Non sen tempo, semella que se vai encetar por fin o proxecto de dotar o tecido social do país dunha moeda de noso: o vindeiro día 6 de abril hai convocada unha xuntanza en Compostela para lle poñer as bases a ese futurible novo medio de troco social. Co gallo da mesma, quero achegar algunhas ideas baseadas na miña experiencia e coñecemento sobre estas cuestións e que pode que non sexan obvias para todas as persoas interesadas en participar nun proxecto deste tipo:
Semella que se vai encetar por fin o proxecto de dotar o tecido social do país dunha moeda de noso: o vindeiro día 6 de abril hai convocada unha xuntanza en Compostela para lle poñer as bases a ese futurible novo medio de troco social
1. A moeda social galega puido e quixo ser o galeuro xa desde 2009, pero por diversos motivos na Asociación Cultural Fillos de Galicia non fomos quen de realizar a socialización prevista da nosa moeda. Xa que logo agora é preferible partir de cero e crear unha nova moeda con total liberdade e sen vencello nin dependencia directa con ningunha outra previamente existente.
2. Unha moeda social, local, complementaria, alternativa, comunitaria ou como queiramos denominala, non é un capricho nin un fin en si mesma. Debe ter desde a súa orixe uns obxectivos e funcións claramente definidos. Se a moeda nace coa intención de ser usada en toda Galiza e desde o tecido social, deben buscar obxectivos a eses niveis.
3. En función deses obxectivos (que se deberían definir na xuntanza do día 6 de abril) deberá realizarse o deseño da moeda, é dicir a definición do seu funcionamento e características.
Debe axudar a cada vez máis galegas e galegos a vivir sen capitalismo, aumentando o seu poder de compra sen necesidade de disporen de euros. Empoderar economicamente aos máis desfavorecidos
4. Dentro deses obxectivos deberían estar, ao meu entender, os seguintes:
a) Fornecer de financiamento a proxectos sociais e entidades non lucrativas. Fornecer un medio de financiar traballos polo ben común.
b) Contribuír a unha maior resiliencia da poboación galega no contexto dun progresivo colapso económico. Contribuír a consolidar a autosuficiencia da colectividade, ao xerar unha economía menos dependente do exterior.
c) Mobilizar recursos e persoas actualmente excluídos do sistema capitalista e da economía que funciona en euros: estudantes, parados, xubilados, etc. Axudar a cada vez máis galegas e galegos a vivir sen capitalismo, aumentando o seu poder de compra sen necesidade de disporen de euros. Empoderar economicamente aos máis desfavorecidos.
d) Dar soporte a unha nova economía social poscapitalista.
e) Servir para tecer lazos económicos entre entidades sociais, afortalando así o tecido social galego. Favorecer a cohesión e artellamento sociais.
f) Axudar ás pequenas empresas, comercio local e profesionais autónomos a dotarse de liquidez fronte ao estrangulamento das entidades bancarias que controlan a creación do diñeiro en euros.
e) Contribuír a poñer a economía ao servizo das necesidades reais da poboación. Mobilizar recursos infrautilizados e oriéntaos cara as necesidades sociais. Axudar a xuntar xente que precisa ingresos con traballos que precisan ser feitos.
f) Darlle á xente máis control sobre o que traballo que elixen facer, de tal modo que poidan elixir máis en función dos seus valores e menos por cuestións puramente pecuniarias.
g) Afortalar as relacións económicas intragalegas, evitando a perda de liquidez cara o exterior do país.
h) Valorizar as achegas dos voluntarios nas organizacións sociais, axudando a aumentar o seu número e participación nos proxectos destas organizacións así como as doazóns.
i) Representar máis axeitadamente os fluxos de enerxía, base de toda actividade económica, ao contrario do sistema financeiro oficial, cada día máis desvencellado da realidade física. Ser unha moeda que encaixe nos parámetro da Economía Ecolóxica.
j) Achegar una ferramenta práctica para a soberanía económica galega ao tempo que secundariamente reforza a identidade nacional mediante a súa mera existencia así como mediante o seu nome, lema e deseño gráfico.
