Vigo esperta

Os charlatáns de feira e aproveitados que anuncian a posibilidade de alcanzar o paraíso vigués. Esa seita localista de fanáticos do rexedor olívico están aferrados á institución como as moscas ao mel

Os charlatáns de feira e aproveitados que anuncian a posibilidade de alcanzar o paraíso vigués; os distribuidores de estupefacientes mediáticos destinados a anestesiar o cerebro colectivo; os propagandistas do todo vai sobre rodas pero aínda irá mellor, esa seita localista de fanáticos do rexedor olívico están aferrados -ou suxeitos, nunca se sabe- á institución como as moscas ao mel. Encandeados á súa idea de cidade-estado intentan vendernos a moto nun pavoroso exercicio de cinismo; ávidos por divulgar as súas estrafalarias alfombras de lastras, lousas e azulexos; con gañas de largar as súas peroratas grandilocuentes, os seus discursos fachendosos e as súas carracas localistas; cativados por esa alleada obsesión por transformar Vigo nunha metrópole fantástica, nunha urbe de conto de fadas, nun espazo de lenda, nun lugar de fábula, nun municipio acicalado, coqueto e perfumado; un edén balsámico e moi doce no que os seus habitantes son felices e comen perdices, un verxel de xentes elegantes e cultivadas, prósperas, espléndidas, ansiosas de pasear polas súas marabillosas rúas prodixiosamente empedradas e axardinadas mentres contemplan o fabuloso ceo azul...

Todo é sortilexio, todo lles serve na súa obstinación por vendernos a moto que xa ninguén lles compra

Porfiados por ese éxtase, ese estado de bebedeira derivado da inhalación de durmideiras no cal todo é maxestoso e as rúas son unha sorte de pistas de patinaxe nas que os viandantes gozan deslizándose mentres soa unha melodía de Richard Clayderman. Todo é sortilexio, todo lles serve na súa obstinación por vendernos a moto que xa ninguén lles compra, porque sucede que a xente xa non acredita nas fantasías destes iluminados. Perderon toda a credibilidade.

O oportunista acordo entre PSOE e PP sobre os orzamentos municipais de 2014 é un engano que só servirá para repartir cromos e negociar cotas de poder

O oportunista acordo entre PSOE e PP sobre os orzamentos municipais de 2014 é un engano que só servirá para repartir cromos e negociar cotas de poder. Será malo porque os partidos inmiscidos e os seus líderes anteporán o interese propio aos seus matices ideolóxicos. Será malo porque este pacto ciméntase sobre unha filosofía argalleira, tramposa e trapalleira, na que uns e outros serán dúas caras da mesma moeda. Será malo porque será o comezo dunha nova política na que os matices e as sensibilidades e ideais contarán pouco, pero os «intereses dos aparellos» pesarán moito máis. Será malo porque os líderes do PSOE e do PP asumirán o mesmo discurso populista que asegura altos réditos electorais pero que só beneficia a uns poucos. Será malo porque Vigo quedará supeditada aos designios dunhas poucas camarillas e elites oportunistas, desdeñosas e narcisistas. E será malo porque continuará o desgoberno, o malgasto e o nepotismo, mentres os sufridos vigueses pasan un calvario.

Porén, 2015 está ao virar a esquina

Porén, 2015 está ao virar a esquina e aqueles que pretenden atrincheirarse na Casa Consistorial, poderían levar un bo susto cando Vigo esperte, por fin, do seu letargo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.