Vexo tractores pasar

“É fácil subsistir con mínimos de récord:
     investir vida na barra dun bar
     (pero recordas que cando descenda o Dépor
     todas as copas serán de cristal)” 
(Ataque Escampe)

Chego tarde ás novidades. Éme habitual apaixonarme por un disco, un libro ou un filme e ao tentar espallar a boa nova decatarme de que xa era coñecida ou – como no presente caso –  databa do 2011. A teimosía da fe do converso fai que as devanditas contrariedades non adoiten determe . En calquer caso, vostedes disimulen e se lles fixer xeito, sigan os convites que este fascinado lles fai coa mellor das intencións.

Quizais rehabilitar unha sociedade rural como a galega, que ten padecido unha estigmatización máis aguda que a de moitos dos seus conxéneres doutras latitudes sexa, con certeza, unha misión de audaces

Un, que ten certa debilidade pola estética británica, adora varios dos seus xeitos. Non quizá a omnipresente violencia da súa cultura – que apenas teñen esconxurado grazas ao fútbol (vaia) ou mediante a súa afiada destilación en sarcasmo - , mais sí a maneira na que fan da súa paisaxe e paisanaxe rural un obxecto estético de culto. Ben certo é que Little Britain pode ter pouco a ver cos marabillosos personaxes de Kingsley Amis, Tom Sharpe ou John Mortimer. Estes últimos son brillantes, xeniais e pavorosamente divertidos, mesmo tratándose de membros dunha sociedade rural atrapallada nun secular inmobilismo. Os da serie de TV encaixarían máis ben no se cadra teledirixido programa de demonización das clases traballadoras reflectido por Owen Jones no seu Chavs (despois de todo, os personaxes son de Gales).

Quizais rehabilitar unha sociedade rural como a galega, que ten padecido unha estigmatización máis aguda que a de moitos dos seus conxéneres doutras latitudes sexa, con certeza, unha misión de audaces. O agro galego ten padecido males conxénitos, padecementos de longa data e incerta cura que teñen modelado dramaticamente o perfil dos seus poboadores. A pobreza non foi un factor alleo. Seren depositarios da lingua e a cultura do país, mesmo sen vontade ou directamente ao seu pesar, tampouco. E con todo, algo se move nese magma amorfo e descoordinado (características curiosamente comúns á nosa asombrosa estrutura territorial e demográfica).

Gozara con algúns dos seus temas anteriores, pero penso que a electricidade (un tratamento case sempre recomendábel) ten dotado o seu son dun pulo que os engrandece até os converter nunha banda maior

Vén isto a conto da caída do cabalo que padecín ao escoitar o Violentos anos dez dos Ataque Escampe. Gozara con algúns dos seus temas anteriores, pero penso que a electricidade (un tratamento case sempre recomendábel) ten dotado o seu son dun pulo que os engrandece até os converter nunha banda maior. Asemade, tamén inclúen cordas e ventos no álbum, sofisticando arranxos e melodías e naturalizando a preocupación polos retrousos e a súa importancia  na composición. Semella que ao se teren enchufado son posíbeis as chiscadelas xa non ao jazz, senón ao rythm and blues, o soul (a homenaxe á música negra paira por todo o disco) ou á Velvet Underground. Tal heteroxeneidade abre enormemente o melón do futuro da banda e sitúa o disco na altura dos mellores do rock en galego - un santoral,  por outra banda, en absoluto extenso -. Non experimentara nada semellante desde os Fanny e Alexander ou nalgún dos temas de Loretta Martin e The Homens.

As cancións respiran nunha atmosfera de absoluta melancolía. Ataque Escampe fai un inventario da realidade. Unha realidade tediosa e absurda que acontece baixo o orballo e onde o delirio é un vello coñecido, tan funesto como afábel. Pode que Manuel Antonio dialogue con Rimbaud ou Ferrín pero é John Wayne quen vixía que o rabaño non desmande. Baixo unha imaxe de Far West chairego que navega polos samplers de filmes dobrados ao galego (un acerto; o diálogo do granxeiro en “A Cabana do Tío Tom” é fantástico), circulan polas cancións personaxes absolutamente desnortados, perdidos nunha existencia aborrecida. A negritude, a pobreza, a muller, os suxeitos doentes e feridos que procuran espazos de visibilidade, de transcendencia. A cabeza que peta contra o muro, por moito que un sexa Curtis Mayfield. Unha ollada amarga, instalada na pesadume, na incidencia do clima na saúde mental e no perenne vagar do pobo (un pobo) que teima na absurda procura do honor entre campos de algodón.

Unha ollada amarga, instalada na pesadume, na incidencia do clima na saúde mental e no perenne vagar do pobo (un pobo) que teima na absurda procura do honor entre campos de algodón

Os protagonistas das cancións son individuos que mastigan soidade. Buscan amor en parafarmacias, somatizan a traxectoria do Deportivo ou o Celta (algo nada sorprendente, dada a  vocación apocalíptica de ambos os dous), cuestionan a vulgaridade nas boleiras de Area Central, revisitan as Supremes e tentan a sedución sen equívocos nunha noite de San Xoán de cacharela e aquelarre (a redención do lume tamén é outra das súas vellas teimas). Polo medio, renden homenaxe aos seus heroes culturais, nunha heteroxénea fileira que danza por entre as cancións e se cita nos agradecementos do disco.

A sensación é a de estar perante unha banda que transita a estremeira do que somos. Non apenas normalizando senón dignificando, traballando co pretendido estereotipo e converténdoo nun referente estético e artístico

Hai algo nese escéptico rosmar que se me fai absolutamente delicioso. Malia a opción icónica polo  sur estadounidense que constitúe o fío condutor do disco, a actitude dos autores é ben británica. Cuestionar a nosa realidade, describila cunha devoción distante e criar cancións tristes, ledas ou infernais nas que nos recoñecemos. É doado sentírmonos reflectidos en comportamentos tan de noso coma os destes anti-heroes que debullan os de Vista Alegre. A sensación é a de estar perante unha banda que transita a estremeira do que somos. Non apenas normalizando senón dignificando, traballando co pretendido estereotipo e converténdoo nun referente estético e artístico. Con intelixencia, con estilo. Un tal Ray Davies fixera en tempos algo semellante. Un tal Alvaro Cunqueiro, tamén.

Segundo teño entendido, Ataque Escampe están a cociñar un novo disco que agardamos ansiosos. No entanto, por acó seguiremos:  vendo tractores pasar,...

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.