Viaxe arredor de Zapatero

José Luis Rodríguez Zapatero durante un mitin CC-BY-SA PSOE

Non é inexacto afirmar que Zapatero ven concitando unha intensa xenreira por parte da dereita política e daqueles círculos de opinión que se ubican na oposición dereitista mais contundente ao actual goberno. A causa mais inmediata hai que buscala no activo papel desenvolvido polo ex-presidente na campaña das eleccións xerais de 2023

Dende hai poucos días, a figura do ex-presidente Rodríguez Zapatero ocupa boa parte da atención mediática e política por mor das investigacións xudiciais abertas a respecto dalgunhas actividades que, presuntamente, realizou nos últimos anos.

Non é inexacto afirmar que Zapatero ven concitando unha intensa xenreira por parte da dereita política e daqueles círculos de opinión que se ubican na oposición dereitista mais contundente ao actual goberno. A causa mais inmediata hai que buscala no activo papel desenvolvido polo ex-presidente na campaña das eleccións xerais de 2023 cando decidiu actuar como factor mobilizador do electorado socialista en favor de Pedro Sánchez, fronte á pasividade explícita de persoeiros como Felipe González. Dada esa importante cota de responsabilidade atribuída a Zapatero, os sectores do universo conservador pensan que un eventual deterioro da súa reputación ante os votantes que fixeron posíbel o vixente goberno de coalición facilitará a chegada do dúo PP-Vox á Moncloa.

Repasemos brevemente as luces e as sombras da traxectoria política deste singular persoeiro. Chegou á presidencia do goberno no ano 2004 a pesar de que unha boa parte dos prognósticos sinalaban como favorito a Mariano Rajoy. A basta manipulación que promoveron o PP e as súas terminais mediáticas sobre a autoría do salvaxe atentado rexistrado o 11 de Marzo na estación de Atocha actuou como un poderoso elemento de activación electoral de moitas persoas que xa coñecían o papel do goberno de Aznar na xestión do Prestige e na agresión bélica contra Iraq.

Nas dúas lexislaturas nas que encabezou o Executivo acometeu importantes e complicadas decisións que foron obxecto da rotunda oposición do PP: a retirada unilateral das tropas do Exército español de Iraq; o apoio á reforma do Estatut de Cataluña; a aprobación do matrimonio igualitario e de melloras substanciais na lexislación sobre o aborto; a iniciativa das conversas coa esquerda abertzale destinadas a facilitar o cesamento da actividade de ETA

Nas dúas lexislaturas nas que encabezou o Executivo acometeu importantes e complicadas decisións que foron obxecto da rotunda oposición do PP: a retirada unilateral das tropas do Exército español presentes na aventura guerreira dirixida por Bush e Blair; o apoio á reforma do Estatut de Cataluña que promoveu Pasqual Maragall; a aprobación do matrimonio igualitario e de melloras substanciais na lexislación sobre o aborto; a iniciativa das conversas coa esquerda abertzale destinadas a facilitar o posterior cesamento da actividade de ETA... E, ademais, unha circunstancia relevante: entre 2004 e 2011 non houbo casos de corrupción análogos aos que se tiñan producido nos círculos gobernamentais de Felipe González.

No capítulo das sombras acontecidas durante os seus mandatos destaca, principalmente, o seguidismo e/ou submisión coas lesivas políticas de axuste aprobadas pola Comisión Europea/Banco Central/FMI ante a grave crise financeira iniciada en Wall Street e trasladada despois ao tecido económico europeo. No canto de convocar eleccións para que a cidadanía decidise a eventual aceptación do "diktat" establecido polos órganos de Bruxelas, Zapatero asumiu os duros axustes esixidos -mesmo cunha reforma parcial do texto constitucional- e padeceu o notábel desgaste que abriu as portas á maioría absoluta obtida polo PP nos comicios de 2011. Precisamente, no mes de Maio dese ano, apareceu o que logo se denominaría "movemento 15-M" como un evidente síntoma demostrativo da notoria desafección e desconfianza que se instalou en grandes continxentes da mocidade e dos sectores mais afectados pola crise e o seu tratamento.

Afastado da primeira liña, asistiu ao nacemento de novas formacións políticas (Podemos e Cidadans) e tamén coñeceu a forte convulsión vivida no interior do seu partido antes da consolidación -primarias mediante- de Pedro Sánchez na secretaría xeral do PSOE. Aínda que agora resulte sorprendente, convén lembrar que, naquela liorta doméstica, apoiou a Susana Díaz tal e como fixeron outros dirixentes históricos do partido. Porén, nos anos posteriores avalou a decisión de Sánchez favorábel á formalización dun goberno de coalición con Unidas Podemos e manifestou algunhas mostras de afinidade explícita con Pablo Iglesias e Irene Montero.

Aínda que, finalmente, Rodríguez Zapatero non resulte condenado nos tribunais, existen moitas dúbidas sobre os efectos destas actuacións xudiciais nas futuras expectativas electorais do PSOE. Hai un risco real de desmobilización de partes significativas daqueles votantes progresistas que defenden estándares mais esixentes para o comportamento dos dirixentes políticos

O labor de mediación que Zapatero ten protagonizado no ámbito da política venezolana suscitou, tamén, unha forte belixerancia crítica por parte do PP, de Vox ou do propio Felipe González. Precisamente, algúns episodios relativos a esa relación con persoas vinculadas ao país americano aparecen entre os indicios que un xuíz está utilizando para investigar a presunta conduta delitiva do ex-presidente. Con todo, algúns prestixiosos xuristas sosteñen que o auto xudicial pode ficar anulado porque utiliza como material probatorio unha peza proporcionada por unha axencia oficial norteamericana que non cumpriu cos requisitos xurídicos formais vixentes no dereito penal español.

Aínda que, finalmente, Rodríguez Zapatero non resulte condenado nos tribunais, existen moitas dúbidas sobre os efectos destas actuacións xudiciais nas futuras expectativas electorais do PSOE. Hai un risco real de desmobilización de partes significativas daqueles votantes progresistas que defenden estándares mais esixentes para o comportamento dos dirixentes políticos e que poden ficar decepcionados ante o que se está publicando. Ao cabo, este episodio remite a unha vella pregunta: é suficiente a non culpabilización xudicial para validar eticamente o labor das persoas que participan activamente na vida política institucional? Sabemos que as respostas son diferentes: nos espazos da dereita vale todo aquilo que non sexa obxecto dunha condena firme nos tribunais de xustiza. Nos restantes territorios hai diferentes opinións e, xa que logo, menor homoxeneidade nos posicionamentos que se podan rexistrar nas vindeiras citas electorais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.