Unha casa dividida

As primarias poñen as entrañas dos partidos á luz, e o partido republicano estase revelando como unha estrutura profundamente dividida. O que nos deixa o not so super Tuesday é un Romney gañador pero que queda por debaixo dos prognósticos; un Romney que está un pouco máis preto de recibir a inevitable nominación final como candidato, pero que segue lonxe do apoio que os favoritos reciben tradicionalmente a estas alturas do proceso. Non estamos vendo, por tanto, nada remotamente semellante á clara validación que recibiron candidatos presidenciais coma Reagan no 1980 ou George W. Bush no 2000. 

A culpa é, en parte, do cambio no sistema de primarias que aprobou a última Convención Nacional Republicana e que tivo como resultado a desaparición da coordinación de expectativas, o momentum, que adoitábamos presenciar neste punto. Sen chegar a ser tan proporcionais como as do partido demócrata, as novas primarias republicanas facilitan a captura de delegados a todos os candidatos ao reemprazarse o todo-ou-nada antigo que beneficiaba claramente ao líder, polo que ten sentido resistir na competición durante máis tempo ca antes.

Aínda que este método logra unha representación máis perfecta de cada unha das diferentes sensibilidades internas, faino a cambio de eliminar unha recta final na que se escenificaba a reconciliación e a volta á unidade arredor dun candidato arroupado por todas as faccións. Pola contra, a campaña preséntase agora como unha longa guerra de desgaste que reporta menos beneficios polo mesmo esforzo e que pode que non se resolva ata o derradeiro minuto.

O partido republicano amosa claros signos de polarización dende o 2008, cando se empezou a etiquetar a elección de Obama como transformadora

Porén, as causas profundas hai que buscalas máis atrás. O partido republicano amosa claros signos de polarización dende o 2008, cando se empezou a etiquetar a elección de Obama como transformadora, no mesmo sentido que o puido ser o realiñamento político do Sur con Johnson e a Southern strategy de Nixon e Goldwater. Os cambios demográficos que trouxeron un maior peso das minorías tradicionalmente demócratas, a fuxida dos independentes despois da segunda administración Bush e, sobre todo, a crecente importancia electoral dos novos temas sociais asociados á culture war agudizaron as tensións entre as diferentes tendencias republicanas -tea partiers, conservadores, libertarios, élite empresarial-.

Dito de outro modo, a necesidade dunha reforma estrutural dos principios fundacionais do partido acelerou a toma de posicións e a competencia pola hexemonía interna entre grupos nos que se está a difuminar a antiga identidade común.

Faise moi tentador para o votante optar por un voto expresivo que non esixa sacrificar as preferencias políticas persoais, mesmo se iso implica apoiar candidatos con poucas opcións contra Obama como Rick Santorum

Entón, aínda que a decisión sensata nunhas primarias sexa escoller ao candidato que ofreza unha maior probabilidade de gañar nas presidenciais de novembro, nun contexto de grande diverxencia entre os candidatos faise moi tentador para o votante optar por un voto expresivo que non esixa sacrificar as preferencias políticas persoais, mesmo se iso implica apoiar candidatos con poucas opcións contra Obama como Rick Santorum.

Ademais, un xesto así tamén lle permite sinalizar ao nomeado republicano que debe minimizar o irremediable movemento cara o centro que comezará en canto teña que seducir ao electorado xeral, a non ser que queira correr o risco de perder apoios na retagarda. Especialmente se se trata dun candidato coma Romney que acumula un amplo historial de inconsistencias nas políticas que máis preocupan ás bases máis comprometidas.

Será complicado convencer aos votantes moderados de que Romney é un contendente serio para ocupar a Casa Branca cando se está a demostrar que o seu partido fixo todo o posible para non ter que escollelo

Agora ben, a estratexia de minimizar a vitoria de Romney é perigosa por canto que iso implica prolongar a campaña. É verdade que non temos evidencia clara de que as primarias, por moito que sexan particularmente agresivas coma a deste ano, danen a candidato cando chega a elección que realmente importa, a de novembro. Non obstante, desta volta pode ser diferente: será complicado convencer aos votantes moderados de que Romney é un contendente serio para ocupar a Casa Branca cando se está a demostrar que o seu partido fixo todo o posible para non ter que escollelo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.