Unha nova linguaxe – para un novo suxeito-

Non creo na razón das vítimas. Tampouco na razón dos heroes. Non lles confiro, a ámbalas dúas, ningunha caste de superioridade ética ou moral inapelábel. Por suposto, a persoa ou colectivos que tratan de dotarse desa superioridade moral, resucitando tanto a unha como a outra, non teñen en absoluto o meu consentimento.

Non creo na razón das vítimas. Tampouco na razón dos heroes. Non lles confiro, a ámbalas dúas, ningunha caste de superioridade ética ou moral inapelábel

Cabería preguntarse se ás vítimas ou aos heroes lles gustaría ser recordados como tales, ou mesmo se se concibían a si mesmos dese xeito. Non fai falla ningún ritual laico para crer ou non crer –sic- na razón das vítimas ou dos heroes, e tampouco fai falla crer nunha especie de sentido subxacente na mesma.

O que hai que averiguar é que paixón/motivación os movía, en que sistema de valores persoais estaba ancorada esa paixón, que grao de veracidade ou solidez epistemolóxica, teñen, a día de hoxe, as súas ideas, e que é o que podemos re-actualizar de todo ese conxunto para proxectármonos colectivamente cara o futuro. Logo, máis adiante, poderiamos reflexionar sobre o grado de compromiso que estariamos dispostos a asumir na defensa deses valores, e tamén, si, poderiamos contrastar a distancia que existe entre o mito e a realidade. Entre a absurda santificación laica da persoa e a persoa en sí mesma.

Vítimas e heroes; ás veces o relato histórico aseméllase moito a unha representación teatral na que cada personaxe ten o seu lugar perfectamente definido e non houbese nin un gramo de incerteza ou dúbida reflexiva ao final do conto. A un lado, as nosas vítimas – e por suposto, tamén os nosos heroes, que moitas veces coinciden coas vítimas, coma nun xogo de matrioskas rusas -. Ao outro lado, as súas vítimas – e por suposto, tamén os seus heroes, que moitas veces coinciden coas súas vítimas; baixo está lóxica de representación semella abanear o debate – por chamalo dalgún modo e evitar unha palabra malsoante – sobre a devandita memoria histórica nos medios de comunicación de España, inzados de charlatáns que converten en verdade revelada os seus prexuízos ideolóxicos, e de produtores de odio que acreditan máis na súa intelectualizada ignorancia que no honesto rigor metodolóxico dos historiadores que merecen a denominación de tales.

A clase política, todo hai que dicilo, xa hai moito tempo que aparcou o debate, pois afrontalo seriamente levaría, necesariamente, a un indubidable robustecemento da conciencia moral da sociedade civil; non interesa un pobo con memoria colectiva, dende logo. Non interesa que se discuta sobre a verdade do antes, do agora e do posible qué-facer cara o futuro. O que acontece en España é un síntoma local do que xa hai moito tempo leva acontecendo a escala planetaria coa hexemonía do capitalismo ultra-liberal: a paralización e a destrución sistemática de calquera senso de comunidade e, por ende, de calquera memoria colectiva que non reproduza os esquemas antropolóxicos e históricos cos que os estados-nación constrúen:

A clase política xa hai moito tempo que aparcou o debate, pois afrontalo seriamente levaría, necesariamente, a un indubidable robustecemento da conciencia moral da sociedade civil; non interesa un pobo con memoria colectiva, dende logo

1- A falsa universalidade das súas identidades culturais oficiais.

2- A falsa igualdade e liberdade que prometen, de palabra, as súas constitucións, e administran, supostamente, as súas colosais, laberínticas e inútiles burocracias.

3- A falsa equidade e o falso  interese xeral da súa política fiscal-económica

4- A falsa universalidade do seu modelo de desenvolvemento e progreso : o sistema de libre mercado como camiño único e a ciencia empírico-positivista como único paradigma.

O 10 de setembro do 2012, o diario El País publicaba un artigo conxunto firmado por Valery Giscard, ex-presidente de Francia, Michelangelo Baracchi, presidente de Atomium Culture: Platform for European excellence, e Felipe González, ex–presidente de España. Este artigo, titulado Por una conciencia Europea, máis que un artigo aseméllase a un recetario laico de milagres científicas para que lady Europa levante cabeza e afronte a dura realidade que a sobarda. Antes da receita, por suposto, hai que facer un pouco de marketing emocional e afirmar, sen interrogante previo, que :

Ao parecer, os ideais da ilustración só entroncan co liberalismo político, e a reflexión científica só existe dende que apareceu a nai que deu a luz ao liberalismo político: a Ilustración

A – “Europa é o berce da democracia”
Omitindo, así, séculos de dominación colonial e barbarie, quer moderna, quer pre-moderna, en Europa. Omitindo, tamén, o cu da democracia Grega (escravismo, odios étnicos, pobreza) que lle serve de inspiración. Omitindo, tamén, como non, as relacións coloniais baixo estructuras políticas formalmente democráticas

B – “Europa presenciou o nacemento e instauración do imperio da lei, basado no Dereito Romano”.
Ou sexa, o imperio da lei da Roma Imperial.

