Unha maioría parlamentaria progresista para unha política de esquerdas

As eleccións do 10N viñeron a confirmar, contra a teima e falta de visión políticas de Pedro Sánchez (PSOE), que resulta necesario, diría que imprescindible, formar en España un goberno de ampla maioría que poña en marcha políticas que son de urxente aplicación. Moito mais si temos en conta que, como sinalaba nun artigo anterior neste mesmo medio, temos as portas unha nova crise económica. Un goberno que debe contar co apoio das forzas nacionalistas maioritarias (moi especialmente o PNV e ERC) que aparecen, hoxe por hoxe, como imprescindibles para gobernar España.

Políticas que abran a porta a cambios moi profundos que ao tempo son moi urxentes. Cambios no actual sistema fiscal español e que afectan a insuficiencia dos ingresos, a falta de equidade e a fraude fiscal. A presión fiscal en España está 5,5 puntos por baixo da media na Unión Europea situándose, deste xeito, na cola en canto a recadación (70.000 millóns de euros de perda de recadación). En España, asemade, os ricos pagan poucos impostos por que a presión fiscal está repartida de xeito inxusto. Si España está a cola europea en canto a recadación está, nembargante, a cabeza en canto a fraude fiscal (calculase que entre o 30% e o 40% do diñeiro dos maiores patrimonios españois está camuflado e que o redor de 140.000 millóns de euros, que equivalen ao 12% do PIB, permanecen depositados en paraísos fiscais, ocultos ao fisco español). Neste marco o sistema fiscal español precisa, por caso, dunha reforma dos módulos, ampliando o número dos mesmos basicamente entre os que teñen mais ingresos –o que faría mais progresivo o sistema- unha maior contribución dos grandes capitais como as multinacionais e as empresas dixitais e de reformas fiscais no sector da vivenda. Finalmente España ten que por en marcha un plan de loita contra a fraude fiscal realista i eficiente –segundo cálculos de expertos permitiría recadar 40.000 millóns de euros mais anualmente a medio prazo-.

O fracaso das últimas reformas laborais neoliberais resulta, hoxe por hoxe, indiscutible. Facilitalo despido e precarizalo emprego non serviu para incrementalo emprego senón para cronificalo desemprego (cun 14,2% de taxa de desemprego duplicamos a media da zona euro que está en 7,5%) e empobrecer aos traballadores freando o crecemento económico e disparando as desigualdades sociais. Resulta, xa que logo, urxente derogar estas reformas laborais e priorizar a creación de emprego, a estabilidade laboral e a recuperación salarial –non haberá unha autentica recuperación sen unha mellora sensible dos salarios-. Compre un pacto de rendas entre os representantes do traballo e do capital apoiado polo goberno.

As políticas austericidas levadas adiante polos últimos gobernos dispararon as desigualdades. Unha das mais insoportables é a desigualdade de xénero. Unha situación de desigualdade que se reflicte, por caso, nas pensións (as mulleres cobran de media 450 euros menos cada mes), nos salarios (24% inferiores), no desemprego (58,6% do desemprego total), no ascenso laboral (so o 25% dos/as directivos/as son mulleres) e nas labores domesticas e de coidado familiar (maioritariamente a cargo de mulleres). Unha desigualdade que urxe combater. Unha desigualdade que se debe combater con políticas a prol da igualdade e de impulso as funcións públicas de benestar.

O quecemento atmosférico ten acadado nos derradeiros anos un nivel tal que se pode afirmar con total rotundidade que estamos nunha situación de emerxencia climática. Unha situación que no caso español demanda unha reorientación da política enerxética dirixida a descarbonizar totalmente a economía española para o que será preciso reformar en profundidade o mercado eléctrico español. Será necesario tamén que España, xunto a outros socios europeos como por caso os mediterráneos, leve as instancias europeas a loita contra o cambio climático.

Non como menos urxente aparece a reforma do actual sistema de financiamento autonómico das CCA afectas ao réxime común, como por caso Galicia. A experiencia de todos estes anos puxo en evidencia que o actual sistema provoca un clara insuficiencia de recursos nas CCAA por que adoece de falta de equidade e transparencia (produce desigualdades entre as distintas comunidades autónomas moi difíciles de explicar), tamén de falta de responsabilidade fiscal (as CCAA están moi limitadas para poder conseguir ingresos tributarios adicionais o que provoca que o exceso de gasto se financie con débeda pública) e ten unha excesiva dependencia dos ciclos económicos por mor a natureza dos impostos. Para corrixir tales deficiencias sería preciso aumentala responsabilidade fiscal das CCCAA (por caso, dándolles un maior marxe de autonomía, tanto para subir e/ou baixar impostos como para a loita contra a fraude fiscal, e aumentando a súa participación nos tributos estatais), modificar o sistema de cálculo das necesidades de gasto (dando un maior peso a factores como a dispersión xeográfica e o envellecemento da poboación), e simplificar e facer mais transparente o sistema (unha maior información aos cidadáns das distintas responsabilidades tributarias do Estado e as CCAA).

Pero todo isto será papel mollado si España non adopta dentro da Eurozona un papel de clara oposición aos tratados europeos ultimamente aprobados (moi especialmente aos mortíferos MEDE e o TECG), auténticos austericidios, esixindo a súa revisión. España debe reclamar da UE un cambio nas políticas fiscais e monetarias seguidas ata agora o que supón, por caso, modificar o papel do BCE que debe actuar como un auténtico banco central orientado a facilitar o crecemento económico e a creación de emprego, elaborar programas europeos de relanzamento e inversión, reestruturalas actuais sistema de financiamento das débedas públicas nacionais (que na súa maioría volvéronse impagables) e substituír os actuais obxectivos de déficit fiscal e de débeda pública por outros moitos mais flexibles e mais acordes coa realidade das distintas economías. Esta será unha proba do algodón para o PSOE dada a posición, de claro e inequívoco apoio que a socialdemocracia europea veu adoptando en relación a tratados tan mortíferos.

Estes serían algunhas das reformas mais importantes para un goberno de esquerdas en España. Moitos mais son os mais problemas pero agora so quixemos facer referencia aos, seguramente, mais relevantes e urxentes. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.