No pasado pleno do Concello de Marín, do 9 de febreiro, tratáronse dous temas transcendentais. A prórroga a Ence por 60 anos e o anteproxecto de Lei de Acuicultura da Xunta. Fundamentais para comprender quen goberna este país, como e para quen.
A prórroga a Ence e a Lei de Acuicultura son dous exemplos de como o goberno do PP na Xunta (e no estado) está ao servizo das corporacións e como pon o territorio galego ao uso e desfrute económico destas.
Ence condiciona a política forestal galega desde a súa implantación na Ría, condicionando o que se planta e o prezo que se paga. Por isto é recompensada cunha nova concesión por sesenta anos, beneficiada no recibo da auga que consume e cuns terreos públicos (de todos e todas) por un prezo simbólico. Así calquera monta unha empresa.
A Lei de Acuicultura é un intento de expropiar, de roubarlle o mar ao pobo galego, quitando do medio ás mariscadoras, aos mariñeiros do cerco, ás bateas, para que as grandes multinacionais da alimentación “artificial” poidan dispoñer libremente das nosas rías e fabricar peixes.
O Partido Popular actúa como un procurador destas empresas para recibir despois, atravesando as portas xiratorias, postos nos consellos de administracións e financiación para o partido.
A gran preocupación e a principal argumentación para defender a prórroga de Ence son os postos de traballo. Todo pasa por manter os postos de traballo. E cantos postos de traballo non eliminou Ence coa súa permanente contaminación da ría e do aire? Cantos non se perden cunha política forestal de monocultivo de eucaliptos? E non me digan que un eucalipto vale máis que un carballo, un castiñeiro ou calquera outra árbore. E por suposto, hai que descontar o custe económico e social que provocan os incendios alimentados con esta especie pirófita.
Agora que Ence acadou a prórroga, provisionalmente, seica van facer grandes investimentos, entre eles unha planta de biomasa. Isto xa o tentou facer nas Canarias e o pasado 27 de xullo a Consejería de Sanidade do Goberno de Canarias emitiu un informe desfavorábel sobre a construción dunha planta de biomasa por “verse afectada a calidade do aire durante a fase de construción e de funcionamento” e tamén di que “a biomasa emite contaminantes perigosos”. Esta claro que de Ence non se pode esperar nada bo.
Se o anteproxecto de Lei de Acuicultura chega a aprobarse na próxima lexislatura, xa que as portas dunhas eleccións e dada a contestación social o PP non se atreve a facelo nesta, a perda de postos de traballo vai ser espectacular. A paulatina substitución de mariscadoras e bateas tal e como as coñecemos hoxe vai dar paso a grandes plantacións, ou deberíamos chamarlles fábricas, de produtos do mar xestionados por multinacionais con escasa man de obra. Estamos ante un proxecto que pretende substituír os sectores produtivos tradicionais para facilitar o desembarco ds multinacionais da acuicultura industrial.
Desde a entrada no Mercado Común, hoxe Unión Europea, Galiza padeceu un acoso e derribo dos seus sectores produtivos. Perdemos explotacións gandeiras e despezamos barcos con fondos europeos. En Galiza tiñamos no ano 2.004 un total de 5.565 buques, no 2.015 esa cifra baixou a 4.438, é dicir 1.127 buques menos, coa conseguinte perda de postos de traballo. Fai trinta anos tiñamos 122 barcos con base en Marín vendendo por valor de 15,5 millóns de euros, en 2014 as vendas na lonxa de Marín foron de 2,7 millóns. En 1980 había 4.450 postos de traballo directos no porto pesqueiro, hoxe estamos en 400 persoas segundo datos da confraría.
Nunca escoitei aos gobernantes do PP, nin no Concello nin na Xunta, laiarse da perda de tantos postos de traballo, pero curiosamente si amosan unha grande preocupación polos postos de traballo de Ence (unha empresa que paga os impostos en Madrid). O raposo a preocuparse das galiñas.
Marín, O Morrazo e Galiza, para progresar debe apostar por defender o sector pesqueiro e marisqueiro, por fomentar a agricultura ecolóxica, promover os valores patrimoniais e paisaxísticos, alén das praias, que temos nos nosos montes: as carballeiras de Pastoriza, o ruta dos Sete Camiños no Monte Pornedo, a Lagoa de Castiñeiras, o Castro da Subidá, os petróglifos de Mogor, etc. Non precisamos industrias contaminantes, nin encher os nosos montes de polígonos industriais, nin fábricas de peixes alleos cheos de medicamentos.