Vergoña que salta fronteiras

Serra Leoa, que tras ser abandonada á súa sorte polos británicos, sufriu unha guerra civil financiada con "diamantes de sangue”, segue tendo unha gran riqueza de recursos naturais a pesar da cal, segundo o índice de desenvolvemento humano da ONU, é un dos 10 países máis pobres do mundo. Neste "pobre país rico", onde as mafias aínda controlan gran parte das extraccións, certifícanse pedras preciosas para dotar dunha hipócrita legalidade a un produto obtido a través da explotación infantil e de denigrantes condicións laborais, que recordan a aquela África berce do tráfico de escravos do século XVIII.

Como a fame e a miseria non son contaxiosas, miramos para outro lado, ata que un branco occidental enferma de ébola, cando daquelas este virus xa matara no continente africano máis de 3000 persoas

Así, mentres as pedras son valoradas no "primeiro mundo" polo seu lugar de procedencia, aos seres humanos que habitan nesas mesmas concas mineiras, se lles despreza e condea a unha “morte en vida”. Pero como a fame e a miseria non son contaxiosas, miramos para outro lado, ata que un branco occidental enferma de ébola, cando daquelas este virus xa matara no continente africano máis de 3000 persoas.

É entón cando saltamos por riba de cadáveres e de nenos abandonados agonizando no chan dos hospitais, para traermos dous cidadáns españois. E facémolo ao máis puro estilo hollywoodiense, retransmitindo en directo para que medio mundo vexa o eficaces e evolucionados que somos, como aterramos con modernos avións medicalizados e traxes de "astronautas”, para salvar “os nosos”. O resultado tras este circo mediático, é que tras tratar dous pacientes nun hospital en territorio español, temos o mesmo número de contaxios entre o persoal sanitario, que as ONGs atendendo cos seus propios recursos 5000 enfermos nun país do terceiro mundo.

Sinalan co dedo cara ao cuarto onde se atopa a auxiliar de enfermaría infectada, "culpable" ela de tras unha explicación de 20 minutos, expoñerse a un alto risco a cambio dun soldo conxelado

Si, fixemos o ridículo, quedando como uns paifocos que lle dedican máis esforzos a aparentar que a ser tecnicamente eficientes. Por se fose pouco, os responsables de Sanidade, mentres os traballadores do hospital teñen que acudir aos xulgados para pedir que se lles imparta formación en prevención, sinalan co dedo cara ao cuarto onde se atopa a auxiliar de enfermaría infectada, "culpable" ela de tras unha explicación de 20 minutos, expoñerse a un alto risco a cambio dun soldo conxelado.

Rajoy afirma entusiasmado que está a recibir felicitacións pola súa xestión nesta crise. Si, el tamén ri de nós, e fainos sentir unha vergoña que salta fronteiras

E é que neste país, os técnicos de prevención de riscos laborais somos tratados como molestas "momias" aos que non se escoita, e só se permite mover papeis acordes cunhas leis de prevención e de risco biolóxico que locen obsoletas e ambigüas nos arquivos do BOE. Mentres todo isto acontece, e medio mundo cachondéase de nós, Rajoy afirma entusiasmado que está a recibir felicitacións pola súa xestión nesta crise. Si, el tamén ri de nós, e fainos sentir unha vergoña que salta fronteiras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.