Vieiros da memoria. Luís Soto Fernández

Eduardo Blanco Amor, autor proscrito e incómodo dentro da literatura galega, produciu unha poesía de especial finura. Tiña boa man coa lírica aínda que non sexa moi lida entre nós. En 2007 publicouse unha recompilación de poemas en castelán, baixo o título Ars amandi e grazas á iniciativa do PEN Club, que nós recomendamos dende aquí.

Compartiron con el o devir dos océanos doces do triunfo e os mares oxidados da derrota. Porque a vida de Luís Soto está enchida de pasos adiante e pasos atrás

Algunhas mostras da produción lírica do autor de Auria atopámola nos xornais arxentinos. Nun deles lemos un soneto dedicado a Luís Soto, daquela emigrado e iniciado na loita social. O poema de Blanco Amor remataba con estes versos: “Y arde en su corazón como llama secreta / un amor inefable por la madre Galicia”.

Con esa mesma devoción pola matria galega lémbrano os seus camaradas de angueiras, quen compartiron con el o devir dos océanos doces do triunfo e os mares oxidados da derrota. Porque a vida de Luís Soto está enchida de pasos adiante e pasos atrás.

A iniciativa de renderlle unha magna homenaxe nos lugares que el pisou supón un intento máis por recuperar e consolidar a memoria dun mestre de ideas e combates cívicos, culturais, políticos e sindicais. Lugares coma Celanova, A Bola, Muíños, Lobios, Castrelo de Miño, Ourense, Mondariz e mesmo Montalegre (Portugal), dedicarán unhas horas, cando non placas graníticas de lembranza, a este pedagogo, arredista e home de ben. Bo e xeneroso, a fin de contas, unido á estirpe da irmandade.

O periplo vital de Luís Soto recolle bos anacos da historia galega. Anacos que arrancan da experiencia emigratoria e rematan na presidencia do Partido Galego do Proletariado

O periplo vital de Luís Soto recolle bos anacos da historia galega. Anacos que arrancan da experiencia emigratoria e rematan na presidencia do Partido Galego do Proletariado. Luís Soto coñeceu de preto a miseria nas escolas rurais onde se implicou por facilitar a vida da veciñanza e protexer o futuro das crianzas. Mestre da República. Así era Luís Soto.

As pingas da súa suor tamén se derramaron sobre as máis activas e variadas barricadas. Porque Luís era un motor de pulsión ou hélice de depósito incombustíbel. El ofrece a man para a reflexión da pedagoxía educativa, para a organización sindical ou a dinamización do exilio en México. Luís estaba aí, disposto e dispoñíbel na militancia comunista e nacionalista heterodoxas como confesa nas liñas xornalísticas. Un home vitalista até na fosa medular que se enfrontou ás rudas adversidades.

O currículo de activista expresa sempre a percepción de pluralidade política que Luís Soto mantivo ao longo dos anos. Unha diversidade resumida na formulación frontepopulista, onde todas as forzas antifeixistas deberan unir as enerxías para derrotar o inimigo común. Unha lección que cómpre traer ao presente para, canto menos, cavilar no asunto.

Unha diversidade resumida na formulación frontepopulista, onde todas as forzas antifeixistas deberan unir as enerxías para derrotar o inimigo común. Unha lección que cómpre traer ao presente para, canto menos, cavilar no asunto

A contribución máis importante, dende a esfera política, foi xunguir marxismo e nacionalismo. Canda a outros camaradas, déronlle o formato da UPG, fundada simbolicamente o 25 de xullo de 1964, na Rocha (Compostela). Alí estaba Luís facendo valer as cicatrices da vida do compromiso social e nacional, levando consigo a mirada cansa de Castelao e as cellas frondosas de Líster. E o tempo foi inxusto con el cando a desmemoria e a ocultación deitaron sombras sobre o seu nome.

Por esta razón, a iniciativa da Fundación Lois Peña Novo non pode menos que colleitar a nosa adhesión e noraboa. Porque sentimos en Luís Soto parte de nós malia os anos que median. Simpatía por quen soñou, con esperanza incólume, por unha terra nosa e por unha transformación do sistema. Unha vida como poderosa razón para seguirmos en idénticos vieiros, tanto da memoria como da acción.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.