Vieiros, a 23 de febreiro de 2010

Na taberna Currás, un sábado calquera aí por onda as dez, toman cafés e cruasáns resesos Paco, Pío e Suqui. O triunvirato azul e branco trata os asuntos que pola súa transcendencia e complexidade escapan á democracia asemblearia de consellos locais e comarcais. Paco non é alto, Pío non é calvo e Suqui é todo o contrario.

[PACO] Estásenos indo o asunto das mans.

[PIO] De que asunto falas?

[PACO] De Rafa... Mira, aí o tés hoxe na contraportada do Xornal... que vos parece?

[SUQUI] Mal, a min paréceme mal... porque esa é a páxina de Clara Castilla e Natalia Alonso.

[PACO] E quen son esas dúas?

[SUQUI] Nada, Paco... déixao así. Son filósofas existencialistas.

[PACO] Pois ó que estamos... Xa saíu no Correo, no Galicia-Hoxe, no Faro de Vigo, na Peneira, no País, na Radio Galega... E agora no café de redacción do Xornal e no mesmiño IGEA... Quen ía pensar cando o metemos en Vieiros que as cousas ían chegar tan lonxe!

[PIO] Pois estanos ben por rirlle as gracias.

[PACO] E nós que sabiamos? Pensabamos que o podiamos utilizar e xa estou por dicirvos que estanos utilizando el a nós.

[SUQUI] Pois eu non me preocuparía porque...

[PIO] Preocuparte ti... Aínda non foi o día!

[SUQUI] Como que eu? Non che acabo de dicir que me parecía mal que lle deran a contraportada do Xornal? Que máis preocupación queredes? O que quería dicir é que por moito que escriba, o certo é que non di nada..

[PACO] Iso diralo ti, porque os de Vieiros din que é o colaborador máis visitado. Moito máis ca ti, e non é por ofender.

[PIO] Morbo, moito morbo. Uns entran para ver o que pon e outros o que non pon...

[PACO] Pero segundo Suqui, como non pon nada, pois entrarían unha vez ou dúas, e logo deixarían de entrar. Pero a xente segue entrando. Por que? Eh?

[SUQUI] A cousa non é tan simple, Paco... porque quen che di a ti que un día vai e si di algo. Esa incerteza mantén firme a curiosidade da xente. Pero eu non me preocuparía, xa que o que ha pasar, ha pasar, e nós non o podemos coutar. Amais, xa non estamos no goberno...

[PIO] Santo Ceo! Creamos un monstro, e Deus queira non se volva contra nós.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.