A cita electoral do vindeiro 29 de Novembro presenta unha especificidade novidosa a respecto doutras convocatorias deste tipo: o corpo electoral é consciente de que, a pesar da variedade de ofertas, só hai dúas grandes opcións que resultan mutuamente incompatíbeis
Dende hai un certo tempo, utilízase unha expresión metafórica -"cisne negro"- para aludir á existencia de determinados acontecementos que, sen estar previstos nas análises prospectivas dominantes en determinadas areas do mundo, provocan importantes consecuencias nas dinámicas sociais e/ou políticas.
A partir de Marzo de 2020, o volume e as características dos "cisnes negros" rexistrados no ámbito ou na contorna do Estado español resultaron espectaculares: a pandemia da COVID; a activación dun volcán nunha illa canaria; a intervención militar en Ucraína ordenada por Putin; a masacre xenocida practicada polo goberno de Israel en Gaza; a agresión do Exército norteamericano en Irán; a caída xeneralizada do sistema eléctrico español durante case 24 horas; os tráxicos efectos derivados da DINA padecida na Comunitat valenciana; os dous graves accidentes ferroviarios rexistrados na liña do AVE de Madrid a Sevilla; a entrada masiva de cidadáns de Marrocos en Ceuta...
Agora, a diferenza do que pasaba no 2023, quen vaia votar sabe que Feijoo só chegará á Moncloa se Abascal vai metido na futura equipa gobernamental
Como é sabido, todos estes acontecementos impactaron notabelmente sobre o labor daquelas Administracións públicas que xestionan competencias afectadas por semellantes sucesos. No caso do goberno do Estado, as respostas adoptadas resultaron basicamente acaidas para neutralizar boa parte dos efectos negativos sobre o benestar da maioría social. Tendo en conta a imprevisibilidade dos feitos, as decisións acordadas polas formacións políticas que propiciaron a investidura de Pedro Sánchez -coa excepción de Junts- permitiron resolver boa parte das dificultades padecidas polos sectores mais vulnerábeis do corpo social. A teórica alternativa presente nas Cámaras parlamentarias -PP e Vox- moveuse entre o aproveitamento partidista das distintas crises xurdidas e a negativa explícita ante determinadas medidas destinadas a aliviar o padecemento social. Tal comportamento non se traduciu no custe reputacional e/ou electoral que cabería agardar talvez porque atopou importantes complicidades no territorio da dereita mediática e tamén na estrutura do conservadorismo xudicial.
Se o comportamento do electorado puidese ser analizado con parámetros estritamente racionais, habería poucas dúbidas sobre a superioridade relativa do balance que pode presentar a actual e plural maioría parlamentaria
A cita electoral do vindeiro 29 de Novembro presenta unha especificidade novidosa a respecto doutras convocatorias deste tipo: o corpo electoral é consciente de que, a pesar da variedade de ofertas, só hai dúas grandes opcións que resultan mutuamente incompatíbeis: unha eventual maioría parlamentaria do PP con Vox ou a confirmación dun bloque conformado pola conxunción de PSOE, FA, Bildu, ERC, BNG e PNV (coa incógnita do definitivo posicionamento dunha forza como Junts). Agora, a diferenza do que pasaba no 2023, quen vaia votar sabe que Feijoo só chegará á Moncloa se Abascal vai metido na futura equipa gobernamental. Xa que logo, o dilema está servido: ou gaña un programa de actuacións que, alén das retóricas propagandísticas, representa un real proceso involutivo en materia de dereitos individuais e sociais ou faise realidade unha nova versión, mellorada, da concertación entre as esquerdas estatais e soberanistas que manteñan e amplíen os estándares de benestar público e afonden no desenvolvemento dunha cultura plurinacional no xeito de entender o funcionamento do actual Estado.
Se o comportamento do electorado puidese ser analizado con parámetros estritamente racionais, habería poucas dúbidas sobre a superioridade relativa do balance que pode presentar a actual e plural maioría parlamentaria. Mais alá dos erros cometidos e das insuficiencias constatadas nos sete últimos anos de andaina gobernamental, a práctica dunha oposición destrutiva e mediocre por parte do PP -primeiro capitaneado por P. Casado e despois por A. Núñez- e da versión española cutre do trumpismo representada por Vox, non proporcionaría a credibilidade necesaria para merecer a confianza que solicitan nas urnas. Pero hai xa un certo tempo que se detecta a presenza de factores mobilizadores tan importantes ou mais que os que se poderían catalogar como integrantes dun "cálculo racional": o espallamento dun clima de odio ao "sanchismo", a normalización de prácticas deshumanizadoras ante as persoas inmigrantes, a asunción de relatos conspiranoicos para negar determinadas evidencias proporcionadas polos avances científicos, o sentimento de pertenza a unha corrente internacional de orientación conservadora que está acadando cada vez mais presenza no reparto do poder mundial...
O recente triunfo de Lula ou o desastre sufrido polo partido de Trump permiten cuestionar a inevitabilidade do éxito da coalición PP-Vox. Definitivamente, estamos ante unha encrucillada electoral decisiva
O recente triunfo de Lula, o desastre sufrido polo partido de Trump nos comicios ao Congreso e ao Senado dos USA, as dificultades electorais que atravesa Netanyahu e o éxito das candidaturas promovidas polos estudantes mobilizados de Serbia son exemplos recentes que permiten cuestionar a inevitabilidade do éxito da coalición PP-Vox. Definitivamente, estamos ante unha encrucillada electoral decisiva.