Vidreiras, artesanía entre o Medievo e os Tempos Modernos

Maumejean. La Primavera i la Ploma Dominio Público

A pandemia provocada polo virus covid-19 segue impondo as súas leis. Nestes tempos de clausura social e de escuridade cultural, semella un paradoxo que o Museu del Modernisme programe unha magnífica exposición sobre vidreiras de hai un século. Os xogos de luz e cores que emiten tales elaboracións translúcidas iluminan negritudes e perspectivas. Promoveu o Modernismo as artesanías? É un oxímoro xuntar “modernismo” e construción de vidreiras, unha técnica tan antiga? Ogallá as pezas da mostra Elogi al Color sexan luminoso presaxio do resplandor que logo chega.

image

Camaló. Sant Ferran i Sant Agustí
 


 

Elogi al Color. L’Esplendor del Vitrall en el Modernisme. Museu del Modernisme

La catedral de León posee un conjunto que cierra ciento treinta ventanales y tres grandes rosetones. En las vidrieras de León está reflejada toda la esfera de lo natural y lo sobrenatural y sus constructores conocían suficientemente la ciencia óptica para controlar los efectos lumínicos y, a través de ellos, generar o manipular el espacio arquitectónico. En la ejecución de semejante conjunto trabajaron muchos artesanos del “fuego”, un pequeño ejército que, de forma paralela a la construcción de la iglesia, diseñaba, decoraba, cortaba y colocaba los vidrios para cerrar los huecos a medida que se iban terminando los ventanales. (Fundación Jacobea, 2020).

O Museu del Modernisme de Barcelona retoma o seu programa de exposicións temporais cunha mostra moi especial. Segundo a familia Pinós Girao, propietarios do museo e organizadores desta presentación pública de vidreiras, é una exposició extraordinària i única en tot el món. Con razón, Elogi al Color. L’Esplendor del Vitrall en el Modernisme vén sendo un exercicio de xenerosidade e, ao tempo, de exhibición da dedicación desta saga de xestores da arte ao modernismo e as súas variadas manifestacións artísticas.

Preséntanse nas súas salas da céntrica rúa Balmes unha 50 vidreiras, confeccionadas en moitos obradoiros entre mediados do século XIX e mediados do XX. Un percorrido colorista e valioso por un século de artesanía artística. Como viaxar ao século XIV! Os temas que o artesanado traballou para lucir neses vidros de tantas cores e de tempos modernos son ben diversos. Por unha banda non faltan as escenas relixiosas; o modernismo en Cataluña (como noutros lugares) coincidiu co pulo da burguesía local e, xa que logo, coa Renaixença, razón pola que certas iconografías propias foron moi valoradas (a de Nosa Señora de Montserrat, é un bo exemplo). E os que non poden faltar, tratándose do Modernismo, son os motivos naturais. Os artistas modernistas en xeral refusaban as liñas rectas e a natureza está inzadas de liñas curvas. O canto á natureza en tempos do Modernismo ten máis motivacións: o seu gusto polas artesanías e os tempos pasados. Por tanto, en Elogi al Color. L’Esplendor del Vitrall en el Modernisme o que máis abundan son os motivos florais. A flor é a raíña dos modernistas; as filigranas de pétalos e talos atópanse en mobles, carteis, reixas de balcóns, etc. Esas flores vanse combinando con animais, abundancia de plantas e outros elementos naturais. E por suposto tamén están moi presentes as figuras humanas. De estas figuras humanas o modernismo sempre tivo preferencia pola figura feminina, estilizada, idealizada, que tanto se pode ver nos carteis de artistas como Mucha ou mesmo Ramon Casas. Por se o dito ata agora non chegar, os vitrals mostrados están fabricados con diversas técnicas, sendo a dos vidros chumbados a máis habitual e clásica, mentres que tamén é doado admirar a técnica do cloisonné (ou Cloisonné Glass), especialidade non tan fácil de ver e valorar. Outro dos feitos sobranceiros desta mostra é que as espléndidas cincuenta vidreiras presentes agora no Museu del Modernisme son propiedade do mesmo museo. Non hai préstamos neste caso. A familia Pinós Girao só tivo que botar man dos seus propios fondos.
 

image

J. Mir/Rigalt. VITA, 1911
 

Nos actuais tempos de pandemia, de escuridade para a cultura e a vida en xeral, é de agradecer que a empresa privada decida atacar iniciativas coma esta. Máxime cando o panorama de museos e xestións artísticas en Cataluña está a pasar os seus peores tempos: eiva de presupostos públicos, alongamento artificioso de cargos responsables e outras inoperancias, fan que hogano máis de 10 museos públicos estean en Cataluña sen dirección estable. As cousas comezaron a ir mal xa cando, en 2015, expulsaron ao director do MACBA polo escándalo da peza HC4 Transport, na que seica saía Juan Carlos I en non moi boas posturas.

