Algunha vez fun obxecto de maldicir e mala fe. De campañas de bulo e desprestixio social orientadas a facerme todo o dano posible. Un par delas que eu saiba. Malia que podo entender que motivou a quen calumniou ou inxuriou ou manipulou (basicamente, a vontade de mancar a calquera prezo, a ira, o despeito...), cústame máis comprender a esa masa que aplaude e senta, coas pipas fritidas, a gozar do espectáculo, vendo como loitas por zafar dos leóns na area do circo romano. Tampouco consigo empatizar con aquelas que animan a rifa, que se posicionan e botan leña a un lume perigoso, seguras de que a elas nunca as queimarán na fogueira porque iso acontécelle a “outras”.
De non telas padecido, non podo afirmar cal sería o meu comportamento ante estas estratexias sociais tan cuestionables desde a ética, a moral e a bondade, porque son humana. Se cadra, a aprendizaxe na propia carne fíxome máis sensible cara estas actitudes e comportamentos. Non vou dar as grazas aos meus verdugos por iso mais tampouco leccións sobre materias que non aprobase con nota. Censuro con firmeza calquera tentativa de mancar desta maneira tan covarde.
Dentro do que cabe, eu fun afortunada porque os meus conflitos non se dirimiron nas redes. Tiveron lugar en espazos presenciais e o eco foi diferente, o mesmo que o control de danos. Os xuízos sumarísimos que acontecen agora nos espazos virtuais son terribles. Nesgados, inquisitoriais. Xurados populares sen capacidade ou atención lectora, sen elementos de xuízo suficientes, sen análise nin pensamento crítico que se adiren a aquelas sentenzas que máis lles acougan. Que se posicionan e braman desde unha boa dose de descoñecemento, sen decatarse da manipulación á que lles somete quen colle a parte polo todo e fai verdades e palabra santa afirmacións acusatorias daniñas en forma de bomba de racimo. É a mesma lóxica dos discursos do populismo da ultradereita. Deixar a obxectividade a un lado para comunicar desde a emocionalidade. Cambiar cerebro por tripas, corazón por intestinos, para adquirir privilexios que atentan contra aquelas mesmas a quen utilizan para conquistalos.
No tsunami desta clase de accións, hai un epicentro. Un movemento telúrico que xera o terremoto que move o mar e crea a onda xigante que asola a costa. As palmeiras que mascan pipas e animan a batalla na area do circo, son as pingas da onda. No caso da ultradereita, sabemos quen move as capas xeolóxicas. Nos casos sociais, ás veces si, ás veces non. É máis doado que o rastro desa man que move o berce esvaeza, quedando como instigadoras aquelas que só foron os seus monicreques, de cote mesmo involuntarios.
As pingas validan estratexias e comportamentos cando se ataca a aquelas das que non gustan. As mesmas que saltan indignadas se o ataque é contra as súas. As que pensan que uns dereitos son máis importantes que outros, ou que os dereitos duns son máis importantes ca os de outros.
O papel do xornalismo e do pensamento crítico diante destas situacións non é o de pinga. Debería ser o da equipa científica que analiza as probabilidades de movementos das capas terrestres, que alerta á poboación do tsunami e que documenta o desastre para tentar evitar que se repita.
Como sociedade, aínda non entendemos que hai tempo que a virtualidade xa non é virtual. O que acontece no espazo intanxible da internet ten consecuencias directas na vida das persoas e nas relacións e condutas sociais. Xa vai sendo tempo de que caiamos desa burra.
Son parte do padroado deste medio. Agradezo a honra e síntome obrigada a corresponder a confianza recibida en tal encomenda. Por iso coido que o exercicio máis responsable da miña parte é o de chamar a atención sobre como podemos acabar sendo un elemento, mesmo unha arma, nas mans erradas. A vontade de servir á liberdade de expresión que caracteriza a Praza.gal colidou con múltiples puntos de vista, intereses e conflitos que pouco ou nada teñen que ver co medio en si, a raíz da sonada entrevista na que un autor critica e cuestiona ao seu editor, na miña humilde opinión con argumentos bastante infantís e acusacións graves que non se documentan ou sosteñen tras unha pescuda algo seria (que fixen antes de falar). As redes fixeron o resto. Descoñezo cal é a man que move o berce neste caso concreto, mais imaxino a man do Doutor Gang acariñando o seu gato e, este si con razón, comendo pipas mentres goza co espectáculo.