Unha semana despois e tras ler centos de artigos postelectorais quen escribe ten, cando menos, unha cousa bastante clara: que afirmacións categóricas tratan de ocultar unha evidencia, que ignoramos moito máis do que sabemos. Así, as análises electorais deberían partir dunha premisa: que ante a ausencia de datos sólidos (polo momento) que nos permitan comprender o sucedido o pasado domingo, tratamos sobre indicios cando non meramente sobre opinións. Unha dose de honestidade que considero necesaria para non perverter os poucos datos cos que contamos de xeito que sirvan para apoiar unha cousa e a contraria, e, sobre todo, para confirmar as posicións propias e demostrar ata que punto están equivocados outros.
Deste xeito, e partindo de que teño moitas máis dúbidas que certezas, tratarei de sintetizar aquí algunhas hipóteses acerca dos resultados:
1. Un dos grandes éxitos de Podemos convértese na súa fraqueza principal. A súa flexibilidade orixinaria, a concepción dunha nova estrutura partidaria que non require ningún compromiso formal, consecuente coa realidade líquida dos tempos nos que vivimos, pode acabar decantando en apoios electorais igualmente líquidos.
2. O baixo nivel de compromiso hai que vencellalo coa tipoloxía do seu electorado. A volatilidade aumenta moito entre as capas máis novas da sociedade. Os mozos e mozas cansan antes e non teñen problemas en bascular entre un partido e outro, e máis aínda, entre o voto e a abstención. Cando aspiramos a facer grandes transformacións é doado conectar coa mocidade, do mesmo xeito, a decepción xermola moi rápido.
3. A mobilización non pode ser constante, e a indignación tampouco. A desigualdade, a corrupción, o desemprego ou a crecente emigración son fenómenos cada vez máis normalizados que van perdendo peso á hora de inclinar ós votantes. Isto non quere dicir que o que hai seis meses contara, agora non importe. Pero si debemos ter en conta que o voto de castigo non se produce consecutivamente e que se o pasado 20D a mensaxe do momento histórico calou, seis meses despois, a segunda volta puido lerse como que, á hora da verdade, non se pode. Se hai uns meses comentaba que gran parte da campaña se xogaba en termos emocionais, parece bastante claro que nesta segunda volta a ilusión non foi quen de vencer ó esgotamento nin ó desencanto.
4. A explicación non está na campaña, senón nos meses previos. Podemos foi incapaz de calcular o prezo que lle pasarían os meses de negociacións. Se en marzo as enquisas sinalaban unha caída importante de popularidade, seguramente vencellada coas negociacións para formar goberno, o anuncio da confluencia con IU acabou por tapalo todo e convencernos de que por si mesma fomentaba tal nivel de ilusión que os erros do pasado quedaban anulados.
5. O efecto performativo das enquisas puido ter tres efectos principais: por unha banda alentando o voto do PP ante o avance de Podemos; en segundo lugar, desalentando o de Podemos ante unha vitoria segura, e, por último, freando o transvase do PSOE a Podemos tanto por non querer ver un PSOE derrotado, como por crer nas vontades dun equilibro entre ambos actores que semellaban condenados a entenderse.
6. O discurso do medo tanto con Venezuela, Grecia, ou o Brexit non pode desdeñarse. Como tampouco o desgaste acumulado pola sobreexposición mediática ou por ser o branco de todas as críticas.
7. A confluencia non é unha cuestión de todo ou nada. As persoas que defendemos que a suma sempre multiplica equivocámonos e pecamos de certo infantilismo asumindo a consigna sen base sólida algunha. Os resultados apuntan a que alí onde a unión de forzas do cambio máis se afasta da sopa de letras, a confluencia funciona mellor. Pola contra, outros exemplos reducidos á suma de forzas electorais, sen un verdadeiro proxecto político consensuado son o caldo de cultivo perfecto para o desencanto. En resumo, a confluencia comeza dende a base, require tempo e diálogo para a construción en colectivo, unha forma radicalmente diferente de facer que os pactos entre cúpulas. As partes implicadas deben ser partícipes para crer e comprometerse co proceso e non ser unicamente interpeladas a votar xuntas.
8. Avellentamento demasiado rápido. Podemos pasou de ser nova política a asumir os vicios e formas da vella de xeito acelerado. As disensións e o ruído interno teñen sido sempre penadas polo electorado. Neste senso, Podemos debe ser vangarda de diálogo e asumir que as contradicións internas, lonxe de síntoma de debilidade, son necesarias para a construción dun proxecto político de cambio que interpela á maioría social. Deste xeito, os debates políticos sosegados son necesarios, o que sobran son “fanboys” declarados decididos a sacar vantaxe das diferenzas internas.
Tampouco en Galicia tivemos os resultados que anelábamos, máis aínda, nos que críamos. Aquí tamén, as análises postelectorais teñen moito de ideoloxía e máis que a tratar de explicar nada parecen encamiñadas a fornecer as posicións propias e a ir traballando o terreo en clave preelectoral, de cara ás próximas eleccións autonómicas.
O caso de En Marea, coa perda dun escano e case 67.000 votos, ten un comportamento bastante partillado co que rexistrou Unidos Podemos a nivel estatal, o que dificulta atopar explicacións en chave exclusivamente territorial. Cabe, sen embargo, sinalar algunhas particularidades propias da confluencia a nivel galego.
En Marea vaise parecendo cada vez máis a un bipartito 2.0, con tres almas distintas que non dubidan en facer públicas as súas diferenzas, facendo evidente que o entendemento é complexo e que o proxecto común inexistente. Socios de coalición enfrascados en exculpar os fallos propios e apuntar ós compañeiros como responsables de todo mal: demasiado españolistas, demasiado nacionalistas, demasiado de esquerdas, demasiado moderados, demasiado morado, demasiada marea... Suma e segue en acusacións cruzadas venteadas nos medios que carecen dun espazo real para a discusión política interna.
Deste xeito, a loita pola hexemonía dentro dunha coalición ten pouco de nova política, e ten menos de interese real para a cidadanía que ve perplexa como estamos desaproveitando unha ocasión histórica de mudar o país. Podemos seguir falando de nós mesmas, entón, unha cousa é segura, a vitoria de Feijóo estará máis cerca.