Os acontecementos rexistrados nos últimos días en Afganistán evocáronme dúas frases moi utilizadas na literatura sobre as dinámicas sociais. Unha delas está tomada de Karl Marx cando afirma (na súa obra “O 18 Brumario de Luis Bonaparte”) que os acontecementos históricos ocorren dúas veces: unha como unha grande traxedia e outra como unha miserábel farsa. Está, ademais, a coñecida aseveración de que unha sociedade que ignora a súa historia está condenada a repetila.
Os acontecementos históricos ocorren dúas veces: unha como unha grande traxedia e outra como unha miserábel farsa
Non se trata de buscar a concordancia do sucedido nese país asiático, durante as últimas décadas, coa literalidade das frases citadas. As vítimas, directas e indirectas, das intervencións militares realizadas naquel territorio (igual que as desenvolvidas en Iraq) só poden consideralas como unha das traxedias mais relevantes vividas na súa historia. O cualificativo de farsa resultaría mais aplicábel ao comportamento dos Estados e organismos internacionais que fixeron posíbel semellantes desfeitas.
O balance destas dúas actuacións das sucesivas Administracións norteamericanas non pode ser mais contundente: a demostración do poderío militar só conseguiu mellorar os beneficios das empresas fabricantes de armamento ou dedicadas á reconstrución das infraestruturas previamente destruídas
Hai agora 30 anos produciuse o espectacular e sorprendente derrubo da URSS. Semellante circunstancia -ademais de provocar unha multiplicidade de debates a respecto das causas do fracaso do modelo soviético- representou o remate da chamada guerra fría e propiciou novas prácticas nas relacións internacionais. As contencións existentes até aquel momento -para evitar un enfrontamento total entre os dous bloques- deron paso a unha perigosa inestabilidade que tivo os seus momentos mais críticos nas intervencións militares dos USA en Afganistán e Irak, acometidas co apoio e/ou complicidade doutros países occidentais e coa evidente ineficacia dunha ONU incapaz de se reconverter nun organismo apropiado para os novos tempos que comezaban. O balance destas dúas actuacións das sucesivas Administracións norteamericanas non pode ser mais contundente: a demostración do poderío militar só conseguiu mellorar os beneficios das empresas fabricantes de armamento ou dedicadas á reconstrución das infraestruturas previamente destruídas. Tanto Obama como Trump e agora Biden chegaron á conclusión de que a vitoria anunciada por George Bush era imposíbel e só ficaba a opción de instrumentar unha retirada o menos humillante posíbel.
Todo semella indicar que nos atopamos no comezo dunha nova xeira na xeopolítica internacional na que as potencias occidentais (os USA, a OTAN, a UE e GB) van renunciar ao modelo clásico de intervención militar (con presenza física de tropas sobre o terreo) para artellar formas de xendarmería mundial menos comprometidas para a integridade das súas forzas armadas. Ao mesmo tempo, as disputas con China e Rusia para acadar unha influencia hexemónica nas distintas áreas xeográficas desprazaranse aos ámbitos económicos e políticos.
A opción dunha intervención exterior promovida dende unha organización internacional para evitar a conculcación de dereitos humanos básicos sería congruente no plano teórico mais non sería viábel no actual estado de cousas que coñecemos
A recente derrota militar en Afganistán e a conseguinte consolidación dun réxime político baseado nunha interpretación do Islam que, entre outras consecuencias, elimina a presenza e os mínimos dereitos das mulleres na vida pública, suscita desacougos e interrogantes no seo daqueles sectores que seguimos abrazando o vello ideal revolucionario da “liberdade, igualdade e fraternidade”. A opción dunha intervención exterior promovida dende unha organización internacional -por exemplo, unha ONU renovada no seu contido e funcionamento- para evitar a conculcación de dereitos humanos básicos sería congruente no plano teórico mais non sería viábel no actual estado de cousas que coñecemos. Os procesos de cambio deben partir do seo das propias sociedades por mais que podan recibir o apoio solidario de sectores e organizacións que se ubican no exterior deses países. Diversas experiencias recentes -por exemplo: o sucedido coa chamada primavera árabe xurdida hai 10 anos- demostran as notábeis dificultades para que se abran paso e consoliden mudanzas substanciais nas estruturas políticas e sociais de moitos países, singularmente daqueles onde o factor relixioso forma parte importante da identidade colectiva construída ao longo da historia. Poren, estas evidencias non avalan a utilidade dos atallos tantas veces utilizados e con tantas consecuencias nocivas constatadas.