Unha lei de incendios que nace mal

Incendio en Monterrei, nunha imaxe de arquivo © UME

Nestes días vense sucedendo na prensa varias novas que deixan intuír cara a onde quere pivotar a nova Lei de Incendios Forestais. Nin agora nin antes se deu o debate amplo, sereno e axeitado que merece un instrumento do calado desta lei

Nestes días vense sucedendo na prensa varias novas que deixan intuír cara a onde quere pivotar a nova Lei de Incendios Forestais. Nin agora nin antes se deu o debate amplo, sereno e axeitado que merece un instrumento do calado desta lei. Desde o propio Consello Forestal de Galicia, reunido nestes días, advírtese de que o Executivo pretende tramitala pola vía exprés: levala ao Parlamento e aprobala ás carreiras, sen agardar polas alegacións que se reclamaron nese mesmo órgano. Nun exercicio real de madurez democrática esíxelle o contrario: escoitar, recoller achegas, lexislar e executar ao servizo de toda a cidadanía. Porque os incendios xa non son un problema sectorial. Desde 2025 os incendios son unha emerxencia civil de primeira orde.

Nun texto errático e desenfocado, que no substancial amosa unha total falta de vontade de mudar o que xa temos, hai dúas cuestións que deberían alarmar o conxunto da sociedade galega.

A primeira: antes de endurecer aínda máis o trato ao pequeno propietario, cómpre acompañalo. Fai falta unha gran campaña de sensibilización e pedagoxía, co apoio técnico e económico que a Administración Autonómica ten a obriga de prestar para que todos poidamos cumprir. Só despois será lexítimo esixir esa corresponsabilidade a todo o mundo.

Non se albisca por ningures unha mudanza seria. Os Bombeiros Forestais seguiremos a reclamar, ata a extenuación, traballo estable todo o ano en prevención, extinción, restauración e atención ás continxencias do medio rural

A segunda: a agudización da crise climática e o imparable éxodo do rural súmanse a un problema estrutural, o das nefastas políticas forestais que, desde Medio Rural, converteron moitos dos nosos montes en monocultivos de piñeiros e eucaliptos, e que así os seguirán mantendo.

Chama a atención a falta de intencionalidade en boa parte dos lumes deste ano e convidar así á reflexión ante isto: no Galleiro por traballos forestais, en Padrón liña eléctrica, Boborás, Vimianzo/Laxe e en Ribas de Sil por lóstregos. E en Salceda de Caselas, a saída de pista dun coche de rali. Moito gran lume non buscado. Unha lei que pon o foco no castigo, dificilmente dará resposta ao lume que, en gran medida, ten orixe accidental ou natural.

Non se albisca por ningures unha mudanza seria. Os Bombeiros Forestais seguiremos a reclamar, ata a extenuación, traballo estable todo o ano en prevención, extinción, restauración e atención ás continxencias do medio rural. Unha formación máis ampla e continuada, mellores equipamentos e medios, e máis dotacións en persoal. Porque, ata hoxe, somos un dos poucos antídotos reais e efectivos contra esta calamidade incendiaria que nos consume como pobo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.