Evidentemente, ao falar de vidreiras (vitralls, en catalán) a calquera persoa lle voa a mente á visión aérea e policroma do interior dalgúns edificios góticos (mormente as coñecidas catedrais), pois foi nos tempos baixomedievais cando esta técnica artística e artesanal tomou forza e presencia por toda Europa. As técnicas construtivas argalladas a partir do arco oxival ou apuntado foron baleirando de muros os edificios e, ao tempo, foron metendo luz nos seus interiores. Efecto ineludible deste proceso foi a ausencia de paredes de pedra aos que ornamentar con pinturas, tal e como fixeran séculos anteriores (X, XI, XII) os edificios que se coñecen como románicos. E a solución decorativa e magnífica atopada na Baixa Idade Media por construtores e artesáns foi encher as fiestras de iconografía e de cores, o que contribuíu moito a alimentar que actualmente se coñece como a “espiritualidade do gótico”.

Como xa se dixo, perante o Modernismo retomáronse (ou mellor, seguiuse) cos motivos decorativos de inspiración relixiosa. Na exposición Elogi al Color. L’Esplendor del Vitrall en el Modernisme hai unhas cantas vidreiras que iluminan escenas relixiosas (entre outros temas o de Nosa Señora de Montserrat). E tamén está presente a vidreira que leva por nome o dos santos alí representados: Sant Agustí i Sant Ferran, vitral saído do gran taller da familia Camaló. Este obradoiro de traballadores do vidro tivo continuidade desde finais do século XVIII ata o ano 2001. Mágoa que precisamente na entrada do novo milenio desaparecese. Trátase dunha vidreira de tamaño considerable (arredor dos 2 metros de alto) e que se circunscribe claramente dentro do estilo neogótico. A estrutura, as imaxes dos dous santos, fan pensar que é unha peza do século XIV. Os arcos oxivais que dominan sobre as figuras humanas, e o mesmo arco que pecha toda a composición retrotraen ao Medievo. A técnica e a clásica, a dos vidros rodeados de chumbo, e a policromía é riquísima: vermellos, amarelos, azuis, verdes axudan á escenificación xeral, e mesmo potencian a tonalidade dourada que se forza no conxunto.

image

Vidal. Prato, técnica cloisonné
 

Elogi al Color. A técnica do cloisooné. A natureza como inspiración

El Cloisonné Glass és una tècnica importada d’Anglaterra en 1899 per Frederic Vidal i Puig que es va formar en la Cloisonné Glass Company de Londres. (…) Són moltes les qualitats d’aquesta tècnica: major lluentor i llum, el disseny queda suspès a l’espai, sense tirants metàl.lics. I al seu torn està més protegida gràcies a que la càmera interior queda assegurada entre el doble vidre. (Brots Creatius).

A familia Pinós Guirao leva tempo ofrecendo importantes mostras temporais na cidade de Barcelona. Na súa galería Gothsland son quen de programar traballos moi meritorios, como o que dedicaron a Els Quatre Gats, restaurant e foco cultural (Gabriel Pinós é un gran especialista neste tema). E no Museu del Modernisme o mesmo. Cómpre mencionar que esta entidade privada foi a primeira (privada e pública) en preparar e ofrecer unha mostra monográfica da excelente pintora Lluïsa Vidal. A primeira, no ano 2014. E tamén organizou mostras sobre Santiago Rusiñol e a ampla Ramon Casas. La vida moderna.

