Celso Emilio Ferreiro: “nunca virá de fóra remedio ou espranza”. De Puerto Rico ou de California, tampouco.
Foi neste 1 de outubro recente, a dous anos cumpridos da maior mostra de coraxe e dignidade colectiva e popular que se deu na Europa Occidental nos últimos lustros por volta do referendo de autodeterminación de Catalunya, cando caeu nas miñas mans vía whatsapp, a través de dúas amigas (Ola Vero! Ola Chus!) unha das maiores deposicións intelectuais feitas artigo que tiven a mala sorte de ler en moito tempo. Non me sorprendería se o que vin o elaborase un estudante de primeiro de carreira ao chegar un xoves á casa logo da súa primeira asemblea e, inmediatamente despois, lle chimpara unha botella e media de likor do neghro café. Xa se sabe que as primeiras semanas do curso préstanse a iso. Será por curso...
Pensei bastante nesa tarde se, realmente, merecía a pena perder o tempo fiando unhas anotacións breves sobre a cantidade de simplezas propias dun hooligan -e non dun prestixioso profesor da Universidade de California de Berkeley- que o sociólogo puertorriqueño Ramón Grosfoguel viña de publicar no portal GalizaLivre.com baixo o título “Anova e En Marea no 10N, Espanha non paga a traidores”, posteriormente recauchutado a “Anova e En Marea no 10N, Espanha non paga a colonizados”.
Pois aquí estou nesa mesma noite, xa día dous de outubro, perdendo o tempo. A cuestión é que Ramón Grosfoguel ten certo renome no mundo da investigación e da produción científica nas áreas de socioloxía, antropoloxía e filosofía política, e considérase nalgúns ámetos un referente do pensamento decolonial e as políticas migratorias e económicas no sistema mundial. Ten bastantes libros publicados sobre a mesma temática. Da conferencias, entrevistas e publica artigos, e gáñase a vida con iso. E fai ben, claro. Nalgúns sectores da esquerda alter-mundista é ben considerado. Ten traballado, obviamente, sobre o pensamento de Franz Fannon (“Retrato do colonizado”, obra e autor que influenciaron xunto con outros especialistas da temática noutras latitudes como Robert Lafont, precisamente, a Xosé Manuel Beiras para o artellamento de “O atraso económico da Galiza” publicado na súa primeira edición alá polo ano 1972 pola editorial Galaxia, cando o ínclito Ramón era tan só un rapaciño) ou sobre a obra e pensamento de Boaventura de Sousa Santos (amigo persoal de Beiras, entre outras e outros que van del mesmo ao finado Eduardo Galeano, por poñer outro exemplo ilustrativo). Digamos pois que Grosfoguel é unha desas persoas que “hai que ler e escoitar” se es unha militante-tipo de esquerdas ou, simplemente, alguén con inquedanzas e un mínimo pensamento crítico. Ten interese todo para a cidadanía neste turbocapitalismo autoritario, aínda que a unha boa parte da cidadanía d´hoxe lle interese máis ben pouco, por desgraza. E menos lle interesará se non é capaz de aportar algún tipo de coñecemento ou valor engadido, alén dunha aborrecible e manida colección de clixés e falacias ad hominem. Ben é certo que hoxendía lese moita merda na rede, e xa case non se distinguen as novas reais das inventadas ou a opinión cualificada dunha recua de lugares comúns de consumo rápido para mentes estreitas, que serven para reafirmar posicións. Neste caso concreto mediante, tamén, falacia ad verecundiam ou auctoritatem. Como ten “autoridade” na materia, xa ten toda a razón. Posverdade, lle chaman. Vaites, unha figura propia destes tempos escuros de propaganda en vea do poder. Paradoxo: o estranxeiro puertorriqueño decolonizador…¡colonizado!, cualificando de colonizados aos que levan unha vida enteira de combate decolonizador. Ten o seu aquel o conto!
