Hoxe sabemos algo que non se coñecía con precisión en setembro de 2025: se as cifras electorais o permiten, PP e Vox formarán un bipartito no transcurso do vindeiro ano
Dende hai tempo, as analoxías cos calendarios académicos forman parte habitual das análises sobre a evolución das variábeis que conforman unha determinada situación política. Xa que logo, nos meses de xullo e agosto aparecen balances do sucedido no último ano e previsións do que pode acontecer no vindeiro "curso" político.
Entre setembro de 2025 e xullo de 2026 operaron algúns factores de continuidade moi potentes. Os mais coñecidos e destacados: a inestabilidade dos apoios parlamentares que posúe o actual goberno de coalición (PSOE-Sumar) e a persistente negativa de PP e de Vox ao recoñecemento da lexitimidade da investidura de Pedro Sánchez despois dos comicios xerais celebrados no verán do 2023. A inexistencia dun novo proxecto orzamentario capaz de suscitar o apoio maioritario no Congreso e as reiteradas peticións dunha convocatoria electoral anticipada formuladas por Feijoo e Abascal exemplificaron os limites nos que se desenvolveron as dinámicas políticas durante estes últimos doce meses.
Se houbera que suliñar as circunstancias mais novidosas vividas neste curso político que ven de rematar sería preciso citar, como mínimo, as tres seguintes: 1) O notábel protagonismo asumido pola dereita xudicial a través da condena sufrida polo ex-fiscal xeral Alvaro García Ortiz, da sentenza ditada contra o irmán de Pedro Sánchez e da extravagante instrución practicada polo xuíz Peinado a respecto de Begoña Gómez. 2) A conformación de gobernos de coalición entre o PP e Vox despois das citas electorais celebradas en Extremadura, Aragón, Castela e León e Andalucía. 3)A decisión adoptada polo partido que preside Núñez Feijoo favorábel a compartir un futuro Executivo estatal coa formación que lidera Santiago Abascal.
Nestes meses, tomaron corpo algunhas vulnerabilidades do goberno de Pedro Sánchez que foron obxecto dun intenso aproveitamento -habitualmente presidido por doses obscenas de relato demagóxico- por parte da dereita política e tamén da mediática. As investigacións por presuntas prácticas de corrupción a determinados cargos públicos do Partido Socialista alimentaron as dúbidas e a desconfianza nalgúns sectores do universo electoral dese partido.
A política sobre a inmigración foi outro campo no que operaron elementos que propiciaron desconcerto e confusión no seo do tecido social que sustenta ao actual goberno de coalición. A recente crise provocada en Ceuta pola entrada de mais de 70.000 persoas procedentes de Marrocos permitiu constatar algunhas evidencias: a persistencia de insoportábeis desigualdades no interior dese país africano a pesar das axudas exteriores recibidas nas últimas décadas; a utilización que ven facendo o réxime encabezado por Mohamed VI das tensións asociadas aos movementos migratorios para presionar aos poderes políticos do Estado español e da UE; a situación de febleza relativa na que se atopa o actual goberno de coalición a respecto de Marrocos por mor dos apoios incondicionais que reciben as súas autoridades por parte de Trump e de Netanyahu; a carencia -no ámbito da cuestión migratoria- dunha posición unitaria e congruente coa defensa dos dereitos humanos no seo da UE; a progresiva coincidencia entre as posicións adoptadas por PP e Vox nesta materia, buscando prioritariamente o desgaste do Executivo de Pedro Sánchez a curto prazo...
Formal e oficialmente, hoxe sabemos algo que non se coñecía con precisión en setembro de 2025: se as cifras electorais o permiten, PP e Vox formarán un bipartito no transcurso do vindeiro ano. Andalucía foi a última confirmación desta hipótese, anteriormente posta en dúbida ou negada pola maioría dos dirixentes do PP. Juanma Moreno -que viña sendo case unha fotocopia daquel Feijoo "centrado" que colocaron na sede da rúa Génova para substituír ao defenestrado Pablo Casado- aceitou as hipotecas establecidas polo partido de Abascal, mesmo aquelas referidas ás políticas contra a violencia de xénero. Será capaz de aturar Alberto Núñez a un vicepresidente -Abascal- e a varios ministros que posúen unha axenda propia e un circuíto de relacións internacionais diferente ao que ten o PP? En realidade, xa estamos asistindo a espectáculos surrealistas que resultan premonitorios: os conselleiros de Vox nos gobernos de Extremadura, Aragón e Castela e León non irán a unha xunta sectorial coa ministra de Xuventude e Infancia mentres o PP anuncia que si acudirá. Quen teña algo de memoria lembrará as descualificacións que utilizaba Feijoo contra o goberno do PSdG e do BNG cando se exteriorizaban algunhas discrepancias entre ambas formacións, de moita menor relevancia das que agora protagonizan estes socios gobernamentais. Outra pedra mais na pesada mochila de incoherencias que arrastra o ex-presidente da Xunta.
Nun período máximo de 12 meses resolverase a grande incógnita sobre a vindeira lexislatura: cumpriranse os prognósticos maioritarios que anuncian un cambio de ciclo radical na gobernanza do Estado ou activaranse mecanismos defensivos suficientes no corpo electoral para evitar semellante xiro involucionista?