Os Orzamentos Públicos de calquera pais permiten sempre unha dobre lectura: contable e política. Unha lectura contable que pon o acento en mostrar os gastos planeados e os ingresos esperados para o ano fiscal. Unha lectura política que vai mais aló e trata de analizar si os orzamentos tanto teñen en conta a natureza do ciclo económico como promoven a creación de emprego e benestar ao tempo que controlan a inflación.
Con estes criterios fiscais, que negan o carácter anticíclico e estabilizador dos orzamentos públicos, a Xunta de Galicia está impedindo que contribúan como deberían a creación de emprego e benestar ao tempo que ao control da inflación e a redución das desigualdades. As evidencias son contundentes
Centrándonos nesta última lectura os Orzamentos Públicos da Xunta de Galicia deberían ter en conta que a economía galega, como practicamente toda a economía occidental, atravesa un ciclo marcado por grandes incertezas que fan pensar na posibilidade dunha prolongación da longa fase recesiva que vimos atravesando e incluso na aparición dunha grande depresión. Riscos que se ven acentuados pola ortodoxa política dos gobernos que deixaron exclusivamente en mans dos bancos centrais a loita contra a inflación xa que parecen considerar que se trata dun problema exclusivamente monetario.
Neste marco a economía galega segue padecendo os efectos negativos da débil achega por parte do gasto privado. Si o baixo nivel de emprego (53,22% fronte a unha media en España do 58,97%) e de renda (a renda anual neta media de Galicia é o 96% da media española), xunto ao pago da débeda que tira do aforro (estaba entre o 14 e o 18% da renda dispoñible antes de que se disparara a inflación), lastraron o consumo das familias, o investimento privado non remata de levantar cabeza dende o estoupido da crise bancaria cando experimentou unha brutal caída (-80% en termos reais) da que non se da recuperado. So o incremento das exportacións (que en términos reais supoñen un custo) aportan achegas positivas ao gasto privado parecendo querer recuperar o volume previo a crise bancaria (95% en termos reais): a pesar diso non se debera perder de vista a súa total dependencia tanto da confección téxtil como do automóbil.
O débil comportamento do gasto privado debera conducir a unha política fiscal fortemente expansiva por parte da Xunta de Galicia cun notable incremento do gasto público especialmente en materias como o emprego, o benestar, o medio ambiente, a industria e a vivenda. A historia nos ten demostrado sobradamente que o gasto público é quen turra do gasto privado, non o contrario (velaí unha das razóns do fracaso de neoliberalismo), moi especialmente nos ciclos recesivos (como na actualidade) polo que se precisa que os gobernos adopten un papel activo e emprendedor. Un papel ao que este goberno galego (PP), engaiolado na súa ortodoxia neoliberal, ven renunciando dende sempre como así o evidencian as súas políticas fiscais e sectoriais que camiñan na dirección contraria a que deberían.
Unha primeira e contundente proba témola na evolución en termos reais (descontando a inflación) do gasto público que non volveu a recuperar o nivel previo a crise bancaria (2008): 75,9% no 2016, 74% no 2019, 86,6% no 202, 81% no 2023, 76,9% no 2024. Unha evolución que pon en evidencia como o goberno galego de quenda non considera nin o carácter anticíclico que deben ter uns orzamentos públicos nin tampouco o seu papel estabilizador, moi especialmente no presente momento critico que atravesan as economías europeas, e con ela a galega, polos efectos conxuntos da pandemia e a guerra en Ucraína que, entre outras consecuencias, supuxeron a definitiva ruptura das cadeas de valor da globalización neoliberal. Un impacto recesivo, sobre o comercio e a produción privados, que debería levar ao goberno galego a un notable esforzo inversor o que non é o caso. Si ben é certo que nos últimos exercicios a Xunta de Galicia incrementou notablemente o investimento público a realidade é que o gasto aprobado para o investimento público en termos reais (o 11% do gasto público total) é aínda claramente inferior ao que se destinaba, por caso, antes da crise bancaria (13%) cando era menos necesario ese esforzo dada a puxanza do investimento privado. Este insuficiente esforzo público en investimento frea o necesario reponte do investimento privado impedindo así a recuperación do crecemento económico e freando a creación de emprego. Hai que ter en conta que, como xa sinalara en estas páxinas, "en Galicia o tecido empresarial está formado maioritariamente por empresas de tamaño pequeno e medio polo que o incremento do investimento público (gasto) incrementaría as ventas (ingresos) de estas sociedades estimulando o investimento privado (gasto) favorecendo así a creación de emprego e o crecemento económico".
