O resultado das eleccións autonómicas de Galicia 2012 amosa que existía unha situación de debilidade do Partido Popular e unha demanda de cambio no electorado progresista. Foi a incapacidade das forzas de esquerda para cumprir as súas funcións de representación das sensibilidades sociais e de construción de alternativas a que frustrou esa esperanza e dilapidou unha oportunidade única.
1. Configúrase un sistema político con máis desafección e, polo tanto, bases máis fracas.
Os resultados electorais poñen de manifesto unha intensa desafección co sistema político e coas ofertas partidarias en liza. En comparación coas autonómicas do ano 2009 abstéñense 150.000 cidadáns adicionais, soben os votos nulos (+23000), en branco (+10600) e os votantes a pequenos partidos (+23000) –que dadas as regras de xogo sería moi difícil que obtivesen representación-. Os votos sobre o censo dos partidos con representación parlamentar pasa dun 65% en 2009 ao 56% en 2012: aproximadamente un millón de electores potenciais (un 26% máis que hai tres anos) non participan das eleccións ou esquivan na súa opción ás grandes forzas. Efectivamente, a máis de 4 de cada 10 cidadáns as forzas parlamentarias non os representan.
Foi a incapacidade das forzas de esquerda para cumprir as súas funcións de representación das sensibilidades sociais e de construción de alternativas a que frustrou esa esperanza e dilapidou unha oportunidade única.
2. Os equilibrios esquerda/ dereita non se modifican substancialmente.
Como xa indicaban sondaxes previas, os electores xulgaban negativamente a acción do goberno e aínda peor a da oposición. Como consecuencia, as eleccións xogáronse no peso relativo das abstencións conservadora e progresista. Cabe supor que apenas houbo transvases entre os dous grandes campos ideolóxicos. Efectivamente, o Partido Popular perde un 14% dos seus votos (106.657 apoios) e as forzas de esquerda con representación parlamentaria apenas uns poucos máis (111827 papeletas, un 14.89%). O índice dereita (con representación) /esquerda (con representación) apenas se altera, pasando de 1.01 a 1.02: un empate técnico en termos prácticos.
Se esta erosión común a ambos bloques ideolóxicos permite un aumento da distancia en escanos a favor do Partido Popular débese a dous fenómenos:
Fronte á maior fragmentación do voto progresista,coa irrupción de AGE, o Partido Popular consegue manter o monopolio da representación conservadora (UPyD perde votos, e a aparición de Mario Conde vese compensada pola recuperación dos votos a TEGA no 2009).
As perdas do Partido Popular son menores nas circunscricións en que o prezo en votos dos escanos é máis baixo
3. Hai unha diferenza notable de comportamento entre o ámbito máis urbano e o resto.
Co comportamento dos electores urbanos, o Partido Popular perdería claramente as eleccións. Dous fenómenos singulares, un en cada campo ideolóxico, variables en función do tipo de hábitat permiten apreciar as diferenzas:
a. A erosión do Partido Popular é moito máis marcada nas cidades e vilas grandes. Nos dezaseis concellos con máis habitantes o Partido Popular perde un 18.3% dos seus votos. Nos restantes, tan só un 11%. Tería menos votos que as forzas da esquerda agregadas en todos eses concellos (con excepción de Ribeira) e agravaría a súa posición en todos menos tres (Lugo, seguramente por efecto da Operación Pokemon, Carballo e Arteixo –posiblemente pola desaparición da referencia TEGA, que non traspasa os seus votos a CxG-). Pero en Vigo, Pontevedra, Santiago, Ames ou Cangas o deterioro é particularmente intenso. O proxecto de urbanización do voto conservador, emprendido por Núñez Feijóo en 2007, pode ter un curto percorrido; o seu proxecto é salvado polo apoio do mundo rural. A posibilidade de reeditar o fraguismo está no ar.
A caída das forzas da oposición é sorprendentemente homoxénea, independentemente do tipo de hábitat
b. A caída das forzas de oposición é sorprendentemente homoxénea, independentemente do tipo de hábitat: o PSdG no entorno do 39%, o BNG no do 46%. Pero mentres no ámbito urbano case todos eses votos (un 82%) son recuperados por AGE, fora das vilas grandes a recuperación é só de un de cada dous votos perdidos. Esta incapacidade, que seguramente teña que ver tanto coas preferencias diversas do electorado como coa dificultade dunha formación tan recentemente formada para darse a coñecer universalmente, outorgou a vitoria ao partido conservador.
4. A irrupción de AGE expresa e cubre así parcialmente o déficit de representación no seo da esquerda.
Así como o Partido Popular perde votos a favor da abstención, moi maioritariamente, e só nutre marxinalmente formas diversas de voto expresivo, na esquerda teñen lugar importantes transferencias de apoio.
É difícil establecer con seguridade o seu nivel. Pero atrévome a indicar que o conxunto dos votos de AGE nútrese de catro fluxos de intensidade decrecente: procedentes de apoios do Partido Socialista no 2009, do BNG, de abstencionistas, practicantes do voto expresivo e novos votantes e, por último, de Esquerda Unida. Trátase dun magma escasamente solidificado e, polo tanto, o labor dos seus dirixentes ten que centrarse en dotalo de solidez e coherencia, superando a tentación da política espectáculo.
AGE estimulará a competencia entre as ofertas políticas e obrigará a cambiar tanto ao PSdeG como ao BNG
Foi a insuficiencia do seu papel de recuperación –e non o seu éxito- o que frustrou as posibilidades de cambio. Permitiu integrar no sistema de representación votantes que doutro xeito acabarían na abstención e quebrou as fronteiras nacionalismo/non nacionalismo no seo da esquerda. Deste xeito estimulará a competencias entre as ofertas políticas e obrigará a cambiar tanto ao PSdG como ao BNG que doutro xeito corren o risco de experimentar un devalo prolongado.
Nota: A análise numérica está feita con datos de voto en Galicia (sen CERA)