O falecemento, o pasado 2 de outubro deste 2024, do amigo Xesús Baamonde González, coñecido como Suso Baamonde, pon de manifesto un retrospectivo ronsel de incansable activismo dun emigrante concienciado e dun proletario militante tan comprometido como irredutible
O falecemento, o pasado 2 de outubro deste 2024, do amigo Xesús Baamonde González, coñecido como Suso Baamonde, pon de manifesto un retrospectivo ronsel de incansable activismo dun emigrante concienciado e dun proletario militante tan comprometido como irredutible. Proba do seu labor referencial na emigración, mesmo a nivel institucional, é que por el lle foi outorgada a Medalla de Bronce de Galicia no ano 2000, e proba da súa militancia internacionalista no seo do movemento obreiro son os seus sempre críticos e reivindicativos artigos en Mundo Hispánico, a revista en español máis difundida en Suíza, publicada en Xenebra.
Suso Baamonde naceu en Xermade, na comarca lucense da Terra Cha, en 1935, e a dita comarca volveu para quedarse tras rodar moito polo mundo, pois foi enterrado no cemiterio de Miraz. Aínda mozo, en 1959, emigrou ao Brasil, onde se concienciou das inxustas causas e da problemática social da emigración inducida, perspectiva que levaría á práctica como activo sindicalista de orientación comunista e que xa nunca perdería. De alí volveu a Europa con recordos inesquecibles, como proba o feito de que aínda varias décadas despois tivese un correo electrónico alusivo aos míticos cangaceiros, os bandoleiros brasileiros que se enfrontaron aos poderosos fazendeiros entre os séculos XIX e XX: ocangaceiro59@gmail.com.
En 1965, Suso Baamonde trasladouse á República Helvética, para traballar, como tantos inmigrantes españois, na fábrica automobilística Hispano-Suíza do Cantón de Vaud. Ao ano seguinte coñeceu nunha actividade solidaria en dita fábrica ao poeta galego e universal José Ángel Valente, daquela funcionario internacional en Xenebra, e con el levou adiante numerosas actividades culturais, sociais e políticas de carácter reivindicativo e antifascista. Sobre el declarou que Valente foi un dos poucos intelectuais que se achegaron verdadeiramente ao mundo dos obreiros, intentando educalos e asistilos na súas loitas.
Como moitos outros traballadores españois na fábrica Hispano-Suíza, Suso Baamonde militou no grupo Acción Comunista, partido marxista espartaquista formado en 1964, no exilio, ao expulsar a Frente de Liberación Popular, resistente plataforma antifranquista, á súa sección exterior, activa en Bélxica, Francia, Alemaña e Suiza. O propio Valente compartía con Acción Comunista unha especial querenza pola activista xudía alemá Rosa Luxemburgo, asasinada xunto a Karl Liebknecht tras a revolución de 1919, como revela o seu poema “XXV (Mil novecientos diecinueve)”: “La revolución se erguía como un sueño / capaz de andar desnudo entre los hombres. // Tu sangre salpicó los derribados muros, Rosa Luxemburgo”.
En 1965, Baamonde trasladouse á República Helvética, para traballar, como tantos inmigrantes españois, na fábrica automobilística Hispano-Suíza do Cantón de Vaud. Ao ano seguinte coñeceu nunha actividade solidaria en dita fábrica ao poeta galego e universal José Ángel Valente, daquela funcionario internacional en Xenebra, e con el levou adiante numerosas actividades culturais, sociais e políticas de carácter reivindicativo e antifascista.
Xa nos anos setenta, Suso Baamonde e Valente colaboraron conxuntamente coas actividades antifascistas xenebrinas do Ateneo Obrero Español, fundado en 1970 polo cura obreiro asturiano Bernardino Fernández, quen tamén promoveu o Centro Asturiano de Xenebra. Neste centro, Valente leu e analizou o conto pacifista “Adiós, Cordera” e a novela social La Regenta do escritor astur Leopoldo Alas Clarín, sesións ás que asistiu Suso Baamonde, quen gravou ditas lecturas e conservou dito rexistro toda a súa vida e do que tivo a xentileza de pasarme unha copia.
Ademais, tanto Suso Baamonde como Valente contribuíron dende 1966 á formación dun Centro Gallego en Xenebra, que deu paso en 1967 á histórica e duradeira Sociedade Emigrante A Nosa Galiza, na que ambos participaron moi activamente en colaboración con outros galegos residentes alí. Suso Baamonde ocupouse en especial da biblioteca da asociación, onde organizou exposicións de libros relacionados con Galicia, nas que, nalgunha ocasión, segundo ten declarado, chegaron a venderse entre a comunidade ibérica emigrada a Xenebra ata noventa exemplares do ensaio galeguista Sempre en Galiza, de Castelao, e oitenta da novela esperpéntica Tirano Banderas, de Valle-Inclán. Foi, pois, Suso Baamonde un modélico obreiro ilustrado convencido de que a través da educación e do acceso á cultura das clases populares chegaría a conciencia de clase, a reivindicación da xustiza e o progreso social. Por iso non se contentou nunca coa procura do saber estreitamente político e económico, senón que axiña se interesou por outras problemáticas, como a da liberación sexual ou a do pensamento ecolóxico.
