Unha lexislatura cun epilogo tráxico

Pedro Sánchez comparece para anunciar a convocatoria de eleccións o 29 de novembro © La Moncloa

Dende o primeiro minuto, PP e Vox fixeron todo o posíbel para impedir a chegada de Sanchez á Moncloa. Sabía que a lóxica democrática esixe unha maioría de apoios parlamentares dos que -tal e como se comprobou- carecía pero buscaba outro obxectivo: alimentar a narrativa da ilexitimidade da elección de Pedro Sánchez. Fixar a mensaxe de que el non era presidente porque non quería aceitar a chantaxe das forzas independentistas e soberanistas

A convocatoria electoral realizada por Pedro Sánchez para o vindeiro 29 de Novembro pecha a lexislatura que naceu despois dos comicios celebrados o 23 de Xullo de 2023. Naquel momento, os resultados permitiron -mediante un proceso negociador relativamente prolongado- a investidura do actual presidente do goberno a pesar de que o PSOE non acadara a condición de forza mais votada nas urnas.

Dende o primeiro minuto, PP e Vox fixeron todo o posíbel para impedir a chegada de Sanchez á Moncloa. Apoiado por unha campaña explícita da dereita mediática e forzando a legalidade vixente, Feijoo presentou a súa candidatura presidencial no Congreso en base ao argumento de que tiña obtido mais escanos que o Partido Socialista. Sabía que a lóxica democrática esixe unha maioría de apoios parlamentares dos que -tal e como se comprobou- carecía pero buscaba outro obxectivo: alimentar a narrativa da ilexitimidade da elección de Pedro Sánchez. Fixar a mensaxe de que el non era presidente porque non quería aceitar a chantaxe das forzas independentistas e soberanistas.

Houbo, pois, unha maioría no Congreso para investir ao candidato socialista pero sen un acordo programático de gobernabilidade para toda a lexislatura. Esta singularidade fíxose evidente na tramitación de diversas iniciativas: aprobouse unha lei de amnistía para os implicados no "procés" catalán grazas ao apoio de todas as forzas políticas agás o PP, Vox e UPN; rexeitouse un proxecto de redución da xornada laboral pola negativa de Junts; os orzamentos xerais ficaron bloqueados pola inexistencia dun acordo de suficiente amplitude entre as distintas forzas políticas concernidas...

A lei de amnistía representou, certamente, un punto e aparte na dinámica política vixente no Estado español nos últimos 15 anos. A importancia desta norma na xeración dun novo clima no seo da sociedade catalá e nas relacións coas demais comunidades resulta indiscutíbel. Pódese afirmar que a dereita política apostou dende o primeiro momento polo fracaso desa reconstrución das pontes de entendemento que se puxeron en marcha e que, para semellante obxectivo, contou co apoio manifesto da dereita xudicial dirixida polo maxistrado Manuel Marchena. As recentes sentenzas do Tribunal Constitucional e do Tribunal de Xustiza da UE certifican que o Tribunal Supremo non quixo aceitar a vontade do poder lexislativo, prolongando a belixerancia pública previamente exhibida por membros da xudicatura nas portas dos despachos xudiciais cando se estaba tramitando a lei no Congreso.

A morte de Mari Carmen Abascal, símbolo da resistencia fronte aos desafiuzamentos, converteuse no epílogo inesperado desta lexislatura que agora caduca. Personifica, acaidamente, as terríbeis consecuencias da cobiza propia do capitalismo salvaxe que habita entre nós

A "crise catalá" foi un dos principais factores que propiciou un medre da crispación política até unha dimensión que non tiña precedentes. Houbo significados creadores de opinión que defenderon a comenencia de aplicar unha liña da máxima contundencia lexislativa e xudicial contra o movemento independentista. Aznar pronunciou a súa famosa consigna ("quen poda facer que faga") e Feijoo actuou como un disciplinado alumno do seu profeta partidario. As consecuencias desta guerra deixaron acontecementos moi relevantes nestes tres intensos anos de lexislatura: procesamento e condena do fiscal xeral Alvaro García Ortiz, xuízo e condena ao irmán de Pedro Sánchez e imputación de Begoña Gómez. Unha parte poderosa da maxistratura conservadora decidiu asumir un papel protagonista no desgaste do goberno de coalición, creando situacións inéditas que cuestionaban partes substanciais da arquitectura propia dun sistema democrático de calidade.

Durante a lexislatura que ven de rematar aprobáronse importantes medidas sociais dirixidas á protección e/ou mellora das condicións de vida dos sectores menos privilexiados do tecido social. Neste ámbito, as coincidencias e acordos rexistrados entre PSOE, Sumar, ERC, Bildu, BNG e Podemos resultaron determinantes. A posición do PNV tivo luces e sombras mentres que, no caso de Junts, predominou a coincidencia con PP e Vox.

Nalgunhas das cuestións mais relevantes relativas á situación internacional, houbo unha meritoria maioría parlamentaria contraria ás políticas de Trump e Netanyahu e favorábeis ao remate do xenocidio practicado en Gaza e da agresión cometida contra a República de Irán. O goberno estatal, avalado polas formacións políticas xa sinaladas, ocupou unha posición de vangarda no seo da UE na defensa dunha orde internacional baseada en normas e valores democráticos. A xenreira amosada pola Administración Trump e polos poderes que conforman a internacional reaccionaria revalorizou o crédito mundial do labor das institucións democráticas do Estado español.

A morte de Mari Carmen Abascal, símbolo da resistencia fronte aos desafiuzamentos, converteuse no epílogo inesperado desta lexislatura que agora caduca. Personifica, acaidamente, as terríbeis consecuencias da cobiza propia do capitalismo salvaxe que habita entre nós.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.