Unha reflexión sobre a crise de lexitimidade e o avance do neofascismo

Nas democracias liberais agroma con forza un novo tipo de dereita que se abre camiño non só a través dos procesos electorais e da presenza institucional senón mediante a conquista dos ámbitos culturais, económicos e sociais. Esta nova dereita adhire con entusiasmo as ideas ultraliberais no económico mentres amosa unha concepción abertamente reaccionaria no social e no cultural e un discurso inequivocamente antidemocrático no político

Encadre

Nas democracias liberais agroma con forza un novo tipo de dereita que se abre camiño non só a través dos procesos electorais e da presenza institucional senón mediante a conquista dos ámbitos culturais, económicos e sociais. Esta nova dereita, nomeada comúnmente ultradereita ou extrema dereita, adhire con entusiasmo as ideas ultraliberais no económico mentres amosa unha concepción abertamente reaccionaria no social e no cultural e un discurso inequivocamente antidemocrático no político. Precisamente, por esta defensa dun reformulado darwinismo social e dunha concepción social machista, clasista e racista combinados cunha agresiva belixerancia contra os valores ilustrados e democráticos de liberdade e igualdade, mais sen a necesidade de facer gala dos símbolos e das escenografías fascistas clásicas, cabe referirse á mesma coma un xeito de neofascismo.

Malia posuír identidades propias, dependendo de cada país, pódense achar nestes movementos unhas fasquías e estratexias comúns. Entre estas, salientan os discursos etnocentristas e antisocialistas apoiados en fundamentalismos morais ou relixiosos. Afirmación das xerarquías de raza, xénero e clase. Apelación a un sentido común anti-intelectualista desde posicións contrarias á razón e á ciencia. Defensa dun Estado capitalista tecnocrático, "curado da democracia e do público", e fornecido de recursos represivos e de control social. Deslixitimación das institucións fronte a unha exaltación do popular, enmascarando a súa face elitista e o seu vencello cos intereses oligárquicos. Difusión e naturalización da súa mensaxe a través dos conglomerados mediáticos e das redes sociais. Desenvolvemento dun traballo sistemático de base, procurando ter presenza en calquera conflito ou acontecemento social, así como unha eficaz rede de coordenación e colaboración internacional.
 

Desde 1980, e como resposta das oligarquías á crise de acumulación e de rendabilidade do capital, o neoliberalismo foi conquistando o sentido común, logrando ser aceptado coma un xeito natural de regular a orde social

Substrato neoliberal

Coma os fenómenos sociais non xurden da nada cómpre, xa que logo, ollar cara atrás e entender como se foi achairando o camiño até o panorama actual. Desde 1980, e como resposta das oligarquías á crise de acumulación e de rendabilidade do capital, o neoliberalismo foi conquistando o sentido común, logrando ser aceptado coma un xeito natural de regular a orde social. Este proceso requeriu, tanto política coma economicamente, da submisión da política ao mercado e dunha cultura baseada nun individualismo insolidario e competitivo que facilitase a aceptación da desigualdade, da desregulación e do abandono do papel social do Estado. Unha axenda de privatización e mercantilización de todas as esferas da vida na que se glorificaron a eficiencia, a innovación e o emprendemento por riba dos valores cívicos e colaborativos. Este asalto ao público foise desenvolvendo a través de tres fases que consistiron en deteriorar, descapitalizar e desmantelar todo o relacionado co mesmo e onde calquera tentativa progresista de mudar ou revertir esa tendencia foi contestada co ladaíña de que o Estado de Benestar é inútil, perigoso, perverso e supón unha carga para o espírito emprendedor e a liberdade do individuo.

En consecuencia, esta carreira descontrolada pola obtención de beneficios está a xerar unha espiral incesante de explotación e extracción situándonos nunha das maiores crises da historia do capitalismo e que se manifesta a través dun cúmulo de diversas crises que se retroalimentan. Unha amalgama de crises como a financeira, a de produción, a enerxética, a alimentar, a ecolóxica, a ideolóxica, de valores e de gobernabilidade así como o retorno a formas imperialistas, o recurso ao belicismo están a provocar unha crise orgánica, estrutural e civilizacional de enormes dimensións. A resposta e esta policrise por parte da oligarquía económica e das servidumes políticas consiste en conter ou rebaixar os salarios; en intensificar a explotación laboral; en precarizar o emprego; en limitar a negociación e a actividade sindical; en externalizar actividades e en deslocalizar empresas. Tamén, na mesma liña de transferir recursos desde as clases populares cara aos ricos e privilexiados, óptase por sistemas impositivos regresivos, por reducir ou eliminar servizos e gastos sociais e por facilitar e incentivar a libre circulación dos capitais mentres se limita a dos seres humanos que fuxen da pobreza. Como resultado de todo isto, asistimos a un incremento incesante da desigualdade e a unha desorbitada concentración da riqueza nunha batalla que os ricos van gañando de xeito ostensíbel.