C -  “A Europa debémoslle o nacemento e desenvolvemento das ideas da ilustración que sentaron as bases para as dúas grandes revolucións deste século : o nacemento do liberalismo e o nacemento da ciencia empírica que, cos seus descubrimentos, preparou o terreo para a rev. industrial”.

Ao parecer, os ideais da ilustración só entroncan co liberalismo político, e a reflexión científica só existe dende que apareceu a nai que deu a luz ao liberalismo político: a Ilustración. A mesma ilustración que conviviu coa dominación patriarcal, de clase e colonial no mesmo proceso de cristalización dos estados-nación europeos. A mesma ciencia empírica que, cos seus descubrimentos - coma se fosen os descubrimentos científicos, e non os procesos socio-económicos, o factor máis determinante na cristalización da rev. industrial- puxo as bases, di no artigo, para a posterior evolución da organización do traballo máis inhumana da historia da humanidade

Por suposto, para porlle a guinda ao pastel, por revolución faremos referencia a todo o que pasou pola cabeciña dos filósofos ilustrados e do liberalismo político, omitindo toda a historiografía do socialismo moderno e do pensamento contra-hexemónico – xermolado en Europa ou fóra de Europa - que poña en dúbida, teórica, práctica e epistemoloxicamente a absoluta parcialidade destes prepotentes loros da imparcialidade absoluta. A tan teimuda imparcialidade colonial implícita na seguinte fórmula, a saber : Ilustración + liberalismo + positivismo científico = Revolución industrial = progreso infinito = futuro necesario e/ou único horizonte humano posíbel.

Por revolución faremos referencia a todo o que pasou pola cabeciña dos filósofos ilustrados e do liberalismo político, omitindo toda a historiografía do socialismo moderno e do pensamento contra-hexemónico

Mais, deixando de lado todo este cúmulo de absurdas arroutadas lóxicas típicas do pensamento único, cabe aclarar que a intención de Giscard e González non era, nin moito menos, tomarse en serio o fundamento das súas profecías laicas. Non hai mellor mostra que o seguinte parágrafo:

Cada uno de estos factores, enumerados sin orden cronológico (…), merecería una relfexión más profunda (abofé!). Pero lo que más útil (¡con el santo utilitarismo hemos topado, amigo Sancho!) resulta hoy es mencionarlos todos juntos (¡canto rigor histórico teñen os nosos auto-alcumados socialistas!) para recordar que no pertenecen sólo al pasado (colonial, abofé), sino que están presentes como rasgos fundamentales (…) de la Europa de hoy

Así pois, non se fale máis, Isidoro calzas longas, apóstolo e patriarca do socialismo español, admite abrir a boca e escribir sen rigor historiográfico e sen reflexión previa. E todo isto, off course, por un motivo fundamental de peso: por que é útil para a perpetuación do que él chama os rasgos fundamentais - escollidos ao chou e sen criterio cronolóxico - da Europa de hoxe. Recordémolos : Ilustración + liberalismo + positivismo científico = Revolución industrial = progreso infinito = futuro necesario e/ou único horizonte humano posíbel.

Son preguntas con resposta aberta: camiñamos? Se a resposta é afirmativa, precisamos, urxentemente, unha nova linguaxe para un novo suxeito

"Hai moitas víctimas humanas no proceso histórico que materializou a suposta lóxica irrefutábel desta fórmula, mais non se trata de convertilas en heroes, pois construíndo monumentos conmemorativos e museos non conseguiremos ren. Quizais, o máis honesto e constructivo que podamos facer é trocar os puntos e finais en interrogantes para comezar a pesar mentras andamos, agora que xa somos conscientes da trampa histórica que se agocha baixo a linguaxe e a ciencia colonial : Que –nova- ilustración? Que –novo- liberalismo? Que –nova- ciencia social? Que – clase- de progreso?, en resumo, que semente moral, política e estética queremos para unha nova humanidade. Ou, cando menos, para unha nova concepción do humanismo".

Son preguntas con resposta aberta : camiñamos? Se a resposta é afirmativa, precisamos, urxentemente, unha nova linguaxe para un novo suxeito.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.