Dentro dos traballos artesáns relativos ás vidreiras existe unha técnica ben especial e delicada. Coñécese co nome de técnica do cloisonné. Para elaborar calquera iconografía que se queira con esta técnica especial, cómpre seguir uns pasos que pouco teñen que ver cos empregados nas vidreiras máis coñecidas e tradicionais. No século XIX esta técnica tan especial foi introducida en Barcelona polo ebanista Frederic Vidal i Puig que se formou nesa técnica perante as súas estancias na cidade de Londres, na Cloisonné Glass Company. Desde alí Vidal chegou a Barcelona con esa técnica en 1899. Concretamente, daquela, Londres e mais Barcelona pasaron a ser as únicas vilas onde se traballaba as vidreiras con esa delicada técnica do cloisonné.
 

image

Vidal. Biombo
 

O nome desta técnica é francés, pois semella que se iniciou alí (aínda que non faltan estudosos que manteñen que xa se practicaba no antigo Exipto, e que veu de oriente, China seguramente). O traballo de elaboración é delicado e longo. Sobre o cartón onde se deseña o motivo a representar, ponse un vidro relativamente groso ao que se aplica unha fina capa de goma arábiga. Entón (como o deseño está por baixo) vanse colocando sobre ese vidro e goma unhas tiras finas de latón ou combinación similar, que virán sendo as liñas definidoras do debuxo e mais as separacións dos alvéolos de diferentes cores que concretarán o vitral. Eses espazos entre as tiras de latón énchense con diminutas pezas de vidro triturado da cor que se queira en cada caso. Cando os alvéolos xa estean cheos das areas de vidro das cores decididas, cómpre fixalas nos seus sitios con outro lixeiro emplasto de goma; para remate hase situar outro vidro sobre toda a composición para garantir a consistencia do traballo. E xa só restará repasar os bordes. Un traballo complexo e de miniaturistas que aprendeu Frederic Vidal en Londres. Curiosamente Frederic Vidal era irmán da pintora Lluïsa Vidal, unha artista totalmente esquecida principalmente por ser muller. Valla como exemplo que no ano 2010 o MNAC organizou e celebrou unha magna exposición: Convidats d’Honor, 75 obras elaboradas en Cataluña, de outros tantos artistas para conmemorar os 75 aniversario do museo. Para completar a nómina de artistas repetíronse algúns dos creadores masculinos (Miró, Dalí, Picasso). E por contra NON se incluíu a ningunha muller! E iso que o MNAC ten obra dunhas cantas.

Na mostra Elogi al Color. L’Esplendor del Vitrall en el Modernisme hai unhas cantas pezas creadas artesanalmente por medio desta técnica de cloisonné, e dentro dos talleres de Frederic Vidal. Unha destas pezas é un prato que ilustra unha aguia. O traballo delicado é de verdadeiro preciosismo e fineza; resaltando a variedade cromática e mais o detalle de cada parte da peza. Tamén hai un biombo de tres corpos que basea o traballo artesán en filigranas xeométricas e motivos florais, como cómpre a unha obra modernista.  

Ao marxe da técnica cloisonné, e seguindo o percorrido polas salas, unha das pezas presentes en Elogi al Color. L’Esplendor del Vitrall en el Modernisme e que máis sorprende pola súa fervenza cromática, e por tanto máis dificultade, é a titulada VITA e que foi encargada polo obradoiro de Antoni Rigalt, no ano 1911, ao artista Joaquim Mir. O pintor Joaquim Mir pasa por ser un mago da luz e da cor. As súas creacións semellan un canto á vida, ao Mediterráneo. Hai quen di que o seu vieiro é parello ao de Sorolla, ao de Van Gogh ou ao de Gaugain. Pero, sempre estivo fóra da foto. Se un crítico encasilla a un creador ou creadora como membro dalgunha das tribos que habitaron o século pasado (cubismo, fauvismo, surrealismo, expresionismo abstracto) iso é pasaporte á inmortalidade. Mir sempre foi tido por inclasificable, andou sempre á súa, pelexando coa natureza de Mallorca ou recluído no Vallés. Por tanto, a peza VITA vén estando na liña das creacións de Mir: un canto ás cores, á luz, á vida. Todo un exemplo do que é o modernismo, da inspiración que a natureza provocaba aos modernistas. Nesa vidreira, un tríptico ben grande, rebentan as plantas, as exuberantes flores, e tamén os animais na parte esquerda.

image

Maumejean. La Primavera i la Ploma
 


 

Elogi al Color. O Modernismo, a artesanía e a figura humana.