En relación ao gasto público nas funcións de benestar os orzamentos confirman que este goberno de quenda (PP) mantén a súa aposta por minguar o público a prol do privado. Así, por caso, en atención sanitaria o gasto aprobado non cobre as necesidades actuais do sistema e supón “unha renuncia a introducir as melloras que precisa a sanidade pública galega para revolvelos problemas que lle afectan, moi especialmente na atención primaria” (AGDSP).
Si resulta evidente que, por caso, na estrutura e funcionamento actuais da Unión Europea tanto os estados como as comunidades autónomas teñen importantes limitacións para desenvolver políticas fiscais expansivas non é menos certo que hai un indiscutible marxe de manobra ben vía tributos ven vía débeda pública. Marxe que o goberno galego (PP) preso da súa ideoloxía e dos seus intereses de clase se nega a aproveitar. A nivel de tributos o goberno galego de quenda ten a posibilidade real de melloralos ingresos públicos si abandonara o dogma neoliberal das rebaixas de impostos (que segundo o propio Presidente da Xunta equivalen a “unha renuncia de 1.300 millóns de euros en ingresos”), que so benefician as rendas altas, para apostar por incrementar o seus ingresos fiscais, algo que pode conseguir por varias vías. En primeiro lugar a tributaria na que hai un claro marxe de manobra ao través tanto de incrementar o tramo autonómico do IRPF -incorporando novos tramos por riba do máximo actual- como actuando sobre o Imposto de sucesións e doazóns substituíndo as tarifas I e II polas estatais e eliminando as bonificacións ao Imposto sobre o Patrimonio facéndoo mais progresivo. Paralelamente a Xunta de Galicia debería tomarse en serio a loita contra a fraude fiscal que é moi elevada o que permitiría un incremento nada desprezable dos ingresos tributarios.
A nivel de débeda pública compre criticar que o goberno galego de quenda (PP) sega utilizando aquela exclusivamente como alimento para o negocio dos mercados financeiros a costa de minguar outros gastos mais necesarios: si os ingresos previstos por débeda ascenden a 1.389,15 millóns de euros o gasto polos servizos da mesma (xuros+amortizacións) suman 1.516,5 millóns (%), un diferencial negativo de 127,35 millóns de euros que se retrae doutros gastos. Na análise da débeda pública de calquera goberno tanto ou mais importante que o seu volume, incluso que o seu custo, é a que se destina xa que condiciona totalmente a marcha da economía e as finanzas públicas. Así si, por caso, os ingresos por débeda se destinan exclusivamente ao pago da mesma resultará moi difícil, certamente improbable, que o seu volume e o seu peso na riqueza nacional (PIB) se reduza no tempo e non se caia na “espiral da débeda”. Moi probablemente contribuirá a que o crecemento económico e a creación de emprego sexan moito menor. “En fases recesivas como sucede actualmente é cando están plenamente xustificados os incrementos da débeda pública”: si medra a economía (PIB) diminúe o peso da débeda (%).
Para rematar subliñar que con estes criterios fiscais, que negan o carácter anticíclico e estabilizador dos orzamentos públicos, a Xunta de Galicia está impedindo que contribúan como deberían a creación de emprego e benestar ao tempo que ao control da inflación e a redución das desigualdades. As evidencias son contundentes.