Xa dicía eu que era perder o tempo…e xa se lle dicía tamén como carta-réplica a Carlos Casares na altura de 1988, respondendo a aquel mítico artigo no que, ¡vaia!, tamén se referenciaba ao Beiras: “¿Colonia o champú?”. Pois, máis ben: desodorante! Daquela, precisábao, entre outros, Casares. Hoxe, precísao urxentemente o querido Ramón. Porque o que publicou, cheira. E vou dar algún que outro argumento (tamén lixeiro) sen ánimo de polemizar con ninguén (cousa imposíbel na nosa polémica, complexa e enrevesada “cuestión nacional”) intentando, no posible, evitar caer nas simplezas vertidas por este señor de Puerto Rico na deposición infame á que nos referimos:
- Grosfoguel ten analizado a realidade política catalana no conflito que aquel pobo mantén cun estado español que mostrou a súa faciana máis represora, especialmente desde o momentum que marcou un antes e un despois na consciencia colectiva e desnúa ao réxime monárquico coma unha continuación do franquismo sen Franco. Simpatiza co proceso soberanista pero, ademáis e non chegándolle, permítese o luxo de dar recomendacións aos seus líderes desde a súa posición observadora: sobre cales teñen que ser os posicionamentos e as estratexias de desobediencia civil (coma se non houbese distintas visións sobre todo iso e o que significan o exilio ou o cárcere, obviando que as cousas son máis complexas e a realidade catalana pouco ten que ver coa do pobo quechua, ou coa de Hong Kong. Ou coa realidade sociopolítica galega), ou sobre o papel que deben xogar Junqueras e Puigdemont, ou calquera outro actor relevante. Vén de ser entrevistado recentemente en TV3 e levantou algunha suspicacia alí por isto mesmo. Autoerexirse en gurú de todos os procesos de liberación nacional pasados, presentes e futuros ten os seus riscos. Sobre todo se non vives en carnes o risco do exilio ou da privación de liberdade.
- Antes de nada, sobra dicir que é perfectamente lexítimo discrepar da estratexia politica seguida por parte do nacionalismo galego emancipador e, máis concretamente, por Anova desde a súa fundacion na altura de 2012 a raíz da proposta de Fronte Ampla trala ruptura do BNG en Amio. Faltaría máis. Naquel momento considerouse que a situación de emerxencia social e nacional empurraba a procurar acordos e colaboracións máis extensos que sobardasen os marcos do nacionalismo organizado realmente existente na súa proxección electoral, no combate contra o neoliberalismo e na procura da creba democrática, e entendíase que o BNG non estaba sintonizando ben a ese nivel co cambio social e con novos sectores activos da sociedade galega que operaban xa noutras claves e viñan de experiencias mobilizadoras (LOU, Non á Guerra, Nunca Máis, 15-M) nas que se crearon novas subxectividades e antes as cais diminuira o seu papel protagónico. Pero...ai, amijo Grosfoguel!, ténche maior mérito discrepar de todo isto desde o comezo...como moita outra xente, lexitimamente, fixo. Mais eu lembro unha palestra alá polo 2016, organizada por Lidia Senra e AGEenEuropa, onde participabas ti, Boaventura de Sousa Santos, Anna Gabriel, Quim Arrufat e algúns máis. Daquela loubabas a estratexia e vías con moi bos ollos o papel xogado por Anova. Dis que “o beirismo da vergoña allea” e “non ten dignidade”. Tampouco sei se é moi digno mudar tan radicalmente de opinión desde aquela, en función de quen te convide a falar. Por aquí dicimos que polo pan baila o can! Iso si, todo o mundo ten dereito a mudar de opinión.Todos o facemos ao longo das nosas vidas.
- Por non mentar que, a tal punto, un especialista en movementos sociais emancipadores coma el debera ter claro e diferenciar o rol desempeñado pola pluralidade do movemento popular e as súas expresións culturais, sindicais ou políticas do papel que xoga esta ou aquela marca electoral como prolongación deste/s na globalidade do proceso político. Un sociólogo do seu prestixio fía todo un proceso histórico de liberación nacional a unha simple convocatoria electoral? Alguén coa súa erudición e que mete na mesma saca (de esquerda españolista) á “nova esquerda española” e ao PSOE non é capaz de ver que unha parte dese nacionalismo galego pactou sempre (historicamente en situación de subordinación) en concellos, deputacións e na Xunta de Galicia co PSOE, quizáis porque a correlación de forzas non permitía facer outra cousa viable para mudar cousas? Ou é que o PSOE é menos españolista que Unidas Podemos? Ou é que é infinitamente máis efectivo para a nosa liberación social e nacional que teñamos un representante ou dous do nacionalismo galego no Grupo Mixto en Madrid atendendo directamente os problemas autonómicos ca un ou dous representantes nacionalistas galegos nun conxunto de 5 ou 6 representates da cidadanía galega en (ideal, hipotética) colaboración e coordinacion cos demáis pobos peninsulares na procura da ruptura democrática cara (alomenos declarativamente) a(s) republica(s)? Ou é que é máis “indigno” e “dependente” aliarse politicamente nun momento de oportunidade conxuntural concreto con forzas da esquerda estatal que, por exemplo, manter créditos millonarios coa banca española? Pero vostede, desde a súa erudición decolonial inda non descubriu que a posición colonial galega en nada se pode comparar co potencial decolonial de nacións como Catalunya ou Euskadi ou coa realidade valenciá ou canaria, por aquí na chamada Pell de Brau?