(O movemento Arts & Crafts) representa unha revolta contra a dureza da vida mecánica e convencional e a súa insensibilidade cara a beleza. É unha protesta contra o chamado progreso industrial que produce mercancías de mala calidade o baixo prezo das que só é posible a conta das vidas dos que as producen e a degradación daqueles que fan uso delas. Unha protesta contra a conversión dos homes en máquinas, contra as distincións artificiais dentro da arte, e contra o feito de facer do valor de mercado inmediato a principal proba de todo mérito artístico (W. Crane, Arts & Crafts Essays, 1893).

O coñecido aquí como Modernismo (e que adquire diferentes nomes segundos os estados: art nouveau en Francia e Bélxica, Jundendstil en Alemaña e países nórdicos, Modern Style en Gran Bretaña, Sezession en Austria ou Floreale en Italia) ten moito que ver coa filosofía que inspirou o movemento  Arts & Crafts, nacido en Gran Bretaña como reacción á produción industrial, á enaxenación das persoas traballadoras. No ano 2018 o MNAC programou unha extensa e cualificada exposición (William Morris i el moviment Arts & Crafts a Gran Bretanya) sobre ese movemento. Alí quedou comprobado a importancia que Arts & Crafts outorgaba ás artesanías (cousa que logo segue a facer o Modernismo) e outras liñas endereitadas ao respecto polas persoas e non pondo en primeiro termo a produción industrial.

Agora en Elogi al Color. L’Esplendor del Vitrall en el Modernisme tamén é evidente a preferencia que os profesionais que apostaron polas estéticas modernistas (desde arquitectos a construtores, pasando por propietarios e artífices de calquera material) tiveron pola artesanía. A pouco que se repare no edificio coñecido como La Pedrera, de Gaudí, salta á vista a cantidade de artesáns que colaboraron con ese orixinal arquitecto na creación de diversas partes do mesmo: mobles, portas, forxados.
 

image

Alegoria de l'Estiu i la Tardor
 

Por outra parte, como evidencian carteis, paredes e interiores de edificios, un dos temas favoritos da estética modernista é a figura feminina. Unha figura feminina idealizada, que moitas veces evoca tempos pasados (medievais?) que se perden en lendas e tradicións (aí están os carteis de Mucha para demostralo). Esa figura feminina foi empregada para moitas cousas, mesmo para a publicidade. O seu uso para as imaxes das marcas industriais ten varias lecturas. Presentar ás mulleres como membros da sociedade “moderna”, mulleres que fuman, beben, conducen, crea o efecto positivo de afirmar que as mulleres participan da vida activa, que son independentes, liberadas. Pero, esa mesma imaxe feminina, romántica, lánguida, sensual, que acompaña tabacos, licores, automóbiles, tamén insistir na imaxe de “muller-floreiro”. Os medios de comunicación social actuais non están ceibes destas imaxes estereotipadas e controvertidas.

Como era de esperar, en Elogi al Color. L’Esplendor del Vitrall en el Modernisme hai vidreiras que representan figuras de mulleres. Un perfecto exemplo disto é a vidreira titulada La Primavera i la Ploma, saída dos obradoiros da familia Maumejean. Esta vidreira presenta todo un programa de motivos queridos polos modernistas. No medio destacan os perfís dos corpos de dúas mulleres afrontadas, figuras alegóricas, que están inspiradas en carteis do gran Alfons Mucha. Figuras que por aqueles tempos tamén se empregaron como reclamo publicitario dos chocolates Amatller. A parte inferior das dúas figuras, así como outras partes da vidreira está chea de formas vexetais: follas, talos, flores (campaíñas que colgan). E aínda os artesáns teñen sitio para introducir varios animais estilizados (en concreto aves).

A pouco que se poida, e as restricións impostas polas autoridades o permitan, recoméndase asistir ás visitas programadas polo Museu del Modernisme e contemplar Elogi al Color. L’Esplendor del Vitrall en el Modernisme. A súa luminosidade e explosivo colorido animan as almas nestes intres tan complicados.

 

EXPOSICIÓN:   Elogi al Color. L’Esplendor del Vitrall en el Modernisme

Museu del Modernisme

ata o 14 de marzo de 2021

 

Texto publicado orixinalmente no blog Praza Catalunya

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.