Moito foi o compartido por Suso Baamonde con outros activistas da mesma asociación, como o sociólogo Xoán Anllo, chairego coma el, ou co fotógrafo Manuel Álvarez, quen o fotografou como a tantos outros membros ou visitantes da Sociedade Emigrante A Nosa Galiza
Eu tiven a sorte de coñecer a Suso Baamonde, por mediación do común amigo Valente, nos anos oitenta, cando fun falar e recitar por primeira vez á Sociedade Emigrante A Nosa Galiza, e alí volvemos coincidir en diversos actos durante as tres décadas seguintes. Daquela primeira ocasión lembro especialmente que me guiou, con moita ilusión tras o meu pedido, ata a placa de homenaxe aos voluntarios suízos que combateran nas Brigadas Internacionais durante a guerra civil española, para cuxa inauguración en 1986 se publicara unha colección de poemas dedicados a ditos brigadistas antifascistas, contando con Valente entre os poetas.
Valente foi sen dúbida o factor que máis nos uniu e Suso Baamonde colaborou moito en Xenebra coa investigadora Tera Blanco de Saracho e comigo cando estabamos elaborando a biografía intelectual Valente vital (Xenebra, Saboya, París), publicada en 2014 en conxunción coa ensaísta María Lopo. El mesmo participou tamén comigo na presentación deste libro na sede de A Nosa Galiza, xunto aos escritores igualmente amigos de Valente Julio López Cid e Carmen Blanco. A última vez que nos vimos en Xenebra foi nun acto no mesmo lugar sobre Borges e Valente, ambos falecidos en dita cidade suíza, no que, para emoción da comunidade presente, a investigadora Cristina Fiaño leu solemnemente o poema de Valente “Sub nocte”, cuxo manuscrito, troquelado logo nunha gran litografía, dedicara o poeta “Para os irmáns da emigración, para Nosa Galiza e para que Galiza sexa tamén nosa”.
Moito foi o compartido por Suso Baamonde con outros activistas da mesma asociación, como o sociólogo Xoán Anllo, chairego coma el, ou co fotógrafo Manuel Álvarez, quen o fotografou como a tantos outros membros ou visitantes da Sociedade Emigrante A Nosa Galiza. En tal contexto fixo amigos íntimos tan leais e entrañables como o tamén comprometido emigrante galego Pepe Ramil ou como o solidario profesor aragonés José María Adé. Cos dous últimos temos departido Suso Baamonde, Carmen Blanco e mais eu en Lugo, a onde aquel se achegou varias veces cando por unha progresiva eiva motora xa lle era máis doado conducir un auto que camiñar a pé.
Despois da xubilación e dalgunhas tristes tribulacións persoais en Xenebra, Suso Baamonde retirouse á súa terra orixinaria, onde resistiu, primeiro en domicilio propio e logo nunha residencia vilalbesa, ata os oitenta e nove anos
En efecto, despois da xubilación e dalgunhas tristes tribulacións persoais en Xenebra, Suso Baamonde retirouse á súa terra orixinaria, onde resistiu, primeiro en domicilio propio e logo nunha residencia vilalbesa, ata os oitenta e nove anos. Así nos explicou el mesmo a súa situación, non exento de amargura e decepción, pouco antes de ingresar na residencia: “Queridos Claudio e Carmen: antes de nada imponse unha fraterna aperta despois de tanto tempo dun meu ostracismo persoal obrigado, mais non por esquecemento, senón por efectos de precaria saúde e dos anos que pesan e destrúen. Aínda podo conducir o meu coche, pero non me atrevo a ir a Lugo e retornar de noite; podo moverme cun bastón cincuenta metros para logo sentarme. Sigo de cerca a través de internet as vosas actividades culturais e sociais e felicítovos polo voso tesón e empeño, cousa moi estraña neste infortunado país. Eu non son feliz neste bodrio ibérico, nin nesta Terra Cha vilalbesa que un día idealicei dende a deportación emigratoria. A Europa non lle vai moito mellor, mais polo menos non pesa sobor dos seus pobos un franquismo de permanencia eterna institucionalizada”.
Na última mensaxe que nos enviou, non obstante, volveu mostrar a súa esperanzada e consoladora veneración pola cultura a propósito das actividades da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética: “Felicitacións a ese nutrido grupo de notables que mantedes viva a memoria dunha gloria eminente do exilio galaico hispano derivado da tiranía franquista que aínda garda aquí flocos moi perigosos. A vosa actividade hónravos e por ende inclúe a tantas outras xoias do exilio artístico e intelectual ibérico, e tamén dignifícanos aos tantos expatriados da emigración inducida, coma min, que desde o noso feudo patrio, xa na recta final da vida, admiramos o voso plural empeño cultural. Suso Baamonde”.
Solidaria memoria permanente, pois, para tan exemplar emigrante concienciado como perseverante proletario militante.