Pode servir para tecer lazos económicos entre entidades sociais, afortalando así o tecido social galego. Favorecer a cohesión e artellamento sociais
5. Unha decisión fulcral a nivel de deseño, será baseala no euro ou non. Se se pretende que sexa unha auténtica alternativa ao mesmo e non arrastrar os problemas actuais desta moeda ou futuros (hiperinflación, quitas, curraliños, etc.) debería pensarse nunha moeda que teña outro tipo de respaldo, aínda que se perdan certas vantaxes que ofrece o respaldo/referencia do euro. Aquí existen diversas alternativas, cada unha coas súas vantaxes e inconvintes:
a) Os sistemas LETS, onde o respaldo é a súa aceptación entre os participantes e o crédito mutuo entre eles: así a moeda ten valor en si propia e non por ser trocable por euros. Esta á a alternativa máis común cando non se respalda unha moeda con moeda oficial.
b) Moedas baseadas nunha cuantificación enerxética (fundamentada na termodinámica): p.ex. horas de traballo entendidas como enerxía humana necesaria para realizar un determinado servizo; cantidades de enerxía precisas para crear un produto (emerxía, mochila enerxética...). Un billete deste tipo de moeda podería levar inscrito: “Os participantes do sistema trocaranlle á persoa portadora este billete por un 1/5 dunha xornada de traballo súa ou un produto feito cunha enerxía equivalente” Isto sería ao mesmo tempo unha moeda, un sistema de troco, un banco de tempo e un sistema de crédito mutuo (LETS). Aínda que pode ser complexo de deseñar e implantar, esta alternativa ten aspectos moi interesantes.
c) Moedas cuxo valor de referencia estea calculado en base a unha cesta de produtos, tal e como propón o experto en moedas complementarias Thomas Greco. O valor desa cesta en euros, daría a taxa de cambio euro/moeda-galega que sería actualizada periodicamente. A moeda non sería trocable por euros pero si tería un valor en si mesma na medida en que fose aceptada polos seus usuarios.
d) Moedas respaldadas por riqueza física dalgún tipo: terras, p.ex.
e) Un sistema mixto, como o galeuro, que ofrece respaldo en moeda oficial pero tamén mediante o crédito mutuo.
Unha decisión fulcral a nivel de deseño, será baseala no euro ou non
6. Existen numerosos modelos de moedas en marcha noutros lugares do mundo que se poden tomar como referencia. Non é imprescindible innovar pero si estudar con detalle cada modelo e ver cál é o máis acaído: 1º) aos obxectivos desexados para a moeda; 2º) a Galiza e á idiosincrasia galega; 3º) ao contexto actual e futuro caracterizado polo fin do crecemento, o peak oil, e o consecuente colapso do capitalismo e da civilización industrial.
7. Este tipo de moeda debe ser gobernada democraticamente desde unha nova organización creada ad hoc. Isto permitirá artellar un goberno e uns obxectivos precisos e evitar confusións sobre o seu control e finalidade. Esta organización debe ser non lucrativa e aberta á participación, posiblemente en diversos grados, dos diversos axentes económicos e sociais galegos, incluíndo entidades non lucrativas, sindicatos, centros sociais, empresas, concellos e particulares.
Este tipo de moeda debe ser gobernada democraticamente desde unha nova organización creada ad hoc
8. A moeda debe ter un deseño aberto, doado de corrixir, modificar, adaptar... sempre de maneira democrática polos membros da organización devandita.
9. O funcionamento e fundamentos da moeda debe procurarse que sexan sinxelos, entre outras razóns, para promover a confianza nel e a súa utilización práctica. Se conta coa confianza dos seus usuarios, o respaldo por un valor material ou en euros, faise moito menos preciso.
10. Unha moeda creada para toda Galiza debe pensar tamén a súa relación coa nosa Diáspora.
11. Unha moeda a nivel galego non debe tentar substituír nin atrancar a creación doutras moedas a nivel local, p.ex. moedas cuxo ámbito sexan parroquias, concellos ou bisbarras. Debe de feito prever o seu encaixe con moedas que funcionen a estes niveis, existan estas agora ou no futuro, p.ex. definindo as posibilidades de troco entre estas moedas e a nova moeda galega. Debe promover a existencia dunha boa diversidade no ecosistema monetario galego.
A moeda debe evitar ser un proxecto única ou principalmente da Galiza urbana e debería procurar a súa implantación tamén, e proactivamente, no medio rural
12. A moeda debe evitar ser un proxecto única ou principalmente da Galiza urbana e debería procurar a súa implantación tamén, e proactivamente, no medio rural.
13. A moeda non debería ser meramente electrónica, aínda que se poidan utilizar medios de pagamento electrónico (tarxetas), levar contabilidade ou facer operacións por Internet, etc. A súa existencia como billetes físicos facilitará enormemente a súa aceptación e utilización práctica no día a día sobre todo a nivel comercial.
