Vello imperio

Por Ortelius, Theatrum Orbis Terrarum, Amberes, 1570 ©

O Real Instituto Elcano é un think tank do poder español que realiza informes, proxectos e actividades. A súa vocación consiste en exercer de catalizador en áreas de especial interese para España. Así se define a si mesmo e proxéctase, efectivamente, como unha voz autorizada.

Ignacio Molina e Natalia Martín escribiron recentemente un artigo sobre a realidade política catalá. Nel sitúan o proceso soberanista como o principal factor de inestabilidade interna do Estado Español.

Dous colaboradores, Ignacio Molina e Natalia Martín, escribiron recentemente un artigo sobre a realidade política catalá. Nel sitúan o proceso soberanista como o principal factor de inestabilidade interna do Estado Español. Un desafío de primeiro nivel para a súa fortaleza, afirman.

Considérano así porque a iniciativa secesionista procede dunha autoridade pública, A Generalitat, que forma parte do propio aparello do estado. E tamén porque o goberno independentista catalán non descartaba completamente nin a unilateralidade nin a desobediencia. Son tres factores novos, porque no Quebec, en Flandes, na Padania e en Escocia só chegaron a consideralos de xeito remoto.

A pesar do dano sufrido polo estado español e pola imaxe internacional de España, consideran que non se debe menosprezar tal embate, pero tampouco magnificalo. E conclúen que o establishment, o poder, debe asumir a problemática catalá como un fenómeno molesto aínda que non alarmante, con danos externos de imaxe, mais non estruturais.

Suxiren convivir co conflito, interiorizar que está aí de vello, e que permanecerá, que a solución non pasa por medidas autoritarias, senón polo diálogo, a negociación e a plena asunción de que tal problemática, pois é parte real da política do estado.

Suxiren convivir co conflito, interiorizar que está aí de vello, e que permanecerá, que a solución non pasa por medidas autoritarias, senón polo diálogo, a negociación e a plena asunción de que tal problemática

Estas conclusións, tan interesantes, lembran moito as que adoptaba Manuel Fraga nunha entrevista en Desayunos de TVE (16-3-1999). O xornalista Luís Mariñas interviña opinando. Segundo el o Estado podía atoparse cun inevitábel proceso infinito de construción das autonomías. Infinito porque non remata nunca. O presidente da Xunta respondeulle que iso é como a vida humana, que se transforma permanentemente, que tampouco remata xamais de conformarse definitivamente. Non é unha reflexión menor. Afirmábase na necesidade de convivir cos problemas territoriais, igualmente negociando e tratando de navegar, por dicilo axiña.

Todo está en constante cambio. A política é conflito. Nada está quedo e o que aconteza dentro de decenios non é o que agora toca calcular. Por suposto que no resto da reflexión incide nos límites indestrutíbeis, na unidade do Estado, recollida na Constitución. Un Fraga que combinaba a súa esencia españolista co pragmatismo necesario para presidir Galicia.

Moitos analistas xeopolíticos tenden a considerar que o Estado Español actual é esencialmente o remate do vello imperio, un final que aínda permanece unido. Igual que o británico, que tampouco é unha nación. Vellos imperios aínda en descomposición

Moitos analistas xeopolíticos tenden a considerar que o Estado Español actual é esencialmente o remate do vello imperio, un final que aínda permanece unido. Igual que o británico, que tampouco é unha nación. Vellos imperios aínda en descomposición. Non é este un criterio siareiro, emocionado, nin un resorte ideolóxico para facer canteira, senón unha ollada fría, unha observación de longo percorrido. A deriva histórica, conclúen, continúa a ser poderosamente desagregadora. Son Cataluña e Euskadi. No caso británico Irlanda e Escocia.

E por aquí por Galicia, que? Pois pouca cousa. Simpatías inconsistentes, de proclama, coa Cataluña que quere irse. Entusiastas útiles. Unha posición cómoda que exime de observar a realidade propia, allea no esencial a esa deriva. Nada que supere a inmatura satisfacción do desafogo.

A seria tese da descomposición imperial convida antes de nada a observar o mapa peninsular con outra ollada.

E asumir en primeiro lugar o inmutábel da xeografía. Recoñecer a existencia de veciños que sempre estarán aí, naturalmente problemáticos dependendo dos períodos. Evitar en consecuencia engados ideolóxicos, luxosos soños íntimos, que omiten esa perpetuidade para que así todo resulte máis utópico e feliz.

Cómpre pensar Portugal. Como obrar para a imprescindíbel aproximación práctica, fixa, consciente e cotiá

En segundo lugar cómpre pensar Portugal. Como obrar para a imprescindíbel aproximación práctica, fixa, consciente e cotiá. Non é posíbel deixar de ser unha rexión provinciana, atada ás referencias políticas e mentais do centro político, cultural e social, sen establecer un diálogo profundo que desemboque en intereses mutuos coa outra nación máis próxima xeograficamente.

O desaproveitamento do impulso que debería ter provocado o establecemento da rexión Galicia Norte de Portugal é un síntoma, nada esperanzador, para aqueles que pretenden facer de Galicia un país maduro. A distancia con Portugal é antes que nada unha constatación provinciana de Galicia, practicamente unánime, vinculada a esa dependencia.

Só integrando Portugal no xogo de intereses e equidistancias da nación galega, como mínimo semellante ao existente cos demais territorios da Península, se pode saír da síndrome mental subalterna do centro peninsular

Só integrando Portugal no xogo de intereses e equidistancias da nación galega, como mínimo semellante ao existente cos demais territorios da Península, se pode saír da síndrome mental subalterna do centro peninsular. Porque só se pode aspirar a exercer de nación adulta coas maiores potencialidades.

Non labrar ese vínculo encherá Galicia de dificultades no longo prazo, na longa duración. Será un factor que sumará debilidade a calquera posición de poder galego que se queira exercer. Esas xeracións, aínda sen nacer, seguramente verán esta inacción unha das máis graves faltas de altura, unha concepción cativa, de poucos azos, inmersos nos parámetros mentais e ideolóxicos dos territorios do vello imperio. Aqueles que non foron capaces de despegarse dese pensamento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.