Unha nova modernidade

Formamos parte dun país do que unha das súas eivas históricas foi a de non ter vivido o proceso modernizador da mesma maneira que o fixeron outros países da súa contorna cultural. Pero esta Modernidade pronto coñeceu a súa primeira gran crise, sería na metade do século XIX, como puxo de manifesto o movemento romántico ao salientar que a razón estaba a afogar a auténtica sensibilidade subxectiva, xa que esta era o froito dunha realidade máis ampla e fonda e que transcendía ao propio coñecemento racional como se estaba a pór de manifesto no proceso modernizador que xa pulaba polo norte de Europa.

Formamos parte dun país do que unha das súas eivas históricas foi a de non ter vivido o proceso modernizador da mesma maneira que o fixeron outros países da súa contorna cultural

A conciencia emerxente desta nova realidade que tentaba representar a plenitude subxectiva do ser humano fará agromar nun bo número de galegas e galegos os primeiros síntomas da conciencia galeguista que principiará concretándose de maneira incipiente no levantamento de 1846, e logo, no Banquete de Conxo, en 1856, onde van confraternizar obreiros, artesáns e estudantes; para rematar consolidándose nun novo movemento, fundamentalmente de carácter cultural, que coñecemos co nome de Rexurdimento. A partir deste intre consolidarase no noso país un proceso de cambio sostido encarreirado cara o recoñecemento da nosa singularidade, máis preto, nun principio, da realidade cultural que socio-económica, pero, paseniñamente, iría adentrándose tamén na realidade social e política, aínda que coa eiva de non contar co amparo dun cambio suficiente a nivel económico, xa que para o galego, ademais de non contar co segmento social axeitado para liderar un proceso de cambio neste eido, a persoa non se pode reducir só á súa dimensión racional e a economía moderna fundaméntase na razón instrumental, que co tempo, como puxo de manifesto o pensador alemán Habermas, colonizaría todas as esferas da vida ata rematar pondo ao ser humano ao seu servizo.

Daquela, non só houbo razóns de carácter histórico, substanciadas no eido social e político, para que a Modernidade racionalista non fora asumida pola maioría das nosas xentes, senón tamén razóns de orde cultural, que atinxen ao eido da sensibilidade e forman parte da natureza do ser galego, máis atento á esfera da subxectividade que á esfera do racional.

Esta nova reformulación da Modernidade encontrou en moitas galegas e galegos unha importante resposta ao traveso da cultura, pero tamén na creación dun movemento galeguista

Cómpre salientar que o movemento romántico, que tivo a pretensión de transcender a razón e ser a expresión de toda a realidade subxectiva, non se afasta da Modernidade, máis ben tenta complementala, xa que ten tamén como gran obxectivo o desenvolvemento da autonomía individual, da emancipación do ser humano, pero sen que este viva engaiolado nos límites da razón. Esta nova reformulación da Modernidade encontrou en moitas galegas e galegos unha importante resposta ao traveso da cultura, pero tamén na creación dun movemento galeguista que pretende ser a conciencia da singularidade de Galicia, singularidade que se manifesta en todos os eidos da súa realidade e que agromaba da mesma cerna do ser galego, tentando converterse na expresión dunha realidade fondamente sentida pola nosa xente e concretada na súa longa e ampla creación cultural, pero eivada por unha morea de acontecementos adversos que truncaron o normal desenvolvemento do noso país. En todo caso, esta nova sensibilidade permitiu que do noso pobo foran emerxendo novos suxeitos, novos actores, que pouco a pouco, irían construíndo na nosa sociedade unha maior conciencia de seu.

Coidamos que é neste intre cando principia a fender a nosa sociedade tradicional, como consecuencia do latexo dos primeiros impulsos modernizadores que agroman, non en primeira instancia da razón, senón da esfera da subxectividade: sentimento, memoria, imaxinación... Entendo que esta é unha particularidade que debe ser salientada para tomar conciencia de onde se encontra a raíz da conformación dos primeiros actores que emerxen na Galicia moderna e que pretenderon dar forma en todos os eidos ao sentimento de galeguidade que vivía inconsciente no espírito da nosa xente,  resultando ser a súa expresión máis auténtica.

Atopámonos cunha Modernidade decadente, dominada de maneira absoluta polo racionalismo instrumental, que transforma ao ser humano, en palabras de Marcuse, nun ser unidimensional

Hoxe, outra volta, vemos que a crise da Modernidade que se manifestou por primeira vez co movemento romántico, volta acadar proporcións dramáticas, como xa o fixera a principios do século XX; encontrándonos cunha Modernidade decadente, dominada de maneira absoluta polo racionalismo instrumental, que transforma ao ser humano, en palabras de Marcuse, nun ser unidimensional; baleirado de toda substancia subxectiva para convertelo nun simple instrumento dos grandes poderes económicos e financeiros que hoxe dominan o sistema. Neste contexto de reducionismo e de alienación e tendo en conta que os actores sociais e políticos clásicos, os chamados grandes relatos e os propios Estados están vivindo momentos de gran deterioro; en gran medida, polos efectos da globalización económica neoliberal que está a romper os vínculos coa sociedade; producíndose nesta efectos desocializadores devastadores, moitos individuos, conscientes destas eivas e de que a Modernidade non pode definirse só pola eficacia do instrumental, empurran por emerxer como suxeitos, máis centrados agora na súa liberación e na súa creatividade, no desenvolvemento das súas potencialidades.

Neste novo espazo que se abre como horizonte humanizador, o sentimento galeguista debe ser outra volta un dos xermolos deste novo suxeito, único capaz de unir o instrumental coa vida para liberar así a dimensión subxectiva do racionalismo vixente

Tentando así abrirse un novo espazo nesta realidade unidimensional que; pola contra, lles permita construírse en todas as súas dimensións, dándolle á súa vida un sentido narrativo de seu, e coa pretensión de transcender as actuais estruturas abafantes e pór, por conseguinte,  a razón científico-técnica e económica  ao servizo do crecemento persoal. Neste novo espazo que se abre como horizonte humanizador, o sentimento galeguista debe ser outra volta un dos xermolos deste novo suxeito, único capaz de unir o instrumental coa vida para liberar así a dimensión subxectiva do racionalismo vixente e abrir un vieiro de esperanza para a nosa xente dende o recoñecemento pleno dos dereitos fundamentais e da nosa singularidade, que abrolla dende a cerna mesma do noso espírito.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.