Nun xornal do venres 15 de setembro aparecía o artigo 'Hacia la armonía industrial y social del viento'. Xunto con foto e parágrafos subordinados, dúas páxinas. E claridade: en subtítulo, 'Administración y grandes empresas productoras y consumidoras de energía analizan el desarrollo de proyectos eólicos en Galicia'. Nas fotos, un salón da sede do xornal.
O título chámame a atención. Se entra o 'social', onde está a sociedade no que relata o texto? Onde os expropiadiños, onde a xente que se opón, onde os beneficios directos á sociedade máis próxima (non os xerais e indirectos, vía tarifa e consumo), onde a 'harmonía'?
Se entra o 'social', onde está a sociedade no que relata o texto? Onde os expropiadiños, onde a xente que se opón, onde os beneficios directos á sociedade máis próxima (non os xerais e indirectos, vía tarifa e consumo), onde a 'harmonía'?
Está claro quen conta: Administración (entendendo por tal altos cargos, pode que de aí o 'A' maiúsculo máis que polo comezo de parágrafo) e grande empresa (entendendo por tal as 'cabezas visibles', quizais 'os' cabezas visibles, pois nas fotos e texto só aparecen homes a excepción dunha periodista). E, aínda que ás veces conte moito, parece que desta tampouco contaba o poder xudicial, que naquelas datas andaba a mandar dar marcha atrás a autorizacións para parques eólicos. Autorizacións por certo que eran revertidas de xeito relacionado con incumprimentos medioambientais que se escamoteaban nos estudos de impacto pertinentes. Basicamente, quen estaba na mesa redonda pode cualificarse dun xeito amplo co termo anglosaxón de shareholder: posuidor compartido dunha empresa ou actividade. De aí a manter unha condición de equidade e obxectividade que permita usar o que alí se diga para formar unha opinión crítica e levar adiante unha acción para ben de todos, hai un looongo camiño. Camiño que non só non recorría o artigo senón que se encargaba de esvaecer. Case máis ben, dado o lugar do encontro e a propaganda do mesmo, patrocinar como poder mediático.
Está claro tamén que iso non significa ir cara a 'harmonía industrial e social'. Máis cando sistematicamente a oposición ós proxectos eólicos tal como están concibidos é acalada ou ninguneada. Os participantes na 'mesa de debate' eran cualificados cono expertos. Mais todos eles estaban alí non tanto como tales, senón máis ben en función de representantes empresariais e administración na rama de contacto coas empresas. E os expertos (agora, sen comiñas) provintes do conxunto social, da xente de a pé? De ter algo de debate, foi un debate nesgado.
Claro que non debe estrañar que iso ocorra, só con mirar o entramado societario que se usa para este tipo de proxectos. Xa antes de comezar a construción dun parque, a empresa matriz desenténdese de todo o que non sexa apoio e ganancias, tentando desvincularse de riscos ou mala imaxe. E por suposto, tamén das perdas, se as chega a haber. A mensaxe: privatizar o vento ten beneficios. E é certo. Para algúns, claro.