Os poderes públicos van perdendo progresivamente lexitimidade, mentres a desconfianza con respecto ao político vaise instalando entre unha cidadanía que contempla farta a falla de vontade política das institucións estatais para solucionar os problemas e as necesidades

Colapso moral e involución democrática

Nestas condicións, o neofascismo medra e se reproduce coa benzón do capital. A imposición da razón neoliberal provoca que a cultura cívica e os principios democráticos estean cada vez máis desvalorizados nun clima no que a omnipresenza do mercado vai substituíndo o baleiro deixado polo abandono do público e do comunitario. O cinismo e o escepticismo van gañando terreo o que dificulta a crítica a unhas relacións de poder e de propiedade cada vez máis desiguais. Non cesa de transmitirse a mensaxe de que todo vale con tal de enriquecerse, á vez que se desacreditan e censuran as ideas e opinións que cuestionan as inxustizas e as lóxicas da dominación. Tamén, desde as instancias de poder político e económico, foméntase un pensamento feble que se vai estendendo coa axuda das novas tecnoloxías da información e da comunicación, diminuíndo a comprensión da realidade e facilitando a mentira e a manipulación masivas.

Como resultado, xunto coa crise de lexitimidade e o medre significativo de desconfianza na política, medran renovados estilos de totalitarismo que, baixo a apariencia de “democracias de protección”, limitan a participación política, restrinxen as liberdades fundamentais e, ao mesmo tempo, potencian a extensión e a intervención dos poderes públicos coa finalidade de acadar un maior control sobre as resistencias sociais e políticas, implicando fondas restricións sobre os dereitos humanos e as garantías xurídicas. 

O neoliberalismo é un programa político e unha normativa económica produtora de desigualdades e, xa que logo, disfuncional á democracia. As condicións desta ideoloxía contraigualitaria están directamente vencelladas ao déficit democrático e ao estabelecemento de reximes políticos funcionais ao despoxo das maiorías e ao control e represión do descontento. Acontece, polo tanto, que os poderes públicos van perdendo progresivamente lexitimidade, mentres a desconfianza con respecto ao político vaise instalando entre unha cidadanía que contempla farta a falla de vontade política das institucións estatais para solucionar os problemas e as necesidades.
 

A esquerda anticapitalista ten que procurar falar, debater, axitar e, sobre todo, estar e actuar conectando cos malestares, preocupacións, necesidades e ilusións da maioría. Sen sectarismos

Responsabilidade da esquerda liberal

A irrupción e expansión destes movementos e a súa ideoloxía están a convulsionar os esquemas e equilibrios sobre os que se foi artellando a política nas democracias liberais desde finais da Segunda Guerra Mundial. O desconcerto e a desorientación que este escenario está a provocar afecta a todas as forzas políticas tradicionais mais, especialmente, a todo o abano da esquerda que contempla aloulada como a frustración e o malestar de amplos sectores das clases populares, que sempre foron a súa base, incorporan e fían nestes discursos enchoupados de odio e vernizados de rebeldía, contestación e de ruptura. Porén, unha parte da esquerda segue sen recoñecer o fracaso absoluto da súa aposta pola alternativa neoliberal. Mais a esquerda liberal foi cómplice da austeridade, de primar os intereses das multinacionais, de enfraquecer o Estado, de alimentar unha visión social punitivista e autoritaria e de entregarse de cheo ás pretensións do dominio imperial estadounidense.

Non só baixo a dereita, senón con gobernos socialdemocrátas, criminalizouse a protesta, lexislouse para o capital, deasacreditáronse alternativas de progreso e a cidadanía viuse abandonada e sacrificada polos poderes públicos deixando nunha paisaxe desencantada e sen horizonte de transformación. A verdade é que os gobernos democráticos perderon credibilidade moito antes do pulo dos actuais movementos antidemocráticos.
 

Pensar respostas

Cómpre tomar conciencia da aceleración da deriva neofascista e da necesidade de mudar linguaxes e estratexias. Evidentemente non hai receitas, mais o que si resulta urxente é abordar abertamente o problema como un asunto prioritario. É tempo para a esquerda de rachar con esquemas preconcebidos, de certezas incuestionabeis e de autocomplacencias inútiles para non ficar totalmente rebordada polos tempos e polos acontecementos. Xestionar a miseria e as crises non serve para transformar; os dogmas tampouco. A esquerda anticapitalista ten que procurar falar, debater, axitar e, sobre todo, estar e actuar conectando cos malestares, preocupacións, necesidades e ilusións da maioría. Sen sectarismos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.