Vivimos tempos realmente excepcionais, caen as certezas, os modelos sólidos que parecían inamovíbeis esborrállanse. Ábrense novas oportunidades, non só tecnolóxicas senón tamén no recoñecemento da diversidade das persoas e nas aspiracións colectivas; o que non quere dicir que as múltiples utopías estean ao cabo da man, como cert@s “visionari@s” adoitan agardar despois de cada crise. A cuestión aquí e agora é identificar o sentido dos cambios e dirixilos en beneficio da maioría e do país.
Como encarar estes tempos para construír un futuro que non signifique retroceso senón avance na liberdade, na democracia, na xustiza social e na calidade de vida? A precondición para dar unha resposta acaída a ese reto pasa por asumir que non se trata só da gravísima crise inmediata que todos vemos diante de nós, cos seus estragos sociais e humanos que están a vista de tod@s –tod@s os que non poñen as anteolleiras da ideoloxía conservadora e as mentiras oficiais. Arrastramos unha crise económica sistémica, unha crise social, unha crise política e unha crise institucional.
Ese nesgo simplificador parece ter como obxectivo situar a dialéctica do cambio no campo de xogo estatal, na mudanza da correlación de forzas a nivel de estado ou, mellor dito, na correlación entre forzas estatais
Algúns formulan isto como crise do réxime do 78 e apostan por una ruptura co réxime que cristaliza na Constitución. Realmente, esta é una simplificación excesiva que podería conducir a unha resposta equivocada. De feito ese nesgo simplificador parece ter como obxectivo situar a dialéctica do cambio no campo de xogo estatal, na mudanza da correlación de forzas a nivel de estado ou, mellor dito, na correlación entre forzas estatais. Constrúese a ficción coma se houbese hoxe algunha forza estatal con vontade e capacidade para levar adiante esa ruptura, a que os demais deberamos nutrir e confiar a pilotaxe da mesma. Algúns chegan a formulalo de forma moi precisa atribuíndolle a Podemos “a centralidade do proceso” (coa previsión dunhas dúcias de deputados!), asumindo xa de partida a subalternidade dun proxecto nacional galego e ignorando a realidade fáctica e palmaria de que se algún vector de ruptura opera hoxe no estado español é o que representan os proxectos soberanistas en marcha, en particular o catalán.
Vaiamos, entón, por partes. Na realidade esas diferentes crises teñen unha xénese e unhas causas diferentes. É dicir, a súa natureza e os seus tempos son diferentes. E a súa xeografía tamén. Razón pola que cómpre saber que vector debemos priorizar en cada momento e, en consecuencia, que estratexia e que alianzas establecer aquí e agora.
Hai unha crise da globalización neoliberal, dunha economía liberalizada, desregulada e privatizada guiada polas finanzas, baixo a batuta das finanzas americanas e tutela dos EUA como potencia hexemónica. Ese modelo económico empeza a converterse en hexemónico a fins dos anos setenta e foise radicalizando paso a paso até hoxe, cando é evidente a súa inviabilidade e carácter terminal porque está deixando a moitos países sen sistema produtivo real e sen capacidade para integrar laboral e socialmente á poboación. O caso galego é de libro. Este modelo vai facéndose cada vez máis invasivo desde os anos de Reagan-Thatcher pero o certo é que non é ese o modelo económico que inspira a Constitución española do 78, que ten unha letra guiada polos principios da “economía social de mercado” na que a intervención pública e o planeamento económico imprimen carácter ao seu articulado, en liña coas constitucións europeas da posguerra. O que está claro é que o desenvolvemento posterior da mesma non seguiu ese patrón senón que se fixo cun claro sesgo neoliberal que marcou toda a política económica, marco regulatorio e políticas laborais e sociais desde o principio, desde Felipe González a Rajoy, nunha senda que ano tras ano foise facendo cada vez máis radical. Radicalización que vai pari pasu da que se da no conxunto da UE e na que, todo hai que dicilo, o estado español se coloca sempre na vangarda liberal.
