Unidade popular

O pasado 24 de maio de 2015 será recordado por ser unha data histórica. A esquerda social e as candidaturas de unidade popular arrasaban alí onde se presentaban, gañando en Compostela ou en Barcelona, e pasando a ser decisivas noutras cidades como A Coruña, Madrid ou Zaragoza. Tras moitos intentos, por fin a xente conseguía unha vitoria electoral.

Para isto, a unidade popular resultou ser a ferramenta fundamental que estabamos a buscar dende hai anos, a chave para que o pobo poda acceder ás institucións e mudar a realidade, comezando un proceso de quebra e de transformación social.

A posibilidade de crear unha candidatura apoiada pola maioría social está aí, pero temos que ter claro o proceso. Podemos será unha peza importante, pero debe entender que isto non é un capricho de ninguén, senón o que reclama a xente: acceder ao poder das institucións e virar o rumbo das políticas que están provocando a actual situación de emerxencia social. Ninguén pode facelo só, viuse nos resultados das autonómicas.

Que forzas como EU e Anova (que integran AGE) chamen á confluencia non é nada novo, e non se debe desprezar a experiencia que poidan ter nisto, mais temos que ter claro que este movemento ten que ir máis alá das siglas, ten que ser algo similar a unha Marea (ou máis ben un Maremoto) e para selo ten que partir da horizontalidade, transversalidade e transparencia, ademais de contar cunha participación masiva. É un proceso que debe capitanear a xente, será así ou non será unidade verdadeiramente popular.

Deberán destacar as persoas ante calquera outra cousa, as activistas e as plataformas, os movementos sociais e o tecido asociativo, toda persoa que nestes últimos anos loitara contra o Réxime do 78, un réxime imposto e podre. As organizacións políticas estaremos aí para axudar e apoiar, para impulsar, ser motores, pero o liderado recaerá sobre as bases e as asembleas. As forzas da esquerda non deben poñer o ollo no beneficio da súa organización senón no ben común, no espectro conquistado coa unidade, o cal indo por separado e antepoñendo as prioridades de cada un non poderiamos conseguir. Debemos unirnos en todos os aspectos.

Isto é fundamental, a unidade popular é necesaria, pero non só no electoral, senón nas rúas e na loita do día a día. Unidade popular para así crear poder popular, empoderar o pobo e dotalo de ferramentas e alternativas ao que hoxe nos impoñen. Unir as loitas, sumar forzas e tirar todas xuntas até derrubar L'estaca, como diría Lluís Llach.

Temos unha oportunidade e pouco tempo, debemos actuar de forma responsábel. O obxectivo é GAÑAR. Temos que ser xenerosas e deixar egos e sectarismos de lado, a xente xa demanda isto, viuse este domingo e agora vese nas bases das organizacións e nas rúas, polo que sería irresponsábel non actuar en consecuencia.

Se o pasado domingo era espectacular ver os resultados das candidatuas de unidade popular, máis impresionante incluso foi ver unha cidade como Compostela estoupar de alegría e ilusión, ver tanta xente sorrindo e con esperanza de que o cambio era posíbel. Fagámolo realidade! Mudémolo todo!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.