- Será o querido Ramón Grosfoguel suficientemente coñecedor do proceso sociopolítico e estritamente endóxeno galego iniciado en Galiza desde o 2012? (como por exemplo cando as candidaturas de unidade popular e mareas construíronse e estendéronse ao longo do país coas nosas mans por boa parte da cidadanía galega máis activa, desalienada e vencellada a traxectorias de loitas sociais -feminismo, ecoloxismo, sindicalismo, cultura...- e tradicións politicas que van do independentismo ao comunismo, ou do republicanismo galego ao federalismo). Cómo ten o valor de suxerir Grosfoguel que centos e milleiros de activistas que se mobilizaron desde o sindicalismo agrario ou en distintas loitas (pola terra, pola lingua, pola auga, contra a megaminería...) están“colonizados” por sentírense representados nos últimos anos por esta/s expresión/s electoral/is do movemento popular galego?
- Terá algún tipo de complexo de inferioridade intelectual respecto de persoas e traxectorias políticas de combate social, cultural e político desde e para o país galego como son Xosé Manuel Beiras, Xose Luis Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana ou Anxo Angueira por poñer algúns exemplos (moi masculinos, por certo)? No seu imaxinario pensará que as e os da estirpe de Uxío Novoneyra son tamén uns “colonizados” españolistas? Pensa Grosfoguel que o tempo que Ferrín, co-fundador da primeira Unión do Povo Galego alá polo 1964 (cando Ramón tiña 8 anos), estivo no cárcere pola súa actividade política baixo a ditadura, e baixo a “democracia”, foi pouco sacrificio e demostración de compromiso e amor polas liberdades de Galiza? Parecerálle que as máis de 400.000 mulleres e homes traballadoras galegas que apostaron no seu día (no electoral) pola primeira En Marea son todos e todas unha banda de “traidores” e “colonizados”? Entón deducimos que todos aqueles que respaldaron outras opcións non-nacionalistas serán pouco menos que infraseres na traición premeditada e consciente ao seu propio país. Non será todo un pouco máis complexo neste recuncho da península ibérica como para ventilalo en dúas ducias de liñas? A ver se foi que lle contaron a misa a medias, e non se preocupou por afondar...na historia, na socioloxía ou no sistema político galego e español.
- A recente decisión tomada por Anova respecto á non-participación nesta repetición de eleccións ás Cortes Xerais, meditada e tomada democraticamente, forma parte dunha reflexión colectiva como organización soberana que é expresión (unha máis) da soberanía do pobo galego. Esa decisión vén marcada por moitas máis consideracións cas que afectan simplemente ao que ten que ver cos postos nas listas electorais, como sostén Ramón. Un sociólogo da súa categoría debera intuír que así é inevitablemente, a non ser que estea convencido de que a cabeza dunha persoa de Puerto Rico pensa mellor que moitas cabezas galegas, ou que todo o mundo se mova unicamente por intereses pecuniarios. Isa decisión, acertada ou non, ten a ver (por exemplo) coa reflexión encaixada na fin do ciclo dos gobernos das mareas municipalistas nalgunhas das principais cidades do país, que se enfrentaron no institucional como poucas veces antes aos maiores poderes fácticos en Galiza...ou co tránsito do momento de repolitización colectiva que supuxo o escenario post-15 ao momento antipolitico (inducido desde o poder) que vivimos co fracaso das negociacións para un goberno progresista promovido desde o goberno español xa desde 2015 en reiteradas ocasións e, polo tanto, da imposibilidade manifesta de levar a cabo a vontade popular nesta deriva de autoritarismo explícito e derrube democrático baixo o reinado de Felipe VI. Entre outras moitas, dese teor e calado. Cuestións que se resolverán en Galiza, non en Puerto Rico. Coma se o soberanismo galego de esquerdas, en toda a súa estensión e pluralidade, non tivera abondo traballo por diante no futuro...para que veñan de fóra a contaminar máis o ambente!
- A deposición de Ramón, como xa se dixo, foi feita un 1 de outubro. No mesmo día hai dous anos había en Barcelona arredor de 25 militantes de Anova que puxeron os seus corpos diante das forzas policiais españolas ao pé dos colexios electorais para defender o dereito a votar do pobo catalán nun exercicio de solidariedade internacionalista. Descoñezo se Ramón se atopaba tamén alí. Sería recomendable que antes de nada se implicase activamente na liberación de Puerto Rico da bota imperial dos USA, e vaia deixando que as galegas e galegos vaiamos gobernando os nosos asuntos. Sobre a nosa cuestión nacional, xa decidimos nós. Sempre que non teña nada máis intelixente que dicir. Tamén lle sería positivo afondar algo máis especificamente na historia do nacionalismo galego para que vira, cun pouquiño máis de perspectiva, as cousas. Porque é así, publicando o que vén de publicar, como se rebaixa da categoría de intelectual a propagandista barato. Non precisamos dos segundos, pois somos un pobo en vías de asimilación mais que resiste e resistirá como o leva facendo ao longo dos séculos!
En Compostela, 2 de outubro de 2019