Unidade cidadá e popular

Conseguir a unidade cidadá e popular supón disputar a hexemonía e o poder político ao bipartidismo, acabando coa política de austeridade, desemprego, recortes e corrupción. Hai que recuperar, consolidar e ampliar os dereitos e liberdades e iso esixe o esforzo de todos os axentes sociais e políticos. Unidade cidadá e popular? É posíbel e necesaria, respectando sempre a pluralidade da esquerda e o nacionalismo.

A esquerda e o nacionalismo galegos son diversos e plurais e por iso faise necesario que as diferentes formacións, sensibilidades, tradicións e culturas políticas da esquerda e o nacionalismo do país definamos as nosas propostas e suscitemos cales son os nosos horizontes, límites e achegas concretas a este debate pola unidade. É certo que algunhas cuestións xa foron postas sobre a mesa por medio dos diferentes manifestos, encontros e reunións levadas adiante pola Marea Galega e a Iniciativa pola Unión, enunciados e propostas presentadas publicamente, aínda que non menos certo que teremos que concretar como artellar esa candidatura galega unitaria, para non situarnos na retórica estéril que busca saír do paso nun escenario de debate e reconfiguración do campo político que pouco aporta a este crucial momento histórico para Galicia e o conxunto das clases populares. Converxer si, pero deixando claro que o obxectivo central debe ser alcanzar un grupo parlamentario galego propio sen dependencias ou submisións a intereses foráneos nin obediencias a centros de decisión alleos a Galicia.

Trátase de facerlle fronte ás políticas insolidarias e inxustas dos partidos do sistema (PP-PSOE), preservar o autogoberno de Galicia e suscitar un novo horizonte constituinte que supoña a creba democrática co réxime xurdido da II Restauración borbónica e o impulso dun novo modelo social -antagónico ao actual- que debemos construír se desexamos xustiza social e económica para as maiorías. Estas propostas e afirmacións supoñen romper coa hexemonía cultural das elites políticas e económicas ultraliberais.

É evidente que se desexamos andar ese camiño de éxito ningunha organización pode pretender hexemonizar o proceso de conformación desa candidatura galega unitaria. Do mesmo xeito que non debemos obsesionarnos exclusivamente na confrontación electoral. O campo electoral é moi importante, pero máis importante é construír unha alternativa  sólida que sirva para mobilizar á sociedade civil, que favoreza a construción de poder popular e que sexa algo sostido no tempo. Estou convencido de que a acción electoral debe estar subordinada sempre á estratexia política, deseñada para alcanzar uns obxectivos programáticos, e nunca ao revés.

Debemos, entre todas as partes implicadas e desde todos os sectores en loita, acordar propostas concretas e dotarnos das ferramentas necesarias para poder desenvolvelas. As diferentes organizacións da esquerda social, veciñal, sindical e política debemos artellar un Programa de mínimos compartido por todos e todas, respectando as nosas diversas identidades e traballando pola superación dun marco socioeconómico no que as relacións sociais supedítanse a poderes económicos por riba dos dereitos sociais e humanos.

A urxencia de recuperar a nosa soberanía, de disputar a hexemonía e o poder político aos sectores dominantes, ampliando e consolidando as conquistas sociais, esixe o esforzo de todos os axentes sociais e políticos galegos. Un grupo parlamentario galego, que non obedeza a outro que non sexa a cidadanía galega, non é un grupo parlamentario cuxos votos non sirvan para abordar no Congreso modificacións de ámbito estatal cara á ruptura democrática e a apertura dun novo proceso constituinte que desmonte o réxime xurdido trala II Restauración borbónica. Os deputados e deputadas dun futuro grupo parlamentario galego conxugarían a defensa dos intereses propios do pobo galego co apoio decidido e rotundo a propostas e proposicións que se fagan a nivel de Estado para superar este Réxime putrefacto e avanzar cara a un modelo de Estado moi diferente.

Unhas propostas concretas sobre as que cimentar ese Programa de mínimos serían a elaboración dun programa de rescate cidadán que atenúe os devastadores efectos das políticas de austeridade e dea saída á urxencia social e o recoñecemento efectivo do Dereito a Decidir dos Pobos.

En definitiva, unidade cidadá e popular. Unidade de todas as forzas políticas do nacionalismo e a esquerda rupturista co obxectivo de debuxar entre todas e todos un horizonte xusto e digno para Galicia e o conxunto da maioría social galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.