Nun breve espazo de tempo, coincidiron dúas citas internas moi relevantes para as forzas que conforman a oposición no Parlamento galego: a realización das eleccións primarias para elixir o segredario xeral do PSdG e a celebración da Asemblea Nacional do BNG.
Ambos eventos estiveron moi condicionados polos resultados rexistrados nas eleccións galegas de xullo de 2020. O mantemento da maioría absoluta do PP de Feijóo e o grande éxito do BNG -superando amplamente os escanos acadados polas candidaturas que encabezaba Gonzalo Caballero- reavivaron vellas dúbidas e suscitaron novos retos para PSdG e BNG. No primeiro caso, reapareceron as pantasmas de case sempre: carencia dun proxecto político suficientemente autónomo a respecto das liñas elaboradas na rúa Ferraz, incapacidade para establecer os debates internos en base a propostas programáticas coherentes e tendencias auto destrutivas no propio funcionamento da organización.
O BNG chegaba a esta XVII Asemblea cunhas xustificadas doses de satisfacción e optimismo despois de atravesar, no transcurso da última década, situacións electorais moi adversas e frustrantes (7 escanos no 2012 fronte aos 9 obtidos por AGE e 6 no 2016 mentres En Marea acadaba a condición de segunda forza con 14 actas). O mapa electoral debuxado no verán de 2020 representou o regreso do que xa se coñecera entre 1990 e 2012: tres forzas no Parlamento do Hórreo e “sorpasso” da organización nacionalista ao PSdG en dúas ocasións (1997 e 2001). Precisamente, se facemos unha comparativa coa situación vivida naquel período histórico podemos constatar algunhas semellanzas (un liderado consolidado no seo da organización nacionalista e unha fortaleza parlamentar superior á dos socialistas) e tamén certas diferenzas (menor pluralismo interno e presenza inferior nos gobernos das sete cidades aínda que tal circunstancia fica compensada coas vicepresidencias existentes en tres Deputacións).
Se Ana Pontón desexa acadar a presidencia da Xunta, dispón dun material moi valioso na experiencia histórica das últimas décadas para aprender dos acertos e dos erros das equipas dirixentes que, no pasado, tamén quixeron acadar esa meta tan importante
Antes e agora, o BNG enfronta o reto de ser quen de reducir o apoio que ven gozando dende hai tempo o PP, conseguindo conectar cunha parte dos actuais votantes de Feijóo ou ben favorecendo o medre dun distanciamento nese potente universo electoral -a través da abstención- que posibilite un cambio na maioría parlamentaria no pazo do Hórreo. Nese contexto, entendese a contundencia verbal de Ana Pontón a respecto da existencia ou non dun horizonte programático independentista na organización que actualmente encabeza. Dende o seu nacemento -en 1982- e ate a Asemblea de Amio de 2012 o BNG non se definiu como unha forza independentista por mais que puidera haber, no seu interior, algunhas persoas que se identificaran explicitamente con tal obxectivo. O campo no que se moveu estivo delimitado por un conxunto de reivindicacións -soberanía nacional, dereito de autodeterminación, maiores niveis de autogoberno...- que podían ter encaixe nunha hipotética estrutura federal ou confederal do Estado español mais que non remitían a un proxecto explícito equivalente ao que hoxe postulan, en Cataluña, forzas como ERC, JxC e as CUP.
A partir de 2012, comezaron a tomar corpo, progresivamente, formulacións que reclamaban unha “República da Galiza” como “Estado galego soberano”. Este achegamento á linguaxe independentista (aínda que non figurase directamente ese termo) constituíu unha novidade na tradición do Bloque, tal vez explicábel en base a dúas circunstancias até entón inéditas na súa contorna política. Por unha banda a necesidade de verbalizar unha maior diferenciación con forzas emerxentes no territorio galego (AGE e En Marea) que tamén reivindicaban o dereito de autodeterminación e a soberanía. Por outra banda, o medre espectacular do independentismo catalán -acadando sucesivas maiorías no Parlament- constituía un forte incentivo para tratar de imitar semellante dinámica. No momento actual, ambas realidades teñen mudado significativamente: En Marea practicamente desapareceu da vida política galega e o “procés” catalán, a pesar da súa notábel forza electoral, padece un estancamento indiscutíbel e unhas expectativas incertas.
No 2022, o BNG cumprirá 40 anos de vida. Un período suficientemente amplo para ter un coñecemento preciso das potencialidades e das feblezas da organización mais representativa do nacionalismo galego moderno. Se Ana Pontón desexa acadar a presidencia da Xunta, dispón dun material moi valioso na experiencia histórica das últimas décadas para aprender dos acertos e dos erros das equipas dirixentes que, no pasado, tamén quixeron acadar esa meta tan importante.