Viaxar ás capitais dende Ribadeo?

Apeadoiro do FEVE, entre Ferrol e o Ortegal CC-BY-SA Praza Pública

Hai unhas semanas aparecía na primeira dun xornal: 'Viaxar a capitais galegas en transporte público dende Lugo é unha odisea'. Coido que quen puxo o título non atoparía outro para poñer sobre o mesmo tema dende Ribadeo... a non ser que usara a palabra 'imposible'.

No interior do xornal, o título era 'Unha vila (case) incomunicada", e incluía infografía cos tempos, en tren ou autobús, en chegar ás outras capitais, a cada hora de conexión, e indicando se había enlaces ou non. A (case) incomunicación permitíalle ó xornal desdeñar comunicacións por tren con Vigo por ter mal enlace en Ourense.

Dende a costa vemos esas (case) incomunicacións como un luxo, un auténtico derroche que non podemos permitirnos. Vexamos como exemplo o caso de Ribadeo, deixando á beira do camiño solucións como a que plantea unha empresa de billetes por internet, facer a viaxe a Lugo a traverso de bus e tren pola Coruña e Ferrol, ou ben en bus por Ponferrada e Oviedo.

Anda! Se non hai autobuses para ir ó hospital a Lugo! Ben, non é certo, sempre podes ir ata estación de autobuses de Lugo, e logo coller un urbano... e sorrir mentres. E hai ata catro servizos de ida e outros tantos de volta (os días laborables, a partir de hora e media de duración de cada traxecto), que permiten pasar literalmente o día en Lugo. Se tes que ir ó hospital e estás delicado... bueno, iso é 'algo' diferente, xa te amañarás para chegar. Por outra banda, se es de Lugo e queres pasar o día en Ribadeo, mellor, procura onde durmir se ves en autobús.

Tren... coido que hai máis dun século que non se propón nin que exista unha vía férrea entre Ribadeo e Lugo.

Pasemos á capital de Galicia. Se salgo ás 9 da mañá, podo estar de novo na casa en Ribadeo ás 10 menos cuarto da noite. Quédanme 5 horas e dez en Santiago! Claro que como chega ás 13:20 á estación de autobuses de Santiago, o de facer xestións non está nada doado...

Vale, imos ver á Coruña. Procuro e... xa teño a volta para os días de diario... e a ida? Non aparece!... pensándoo mellor, vou a Ferrol, que si que atopo algo directo de ida e volta, a FEVE: 4 posibilidades de ida e outras catro de volta a diario, todo un luxo que ata me permite estar entre as 10 da mañá e as sete da tarde na 'cidade departamental', tras tres horas de viaxe de ida e antes doutras tantas de volta. E de alí á Coruña podo ir ata en barco! Non sei o que durará funcionando a liña Ferrol-Xixón, pero mentres dure, aínda cos continuos fallos no funcionamento por diversos motivos achacables en xeral á falta de inversión en mantemento, bendita sexa!

Claro que no caso de Ribadeo, extremo nordeste da administración noroeste, sempre nos quedan Oviedo ou Xixón... cidades que por algo teñen a Ribadeo na súa esfera comercial, e aínda a pesares doutras tres horas ou catro horas de viaxe segundo o medio de transporte comunitario e horario elixidos, porque si, neste caso, ata se pode elixir!

Unha nota final: Xa non poño nada sobre ir ata Vigo ou Ourense. Por que? Adiviña!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.