A resposta ten que erguerse rompendo e fragmentando ese espazo global do capital pola vía da recuperación da soberanía para os pobos, o que non significa descoidar a colaboración internacionalista senón todo contrario
A clave está en cal debe ser a resposta política á crise desa configuración do mundo ultraliberal. A resposta a globalización neoliberal e a súa crise non pode situar o campo de batalla nunha loita global –como formula certo altermundismo e certo troskismo mal dixerido- aceptando o espazo definido polas forzas económicas sistémicas. Situar aí o centro da batalla levaría a unha loita que sería en vao porque se afronta con ferramentas absolutamente desiguais. Por iso a resposta ten que erguerse rompendo e fragmentando ese espazo global do capital pola vía da recuperación da soberanía para os pobos –o que non significa descoidar a colaboración internacionalista senón todo contrario. A soberanía é a resposta necesaria para gañar a autonomía imprescindíbel para poder levar adiante políticas alternativas en beneficio da maioría social. Obviamente, canto máis xeneralizados sexan os procesos soberanistas nas nacións con e sen estado maior será a potencia e efectividade de cada un deles. Desde logo, que os bancos e grandes corporacións catalás se posicionen contra a independencia de Cataluña e que, en cambio, as clases populares e a pequena e mediana industria produtiva se posicionen a favor é congruente con esta liña divisoria. Os pasos soberanistas de moitos países latinoamericanos nos últimos 15 anos van na boa dirección; o avance soberanista en Escocia, Cataluña e Paisos Cataláns, Flandes, Córsega, Euskadi van na boa dirección e foi unha mágoa que Grecia agachase a orella coa última viraxe de Syriza.
A crise social, a precarización laboral e o aumento das desigualdades van claramente asociadas á radicalización dese modelo neoliberal e as recorrentes crises que se viviron cada 6-7 anos ao longo deste período. A virulencia extrema da última crise financeiro-inmobiliaria que estoura en 2008 deixa un rosario de desfeitas que trituran millóns de persoas en todo o estado en forma de paro, exclusión social, pobreza en todas as súas formas, incluída a carencia de vivenda e os desafiuzamentos e, no noso país, ademais de todo iso, dan lugar a unha nova sangría migratoria da xente moza, que agrava o devalo demográfico do país. As prioridades para todas as capas sociais trituradas por este modelo de capitalismo depredador, rentista e ultraprecario pasan por unha correlación de forzas que rompa coa globalización e coa Europa ultraliberais. Iso é algo que, de facto, vai máis alá da letra da Constitución para a súa materialización ou non. O problema é doutra natureza e, ademais, para encaralo de xeito realista cómpre adoptar medidas diferentes nas diversas nacións en función do seu rol periférico e dependente ou non. Que o noso mundo rural se baleire e que a xente moza emigre en masa a Madrid, a Cataluña, a Londres e outras capitais europeas quere dicir que temos que atallar problemas estruturais diferentes aos deses outros espazos.
Padecemos tamén unha crise política que ten o seu expoñente máis escandaloso na profunda corrupción que aniña no modelo económico e político español e que agromou con esta crise. A densa e opaca interrelación entre o capital privado parasitario e a administración pública nun contexto de grande volume de obras, contratas, servizos privatizados, etc creou as condicións para as corruptelas e a grande corrupción protagonizada polos grandes partidos, o que acabou podrecendo a vida política en xeral. A estreita conivencia entre os dous grandes partidos e os lobbys madrileños da construción, concesións, contratas e servizos privatizados é un factor innegábel dese deterioro pero tamén o é do impulso centralizador que arrasa desde a etapa Aznar. Polo tanto, as corruptelas poden estar relativamente difundidas ao largo do territorio pero a Gran Corrupción está directamente asociada á centralización do poder (poder económico e poder político). Romper ese cordón umbilical require a ruptura e inversión radical do proceso recentralizador.
A crise institucional é hoxe por hoxe un problema central no que si podemos dicir que se pon en causa o modelo de estado consagrado na Constitución do 78. Estas tres décadas longas de vixencia mostran a inconsistencia política e económica do modelo territorial do estado. O problema político do non recoñecemento das nacións; o hibrido de estado central (incluído o mantemento das delegacións do goberno e as Deputacións propias dun modelo centralista) e o disparate das 17 autonomías “iguais”; a superposición a partir de 1986 das estruturas da UE e o conseguinte baleirado de soberanía-competencias cara arriba. Todo iso xunto fai unha estrutura político-administrativa de 6 niveis superpostos que resulta ineficaz e insostíbel e, sobre todo, fai que o potencial de descentralización política que recollía a letra do Estatuto das nacións quedase na realidade en letra morta. Para rematala, despois de dúas décadas de paripé e ten-con-ten descentralizador, o Estado emprendeu na época de Aznar unha senda de sistemática recentralización que acaba deixando as institucións autonómicas nunha auténtica casca baleira. Estes tres últimos lustros –a pesar dos vacilantes acenos iniciais de Zapatero- son tres lustros de ruptura do modelo “pactado” na transición. A autonomía nunca colmou as aspiracións dos que queremos unha nación soberana. Pero hoxe a autonomía está quedando reducida ao seu espectro. Coa transposición de centos de leis comunitarias, as leis orgánicas convertidas en leis de bases que invaden todas as competencias autonómicas, a intervención directa das contas públicas, a centralización do sistema financeiro, a usurpación de calquera representación para negociar en Bruxelas materias de competencia exclusiva –na letra- da comunidade autónoma, etc etc acaba convertendo hoxe a autonomía nun puro espectro. Esa é a ruptura real á que estamos asistindo en directo nos últimos anos. A crise de 2008 en diante foi aproveitada como coartada para un programa de recentralización brutal que está deixando baleiro o autogoberno.
