanto que as camas debían estar nos hoteis, non nos hospitais.
En Galicia vai haber eleccións. Hai que asegurar a solidez do negocio antes de que esta pandemia abra ollos, e non precisamente coas pinzas que lle puxeron a Alex. Aí, no que queira que acabe sendo a campaña que se poida facer, habería que debater abertamente se como sociedade estamos dispostos a seguir someténdonos a esta lóxica criminal do negocio contra as vidas, xa de maneira literal, e a que por salvar a súa economía perdamos cada día unha parte dos restos de stock, ou se decidimos intentar romper con esta lóxica e desterrala para sempre. Será difícil sequera o debate, porque o máis probable é que na orde do día estea inscrita a conveniencia de que o ruído focalice en asuntos sen importancia ligados ao xogo da representación.
Non se tratará, pois, nas próximas eleccións, de decidir soamente se hai un lixeiro cambio político mediante unha moi necesaria e hixiénica substitución e desaloxo do peor e máis repugnante goberno posible
Xa sabemos que o poder ten mecanismos dabondo para tecer e impoñer a súa hexemonía, para conservala, e os contrapoderes incipientes e mal organizados non teñen aínda capacidade de incidencia suficiente. Pero hai que intentalo. Aquelas forzas que cren realmente que é imprescindible un cambio radical de paradigma e de modelo de sociedade deben intentalo ata a obsesión. Aínda que as insulten, lles impidan falar e as criminalicen. Teñen que intentalo sen descanso. Aínda que nos crebe a confianza mesma esa insensibilización xeneralizada que nos impulsa a aplaudir cunha man o exemplo fascinantemente humano dos profesionais da sanidade pública mentres coa outra preparamos o voto que vai confirmar todo o que fixeron aqueles que someteron e someten a eses profesionais e a propia sanidade pública a condicións precarias, infames, ruíns, mesquiñas e de desmantelamento e abandono. Aqueles que condenan as persoas maiores e enfermas por supeditárenas á súa lóxica de lucro. Mesmo nese caso, deberemos seguir insistindo. E máis alá.
Trátase de que nos opoñamos con toda a enerxía a someternos a esta sociedade anónima enteiramente dedicada ao lucro monumental dunha salvaxe minoría
Non se tratará, pois, nas próximas eleccións, de decidir soamente se hai un lixeiro cambio político mediante unha moi necesaria e hixiénica substitución e desaloxo do peor e máis repugnante goberno posible. Trátase de combater esa hexemonía do negocio que nos convida a inscribir na columna de perdas asumibles no balance de resultados esas persoas maiores e enfermas que se nos van indo en soidade neste tempo duro. Trátase de que nos opoñamos con toda a enerxía a someternos a esta sociedade anónima enteiramente dedicada ao lucro monumental dunha salvaxe minoría.
Se como sociedade non damos superado este instante vil e mesquiño, o futuro, máis alá de quen gañe as eleccións, non será máis prometedor ca o abismo.