Vai o bispo Dolfo camiño de Oviedo

No século IX Galiza viviu abalada polas últimas razzias árabes que viñan do mediodía e polas primeiras incursións normandas que viñan do norte. Da rapa á rebola veña o demo e escolla, porque ámbalas dúas pestes eran feras e bárbaras, e por non ter recibido a fe de Cristo, impías e infieis.

Daquela non é de estrañar que non foran precisamente tempos de costumes exemplares, nin no ámbito eclesiástico nin no laico; mais ben todo o contrario: unha feira de desordes, desenfreos, abusos, escándalos, concubinatos e vendas simoníacas. A mediados de século, o bispo de Compostela foi acusado ante o Rei Orduño de sodomía por tres criados seus, de nomes Nadón, Cadón e Ensión. Amais do pecado nefando, acusábano tamén de andar en tratos traidores cos mouros. Ataúlfo chamábase o prelado e era o primeiro bispo da sé compostelá. En romance moitos coñecíano por Adolfo e para o vulgo rematou sendo Dolfo para acó e Dolfo para acolá.

Feitas as exequias con grande solemnidade do rei Ramiro, o seu fillo Orduño tomara as insignias reais do reino de Asturias e con elas o nome, poder e pensamentos de rei. Feito home en Lugo dende os nove anos, a onde o seu pai chegara como gobernador da Galicia toda, era Orduño de condición mansa e avelaíña, os seus costumes moi suaves, e por toda a vida usou de singular modestia en tódalas súas accións, coas que gañou as vontades da nobreza e mailo pobo, que ningún dos reis foi mais agradable naquel tempo nin nos tempos que seguiron. Gran celador da xustiza, e procurando non ser enganado polas moitas argucias dos homes malos, dos que sempre hai a petadas nas casas grandes e pazos reais, o Rei deulle creto aos acusadores e chamou ao bispo a render contas perante a corte real en Oviedo.

Nunha mañá de Abril do ano 851 da nosa salvación, o bispo Dolfo saíu de Compostela cara a corte real de Oviedo nunha liteira tirada por dúas mulas e un séquito de trece persoas. Entre Sobrado dos Monxes e Lugo as treboadas non lle deron tregua, pero a partir de Castroverde luciu un sol radiante e a comitiva salvou sen atrancos os cumes do Acebo e do Puzo das Mulleres Mortas; xa nas terras de Prámaro, ao coroar o cume do Fresno, o bispo viu ao lonxe a igrexa de Santa Eulalia, no lugar chamado La Mata; tanto lle agradou o templo, que partillou cos clérigos da comitiva o desexo de que os seus restos mortais descansaran alí, cando Deus así o determinara. Fixeron noite alí mesmo, e á volta do día percorreron as catro ou cinco leguas que os separaban de Oviedo. Antes de acudir ao pazo real, o bispo Dolfo aínda oficiou misa en San Salvador; e xa rematada a eucaristía, así vestido de pontifical, foi ao encontro do Rei.

Na praza que separa a igrexa de San Salvador e o Pazo Real, ateigada de xente curiosa, o Rei mandou ceibar un touro bravo, encirrado por cans e garrochas de uz contra o prelado. En tan grande perigo, o bispo armouse do sinal da cruz. O animal arrancou con braveza, pero ao chegar onda o prelado, freou en seco e agachou a testa, poñéndolle as hastas nas mans, coma quen lle rendía armas. O bispo, amodo e sen facer forza algunha, agarrou as hastas e quedou con elas nas mans, con grande espanto da xente que miraba; de seguido, o touro recuperou a súa ferocidade e arremeteu sen cornos contra a xente, matando a uns e deixando feridos a outros, e despois fuxindo ao souto de onde o trouxeran. Trala intervención da Divina Providencia, o bispo volveu á igrexa de San Salvador para rezar e ofrecer a cornamenta do touro, que alí quedou depositada para lembranza eterna do milagre acontecido.

De regreso a Compostela, co perdón real e o milagre como testemuña da súa impoluta cristiandade, ao bispo Dolfo deulle unha volta e faleceu, cando nin catro leguas levaban de camiño, na entrada xa do val de Prámaro. Chegando a comitiva aos arredores da igrexa de Santa Eulalia de La Mata, as mulas que tiraban da liteira do bispo morto botaron a correr desbocadas, coma se as perseguira un enxame de tabáns; e ninguén as puido deter, nin as matogueiras nin tódolos outros obstáculos que topaban por diante; elas soas, sen que ninguén fixera nada, frearon en seco ao pasaren fronte ao templo. Daquela, os clérigos que ían na comitiva lembraron os desexos do bispo, de descansar para sempre naquela igrexa cando lle chegara a hora postremeira. A tal hora seica chegara e alí quedou soterrado.

Mais de mil cen anos despois, nas terras de Castroverde, Baleira e A Fonsagrada, aínda hai raparigas que saltan á corda cantaruxando “...vai o bispo Dolfo camiño de Oviedo... nunha liteira con almofadas de la...vai o bispo xa morto...e ninguén conta se da...vai o bispo Dolfo camiño de Oviedo...que seica un touro do Rei o vai escornar...o touro non cornea...Dolfo morto xa está...” Eu mesmo, e mailo amigo Alexandre Villanueva, escoitamos farfallar os mesmos versos a un castroverdés prexudicado nun xantar afumado e farturento na Casa Remedios, no lugar de San Cosme de Barreiros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.