Unha esperanza para Galicia

A unidade da esquerda alternativa e do nacionalismo / galeguismo é unha novidade esperanzadora para as próximas autonómicas galegas. O PP representa o partido neoliberal e antisocial a derrotar, pero o PSdG e o BNG son unha oposición anquilosada, sen pulso nin rumbo político. A unión de Esquerda Unida con Anova así como a incorporación de EQUO e outros partidos máis pequenos pode marcar un punto de inflexión na política Galega.

A unión de Esquerda Unida con Anova así como a incorporación de EQUO e outros partidos máis pequenos pode marcar un punto de inflexión na política Galega

Se nos centramos nos resultados prácticos, a presentación por separado daría como resultado que EU e Anova acadasen de cero a dous escanos cada un. Unha lista conxunta de EU, Anova e EQUO sacaría de seis a oito escanos (2/3+1+1+2/3) dependendo dos restos D'Hondt. A metade deses escanos perderíaos estatisticamente o PP, co que lle resultaría imposible repetir maioría absoluta.

Unha mención aparte merece CxG. A súa deriva cara a dereita nas últimas semanas é preocupante, desde o acordo con Terra Galega e outros partidos de centro-dereita, ata a negativa a ir con EU por ser anticapitalista (como se alguén con sensibilidade social puidese non ser anticapitalista), pasando pola argumentación de Bascuas de que os empresarios son os que crean a riqueza (como se as persoas que traballan para eles non fosen as que realmente producen os beneficios). Se a finalidade de CxG é crear un PNV ou unha CiU galega, que o diga claramente, pero que non se disfrace de progresista para poñer en marcha un proxecto conservador.

Se a finalidade de CxG é crear un PNV ou unha CiU galega, que o diga claramente, pero que non se disfrace de progresista para poñer en marcha un proxecto conservador

A posición do Espazo Ecosocialista é de recoñecer posto que axudou a que CxG retirase a súa negativa rotunda a ir con EU e deixase aberta esa posibilidade para as asembleas comarcais que, finalmente, a aprobaron, aínda que logo a dirección de CxG se botase atrás e decidise, en contra das súas bases, non entrar na coalición con Anova, EU e EQUO. O coherente para o Espazo Ecosocialista sería que abandonase CxG para incorporarse á candidatura conxunta, dado que non parece viable que poida permanecer ante a deriva cara a dereita de CxG: para socialdemocracia galeguista light xa temos o PSdG; o que precisamos en Galicia é un partido tan inequivocamente de esquerdas como galeguista e non un centro progresista indefinido, que só vai servir para atraer a tódolos caciques en potencia que non orbitan en torno ó PP.

O coherente para o Espazo Ecosocialista sería que abandonase CxG para incorporarse á candidatura conxunta, dado que non parece viable que poida permanecer ante a deriva cara a dereita de CxG

Resulta curioso como cambian as percepcións en menos de un mes. Nun principio parecían ter máis perigo de caer en posicións dogmáticas Anova, polo seu soberanismo, e EU, polo seu comunismo, mentres que CxG parecía moito máis pragmática e moderna. Pero, finalmente, o pragmatismo resultou estar do lado de Anova e EU ó chegar a un acordo intelixente, mentres que CxG sacou á luz certo fundamentalismo cando se negaba a ir con forzas que non “fosen de aquí", tirando polo chan toda a súa retórica anterior relativa a que había que abrirse ó galeguismo e renegar do nacionalismo identitario. É comprensible que CxG tivese medo de perder unha porción do electorado do centro-esquerda se ía nunha lista anticapitalista, pero a súa argumentación procapitalista no económico e maniquea no “ser de aquí” foi un erro que vai levar a moitas suspicacias.

Pero vaiamos ó conseguido. Un primeiro efecto positivo da coalición EU - Anova - EQUO consiste en que o maior achegamento e coñecemento entre todos vai levar a rachar estereotipos manipuladores que os uns poidan ter dos outros ó ver que é relativamente sinxelo acordar propostas políticas prácticas cando se deixan de lado as consignas maximalistas, que non son máis que brindis ó Sol e só serven para separar con etiquetas identitarias ("nacionalistas", "comunistas", "españolistas", etc.).

Un primeiro efecto positivo da coalición EU - Anova - EQUO consiste en que o maior achegamento e coñecemento entre todos vai levar a rachar estereotipos manipuladores

Unha cousa que queda enriba da mesa é como se van articular as relacións entre os partidos que compoñen a coalición despois das eleccións. A unión electoral entre EU e Anova non ten por que rematar tralas autonómicas e EU debería seguir a colaborar con outros partidos da esquerda como EQUO, gañando EU apoio social e EQUO, a posibilidade de que as súas posicións de ecoloxía política, de equidade social, de sustentabilidade económica, ambiental e social, contra o cambio climático e en defensa dos dereitos civís teñan maior penetración. E o Espazo Ecosocialista e EQUO deberían apoiarse mutuamente para reforzarse e potenciar ás súas propostas ecosocialistas. Pero todo isto é algo para despois das eleccións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.