Unha derradeira xeración de soñadores

Un artigo recente afondaba con preocupación nun asunto de longa traxectoria filosófica: o coñecemento da historia parece non estar evitando os erros

“Eu quedarei sen paga, pero eles marcharán para o seu país!”, berraba con indignación mirando a cámara unha muller que parece boa mostra do suxeito contemporáneo. A muller, que non especificaba nada máis, entendía perfectamente e facíase entender. Sabía que o seu desexo non era guiado polo razoamento político que fundamenta o seu interese (de clase), senón por un resentimento que calcula mal e conta con verse saciado tan axiña como se faga desaparecer o obxecto do seu odio.

Un artigo recente afondaba con preocupación nun asunto de longa traxectoria filosófica: o coñecemento da historia parece non estar evitando os erros. A diferenza doutras especies, cunha memoria sintética que contén, na reacción, a comprensión intuitiva da natureza do estímulo, a memoria humana é narrativa. A súa está apegada ao empírico e resolve, a nosa creou moita riqueza cultural pero tamén unha visión distorsionada da realidade, afectada polas crenzas, con raíz emocional.

Non é que á muller lle falte coñecemento, é que lle falta sabedoría: xestiona ben os datos, pero non os afectos, que a cegan ata o punto de valorar a súa propia inmolación, só a cambio da inmolación allea. Vistos os resultados electorais no Estado de Saxonia-Anhalt, en Alemaña, o sentir dela parece común.

Nun mundo en tensión extrema, con persoas que escapan da miseria, da crise climática, dos conflitos bélicos, é dicir, refuxiados da xeopolítica, os suxeitos funcionais parecen ser os producidos con éxito polo troquelado máis eficaz do sistema. A saber, os que pensan que, neste panorama, é a forza individual e non a palabra común a que pode asegurar a supervivencia.

Nun mundo en tensión extrema, con persoas que escapan da miseria, da crise climática, dos conflitos bélicos, é dicir, refuxiados da xeopolítica, diso que Zapatero chamou realpolitik, os suxeitos funcionais parecen ser os producidos con éxito polo troquelado máis eficaz do sistema. A saber, os que pensan que, neste panorama, é a forza individual e non a palabra común a que pode asegurar a supervivencia. O eu contra ti. Cheas están as cabezas de filmes distópicos nos que un, só ou en clan, se enfronta ao que nun pasado foi mundo, con certa pretensión de orde e sentido. En realidade, case debemos agradecer ao sistema o tino de producir subxectivacións capaces de sobrevivir nun entorno destruído por el mesmo. As que están fóra de onda son as persoas que aínda soñan coa posibilidade de reverter a caída. Son coma os delirantes do filme Resurrection (Bi Gan, 2025), seres disociados da realidade, unha derradeira xeración de soñadores. 

Un científico do CSIC repetiuno con claridade: a Península será inhabitable en 2050 polas altas temperaturas. Algún enxeñeiro forestal indica que se pode reverter un pouco esta tendencia só con novas políticas de reforestación intensiva. De non facelo, os que quería a señora marcharán para o seu país, en efecto, pero, a ver para onde marcha ela... Mais estes datos non satisfán ningún afecto reactivo, ningunha baixa emoción, por iso, a pesar da, por exemplo, declarada postura ambiental da ultradereita, poden tomar os seus membros as institucións do mesmo xeito no que chegou este domingo Ulrich Seigmund ao colexio electoral: sorrinte sobre a moto Simson Schwalbe, chiscadela nacionalista de aparencia cool, e amparado por unha paisaxe mesmo bucólica, se non fose polo peiteado nazi, que ten a virtude de expor xusto o punto no que certa elegancia se converte en crueldade, que é a vontade de dominio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.