A crise de 2008 en diante foi aproveitada como coartada para un programa de recentralización brutal que está deixando baleiro o autogoberno
Por fortuna, esa ruptura unilateral por parte do centralismo desencadeou un proceso de autodefensa por parte de algunhas comunidades, con recursos de constitucionalidade e mesmo con reformas estatutarias, basicamente para blindar as competencias que estaban recollidas na letra dos estatutos (a tentativa do BNG de levala adiante nos anos do bipartito chocou co negativa do PP, imprescindíbel para a maioría cualificada). O rexeitamento por parte do Estado do novo estatuto catalán creou as condicións para un proceso de ruptura en Cataluña en sentido contrario. O certo é que, hoxendía, o proceso soberanista catalán, xunto coas aspiracións soberanistas presentes noutros pobos, aínda que non sexan maioritarias por agora -como ocorre no noso caso- constitúen o principal vector de ruptura do molde constitucional e institucional do estado neste momento.
O proceso soberanista catalán, xunto coas aspiracións soberanistas presentes noutros pobos, aínda que non sexan maioritarias por agora -como ocorre no noso caso- constitúen o principal vector de ruptura do molde constitucional e institucional do estado
Polo tanto, para todos aqueles que aspiran a transformar de verdade a realidade no noso país parece claro que unha alternativa en termos nacionais –eu diría soberanistas- é a que máis claramente vai ao cerne dos problemas que queremos resolver. En calquera caso, a realidade concreta de Galiza fai precisa aínda máis claramente esa alternativa nacional. Pola especificidade dos nosos problemas, pola súa gravidade e carácter estrutural.
Galiza, “a ruda adversidade urxente”
Galiza leva un longo tempo de devalo económico e demográfico, que se retroalimenta coa perda de peso político. Non é só cousa desta crise interminábel senón que está situada nun declive que vén de moito antes e que os anos da burbulla financeiro/inmobiliaria do euro apenas disimularon/encubriron durante unha década. A perda de pulso produtivo nos sectores primarios e no industrial é algo que nos acompaña desde principios dos oitenta: coa liberalización comercial e a “negociación” da entrada na Unión Europea. A experiencia contundente destes 35 anos de peches pinga a pinga e o baño de realismo desertizador destes sete anos de crise, poñen @s galeg@s diante dunha crúa realidade: o país está contra as cordas; coa base produtiva colapsada; sen investimento produtivo; sen novos proxectos empresariais relevantes; coa poboación máis avellentada do mundo, con case tantos pensionistas como empregados a tempo completo; con taxas de paro, exclusión e pobreza insoportábeis. A sociedade que coñecemos, co nivel de vida e benestar un día acadado non é sostíbel baixo o modelo de globalización neoliberal radicalizada (libre fluxo de mercancías, servizos e finanzas e desregulación laboral e social).
A crise en Galiza non ten o mesmo cariz que en Madrid ou Cataluña; elas sofren unha crise severa pero están recuperando e están en condicións de levantar vóo; obviamente, que o fagan máis ou menos rápido, con máis ou menos forza, depende das políticas dos seus gobernos e da imposición de regulacións favorábeis. Teñen o poder económico, financeiro e político para facelo. Con todo, do meu ponto de vista, o factor máis importante é que tanto unha como a outra teñen vontade política de prevalecer, cada unha a súa maneira, Madrid cunha centralización arrogante e Cataluña voando libre. Madrid, con todos os seus poderes, a súa casta e as súas institucións –incluída as do estado- argalla todos os días e con visión estratéxica o seu reforzamento como gran metrópole ibérica e europea, aínda que para iso actúe como un auténtico burato negro de todos os recursos e todas as enerxías do conxunto do estado. A prensa económica madrileña festexaba hai poucas semanas que o PIB madrileño xa supera ao catalán.
O que está a pasar co sector leiteiro, co conserveiro, coa industrustria metalúrxica, coa eólica, etc é consecuencia directa desa subordinación
Desafortunadamente, a nosa situación é moito máis grave: o devalo vén de moitos anos atrás; aquí non hai recuperación nin vai habela con estas políticas que non buscan aproveitar as nosas potencialidades senón que están destinadas atarnos como mercado captivo e xerar ingresos e rendas para uns sectores sociais ultraminoritarios (as finanzas e as grandes empresas do lobby madrileño: eléctricas, telecos, distribuidoras, construtoras e concesionarias). O que está a pasar co sector leiteiro, co conserveiro, coa industrustria metalúrxica, coa eólica, etc é consecuencia directa desa subordinación.
