Se repasamos o sucedido na última década existen suficientes indicios de actuacións xudiciais non concordantes coa requirida aparencia de imparcialidade no tratamento dalgunhas causas abertas contra distintos cargos públicos
En moitas ocasións tense lembrado unha frase de Karl Marx, contida na súa obra "O 18 brumario de Luis Bonaparte" (escrita en 1852), na que afirmaba que determinados acontecementos e persoeiros importantes da historia podían aparecer dúas veces, nunha delas como traxedia e na outra como comedia. Na vida política e xudicial que se ven desenvolvendo no Estado español hai acontecementos que aparentemente encaixan -sequera parcialmente- nesa proposición do pensador alemán.
Hai agora 30 anos -no mes de Marzo de 1996- o PP que dirixía J.M. Aznar conseguiu ser o partido mais votado nas eleccións xerais do Parlamento estatal e, co apoio posterior de CiU e PNV, substituíu ao goberno de Felipe González, despois de 14 anos continuados de hexemonía socialista. Co que transcendeu naquel momento e coas informacións que se coñeceron nos anos posteriores, podemos afirmar que a vitoria de Aznar foi consecuencia da combinación de dúas circunstancias: o importante deterioro padecido polo executivo de F. González (actividades criminais dos GAL, graves episodios de corrupción protagonizados por algúns relevantes cargos públicos, enfrontamento coa UXT por mor da política económica...) e a presión exercida dende a dereita mediática.
O inicio dunha investigación xudicial sobre algunhas actividades realizadas por Rodríguez Zapatero concita importantes dúbidas a respecto da consistencia das acusacións iniciais formuladas
O 23 de Febreiro de 1998, a revista "Tiempo" publicou unha entrevista con Luis María Anson, director do xornal ABC durante moitos anos. Preguntado polo seu labor crítico a respecto do goberno socialista daqueles anos, respondeu literalmente: "Había que rematar con González, esa era a cuestión. Ao elevar o listón da crítica chegouse a tal extremo que en moitos momentos se rozou a estabilidade do propio Estado. Iso é verdade. Tiña razón González cando denunciou ese perigo...pero era o xeito de sacalo de aí." Anson estaba acompañado, nese confesado obxectivo destrutivo, por outros destacados xornalistas (Pedro J. Ramírez, Federico Jimenez Losantos, Antonio Herrero...) de medios conservadores como "El Mundo", a COPE, "El Independiente", "Época"... Curiosamente, o grupo foi bautizado por Juan Luis Cebrián -daquela director de El Pais- como " Sindicato do crime".
Agora estamos asistindo a un proceso que posúe evidentes semellanzas co que observamos naquel momento: algúns medios e algunhas persoas fican no mesmo lugar do escenario mentres que outras mudaron significativamente de posición. Se, por exemplo, Felipe González e J. L. Cebrián quixeran manter unha mínima coherencia co que afirmaban hai tres décadas, deberían adoptar unha posición diferente a respecto da ofensiva mediática que ven padecendo Pedro Sánchez e o seu goberno.
Se repasamos o sucedido na última década existen suficientes indicios de actuacións xudiciais non concordantes coa requirida aparencia de imparcialidade no tratamento dalgunhas causas abertas contra distintos cargos públicos. É ben sabido -a través da representatividade cuantitativa acreditada polas diversas asociacións xudiciais existentes- que a maioría da maxistratura española se autoidentifica con parámetros ideolóxicos conservadores. Poren, tal circunstancia non debería resultar incompatíbel coa estrita independencia e neutralidade esixidas na aplicación práctica da legalidade vixente. Aínda fican na memoria recente diversos episodios polémicos: os xuízos derivados do "procés" catalán; as imputacións -posteriormente arquivadas- contra varios dirixentes de Podemos; as protestas de maxistrados nas portas das Audiencias pola discusión no Congreso da proposición de lei de amnistía das persoas condenadas pola crise catalá de 2017; o procesamento e condena do ex-fiscal xeral García Ortiz; a demora na substanciación penal da chamada operación Kitchen; os procedementos abertos contra o irmán e a parella de Pedro Sánchez...
Quen non sexa capaz de aceitar esa maior esixencia nos estandares éticos na actuación pública debería renunciar á participación na primeira liña da acción política institucional
É por todo isto polo que o inicio dunha investigación xudicial sobre algunhas actividades realizadas por Rodríguez Zapatero concita importantes dúbidas a respecto da consistencia das acusacións iniciais formuladas. Non se pode negar que a desconfianza sobre algúns comportamentos xudiciais habita nun amplo sector do corpo social. A dereita mediática e a dereita política teñen contribuído decisivamente na creación e consolidación de semellante clima de opinión. As palabras pronunciadas por Anson non envelleceron a pesar do tempo transcorrido.
En todo caso, as persoas que representan a organizacións políticas que afirman defender proxectos de transformación da estrutura social deberían ser conscientes de que os niveis de avaliación que rexen para xulgar os seus comportamentos non se limitan ás prescricións que figuran nos códigos legais que recollen as figuras delitivas. Quen non sexa capaz de aceitar esa maior esixencia nos estandares éticos na actuación pública debería renunciar á participación na primeira liña da acción política institucional.