Remata un 2019 onde Verín e a Comarca de Monterrei foron un exemplo de dignidade social defendendo unha sanidade pública que é de todas e todos os galegos. Desde as oito da mañá do 1 de decembro todas as mulleres embarazadas da comarca de Monterrei debían trasladarse co coche a parir a Ourense, isto é, entre 70 e 100 km de distancia no mellor dos casos. Igual para as urxencias pediátricas. Mentres, asistimos a peches, concentracións e rebeldía social como vacinas contra unha ondaxe neoliberal e, hai que dicilo, tamén patriarcal e deshumanizada.
Saía na prensa que os médicos da privada crecen un 17% en tres anos mentres o Sergas conxela o seu persoal. Estamos a asistir a un desmantelamento da sanidade pública en todo o noso país, non só na comarca de Monterrei. O PP de Feijóo plantexa que as mulleres dean a luz na bañeira da súa casa ou nun coche en plena estrada, porque non lles importa nin o rural nin as mulleres nin os nenos. Moito menos unha sanidade pública de calidade. Retroceso social e desgoberno do público como receitas.
Ademais, o PP de Feijóo gasta entre 440.000 e 650.000 euros anuais en contratar curas en hospitais co diñeiro público de todos os galegos. Con ese máis de medio millón de euros destinados cada ano para manter en persoal a 52 sacerdotes, poderíanse contratar 15 médicos de atención primaria, 20 fisioterapeutas ou 25 enfermeiros. Cada vez se entende menos un proxecto así para Galicia. Os servizos de calquera orde relixiosa deberían ser prestados e pagos pola propia relixión, non polas nosas institucións públicas co diñeiro de todas e todos.
A dereita galega, profundamente conservadora, xustifica o peche do paritorio de Verín dicindo que "hai outros 68 concellos que fan máis quilómetros para ir ao hospital". E, en lugar de traballar para reducir esa cifra, o que fan é aumentala. Din tamén que "un parto no es un infarto" e, certo é que un parto non será un infarto, pero dar estas xustificacións non é defender a sanidade pública senón que é tomar á xente por estúpida. É momento de falar claro.
Nas últimas eleccións á Xunta do 2016, Feijóo obtivo en Verín 8.641 votos (58,42%), tras ponderar os resultados dos oito municipios principais vemos que en toda a Comarca de Monterrei acadou o 60,13% (13.706 votos). Quere isto dicir que case dous tercios dos habitantes da comarca de Monterrei están –como as medidas de Feijóo- contra as mulleres e contra os nenos, contra o rural e contra o seu reforzamento da rede de servizos básicos, ou contra unha sanidade pública forte e de calidade? Non. Por suposto que non. Ninguén se merece o que están a facer nos nosos hospitais. Pero non esquezamos o que están a facer. A memoria non pode ser selectiva, nin as persoas cifras dunha lóxica quasi-privada.
Segundo un estudo realizado pola American Public Health Association, en Estados Unidos un 67.5% das persoas que se declaran en bancarrota fano por non poder pagar os seus tratamentos. Só o 40% dos estadounidenses aforraron o suficiente como para cubrir un gasto médico de urxencia de 1.000$. Non é un fenómeno marxinal, falamos de 530.000 familias que cada ano pérdeno todo por non poder pagar pola súa saúde. A dereita deste país avoga por un modelo baseado en recortar e privatizar a nosa sanidade e que nos achegue a esta realidade precaria e lesiva, unha política destrutiva de queima e desmantelamento ao máis puro "Feijóo Style”: redución de orzamentos, de camas, de profesionais, privatización masiva de servizos, masificación e saturación das listas de espera, deriva de pacientes ás clínicas privadas… Non podemos permitir que quen despreza o público negocie co noso, toca asumir unha xestión decente e transparente que devolva a dignidade dunha vez ás nosas institucións. Porque unha sanidade pública e de calidade non é un privilexio, é un dereito. Feijóo, atende, a sanidade non se vende. Verín como exemplo de dignidade social.