O certo é que ou adoptamos con urxencia medidas audaces para frear a desfeita da nosa base produtiva e para aproveitar as nosas vantaxes específicas (coñecemento, aforro, auga, vento, enerxía, terras, mar, portos, etc) ou o noso país entrará nunha pendente de devalo irreversíbel e as oportunidades laborais e de vida no país serán cada vez menores.
Os problemas de Galiza requiren mudanzas moito máis profundas e estruturais que permitan mover a nosa economía e crear empregos, que freen a emigración e o avellentamento, que xeren os ingresos que permitan condicións de vida dignas para as persoas e tributos para financiar os servizos públicos de calidade
En Galiza non abonda con certos cambios para dar transparencia ao sistema ou facilitar a participación política nos barrios ou poñer na picota a casta madrileña ou lanzar cantos retóricos á “decencia”. Con ser estas necesarias e urxentes, o certo é que os problemas de Galiza requiren mudanzas moito máis profundas e estruturais que permitan mover a nosa economía e crear empregos, que freen a emigración e o avellentamento, que xeren os ingresos que permitan condicións de vida dignas para as persoas e tributos para financiar os servizos públicos de calidade. É preciso inverter o declive e darlle a volta a ese círculo vicioso de esboroamento dunha sociedade.
Galiza precisa un proxecto propio e non pode seguir confiando o seu futuro enganchada a proxectos estatais, dun signo ou de outro que, en todos os casos, responden á mesma lóxica xeopolítica
Con esas premisas parece claro que Galiza precisa un proxecto propio e non pode seguir confiando o seu futuro enganchada a proxectos estatais, dun signo ou de outro que, en todos os casos, responden á mesma lóxica xeopolítica. Precisa ter voz propia en todos os foros, a empezar nas Cortes do estado, sen subordinación a disciplinas e cortocircuitos alleos. Esa é a razón de ser dunha candidatura galega. Non se trata dunha aposta por apriorismos ideolóxicos ou atavismos identitarios, trátase do futuro material desta sociedade. Somos moit@s @s que cremos que a aposta por unha candidatura nacional galega de unidade para as vindeiras eleccións xerais é algo máis que unha aposta de partido, é unha necesidade para o país. Unha aposta vital nun momento en que tantas decisións temos que tomar para asegurármonos un futuro como país e como persoas. Unha aposta para que Galiza poida xogar na liga das nacións que non sucumben ao vento da historia guiada polos grandes poderes hexemónicos senón que sobrevive e contribúe como pobo ao acervo común dunha humanidade diversa, como espazo vivo e cultura viva para as futuras xeracións.
Como artellar social e políticamente eses obxectivos nos tempos que corren? Só é posíbel desde unha vontade partillada das organizacións existentes de poñer por diante os obxectivos esenciais e mínimos da maioría social galega (excluíd@s, precari@s, asalariad@s, autónom@s, pequen@s empresari@s, labreg@s, mariñeir@s, pensionistas...); desde a vontade de sumar sen apriorismos nin vantaxismos de siglas a toda esa cidadanía organizada en partidos, colectivos, asociacións e esoutra parte da cidadanía que “vai por libre” pero quere participar e comprometerse nun proxecto ilusionante; tod@s @s que mesmo sen recoñecerse como nacionalistas entenden que facer políticas de esquerda e progresistas pasa, aquí e agora, por priorizar os intereses da maioría social galega, sen ataduras. Esa suma só é posíbel desde a vontade decidida de superar esa atracción atávica cara a fragmentación que con tanta forza opera no mundo da esquerda en todo o mundo e desde a asunción sincera de que a unidade é a única forma de vencer a esa minoría poderosa que move os fíos desde arriba, desde Madrid (e máis alá). Vencer esa atracción atávica pola fragmentación empeza por delatar o cinismo crónico dos cantos á “unidade popular” que adornan todos os procesos de división real. Está moi visto iso de que todos os protagonistas de escisións e divisións lancen inmediatamente proclamas á unidade popular. Mellor practicala de xeito efectivo e xeneroso.
Son tempos de apostas estratéxicas pensando no futuro longo, colectivo. Superar a fragmentación cun proxecto para a maioría social, aberto tamén a todas as persoas que aspiraran a participar activamente
Nestes momentos de inflexión do tempo histórico é preciso clareza de obxectivos, afouteza e valentía para apostar por mudanzas profundas. Non son tempos de cativezas persoais, nin de retrovisores manipulados, nin de letra miúda. Son tempos de apostas estratéxicas pensando no futuro longo, colectivo. Superar a fragmentación cun proxecto para a maioría social, aberto tamén a todas as persoas que aspiraran a participar activamente. Ese é o reto que algúns asumimos para o que queda de 2015 e para o ano vindeiro.