Chega o derradeiro derbi en segunda división! Emoción e incerteza a eito, iso é o que está agora mesmo a latexar polas rúas da Coruña. Conforme avancen as horas -a carón desta liturxia da alegría- abrirase tamén a barra libre para o insulto gratuíto e demais exabruptos contra todos os naturais da cidade olívica. Unha expresión de mal gusto colectivo que debe ser aceptada con tolerancia, pois como nos lembran determinados medios de comunicación: bah! son cousas de rapaces, son cousas do fútbol.
Espero que a ninguén lle importe que dende A Coruña lance abertamente esta proclama: Viva Vigo!
Pois ben. como son cousas do fútbol, e non teñen maior valor, espero que a ninguén lle importe que dende A Coruña lance abertamente esta proclama: Viva Vigo! Cidade marabillosa. Irmá da miña, pois -como pintou Urbano Lugrís- ambas as dúas son dous pontóns de arribada dun mesmo mar. Viva Vigo, e viva Teis, Coia, Coruxo, Bouzas, Valadares, Zamáns e o Berbés, barrios cuspidiños aos Mallos, Monelos, Os Castros, Monte-Alto ou Labañou. A mesma xente, fillos, netas dos obreiros que chegaron das aldeas para darlle vida ás dúas cidades máis importantes deste país.
O problema é que na Coruña non sabemos nada de Teis, de Coia, Coruxo, Bouzas, Valadares,ou do Berbés… Como nada saben en Vigo dos Mallos, Monelos, dos Castros, de Monte-Alto ou Labañou. Incomunicación. Algo moi estraño acontece -ademais dun problema de mala educación- cando a relación entre os dous motores económicos de Galiza se circunscribe case exclusivamente a unha serie de agravios mutuos entre adolescentes, con tres claretes, na porta dun campo de fútbol. Incomunicación. Velaí a alegría dos caciques do localismo. A continuar así insulto a insulto, partido a partido, máis fortes nas súas cacicadas. Quizais cando as cousas muden, cando se recoñezan e principien a colaborar dun xeito decidido as dúas ribeiras, este país comezará a despegar:
O Calvario, Monte-Alto
os Mallos, o Berbés
Bouzas, os Castros
Monelos, Teis
Beade Labañou,
eu vou….
Iso si, seguiremos vivindo derbis marabillosos. Como vén acontecendo dende os anos vinte do pasado século, con aquel agravio primixenio: Cando o Deportivo lle roubou ao Celta a Isidro e mais a Otero, o coloso de Rande. A cidade da Coruña, saúda ao embarcadoiro de Pontevedra,escribían nas pancartas os nosos avós. A cidade de Vigo saúda aos fillos de Pita, contestaban en Balaídos.
Volve o derbi. Os insultos para outros. Porque son da Coruña, volvo proclamar ben forte: Viva Vigo! Grazas vigueses e viguesas por me acoller sempre cos brazos abertos en Balaídos. Iso si, ídevos preparando para a derrota, irmáns !