14. O sistema da moeda debe ser administrado por persoas liberadas (no sentido tradicional ou no que propón p.ex. a Cooperativa Integral Catalana) para esta función, que poderían (sería o ideal) percibir un pagamento na propia moeda. Estas persoas realizarían labores como a dinamización, captación de participantes, contabilidade e control do funcionamento da moeda, realización de estatísticas e informes, información ao público a aos medios de comunicación, administración do web e redes sociais, etc.
15. A moeda non debe ser ao mesmo tempo un medio de troco e de aforro. Deben separarse claramente ambas as dúas opcións e optar por unha delas para a nova moeda.
A moeda non debe permitir xuros de ningún tipo, xa que estes se basean na crenza nun imposible crecemento perpetuo da economía
16. A moeda non debe permitir xuros de ningún tipo, xa que estes se basean na crenza nun imposible crecemento perpetuo da economía. A moeda debe ser nese sentido decrecentista ao entender que o crecemento económico xa non é posible e debe estar adaptada a un contexto de decrecemento en termos de produción de bens e servizos. Tamén neste sentido debería evitarse que a moeda teña oxidación, é dicir, que perda valor co tempo, tal e como advirte Ted Trainer no seu libro The Transition to a Sustainable and Just World. Isto habitualmente faise nalgunhas moedas locais para aumentar a súa circulación, pero desde unha óptica decrecentista é incoherente promover unha maior produción e venda de produtos ou servizos e penalizar aos posuidores da moeda por gastala (e polo tanto consumir) pouco.
17. Os deseñadores da moeda deben analizar cales son os vicios e eivas que caracterizan o sistema monetario oficial para evitalos no deseño da nova moeda.
18. Debe prantexarse a posibilidade de realizar microcréditos (sen xuros) na nova moeda.
Debe prantexarse a posibilidade de realizar microcréditos (sen xuros) na nova moeda
19. Cómpre implicar a organizacións que traballan na economía alternativa e solidaria como Fiare, Coop57, AIS O Peto e outras, para que a nova moeda se integre na súa filosofía e sistemas de traballo. Se a nova asociación que goberne a moeda debe dispoñer dunha conta bancaria en euros, debería abrirse con Fiare ou entidade análoga.
20. Da xuntanza do día 6 deberían saír como resultados mínimos:
a) Unha definición base de obxectivos que terá a moeda (ampliable máis adiante).
b) Un comité técnico encargado dun deseño acorde a eses obxectivos. O deseño incluirá propostas de nome para a moeda, entre outros moitos aspectos da mesma.
c) Un comité legal que redacte unha proposta de estatutos para a nova organización que goberne a moeda e que analice preventivamente o encaixe legal da moeda na lexislación vixente en España (especialmente desde o punto de vista fiscal) e que estude como protexala fronte a posibles modificacións desa lexislación.
Considero un diñeiro democraticamente controlado como unha ferramenta de enorme valor para a mudanza social
Considero un diñeiro democraticamente controlado como unha ferramenta de enorme valor para a mudanza social. Xa que na crise terminal —cuxas fases iniciais estamos a vivir— o sistema financeiro xoga un papel chave, non ten moito sentido pretender mudanzas de alcance sen tocar o aspecto monetario. Aínda que o diñeiro sexa só unha abstracción, unha representación convinte dos custos desa enerxía que move todas as nosas actividades socioeconómicas, é unha abstracción poderosa: ten o poder de levarnos máis axiña cara o abismo ou o poder de liberarnos dun sistema inxusto e suicida.
Na asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo xa desde 2010 vimos considerando a creación dunha moeda social galega como unha necesidade imperiosa, e precisamente debo algunhas das ideas aquí presentadas aos meus compañeiros nesta organización. Esta necesidade é cada día máis urxente á vista do progresivo e escandaloso saqueo que se está a realizar dos euros dos cidadáns por vías directas (a suba do IVE e outros impostos non progresivos, ou a confiscación que se planea estes días en Chipre son só un par de exemplos) e indirectas (co forzado endebedamento do Estado e a renuncia a unha soberanía monetaria). Estannos quitando o soporte para moitos aspectos vitais da nosa sociedade e deixándonos cada día que pasa con menos financiamento para os proxectos que sería imprescindible comezarmos a artellar para construír unha Galiza poscolapso. Por iso é precisa unha moeda galega controlada socialmente e que permita obter fondos para financiar proxectos sociais que palíen a deserción e abandono do Estado e que axuden na transición necesaria cara un mundo posindustrial e poscrecentista. Como di David Holmgren —un dos principais referentes teóricos da Permacultura— no seu ensaio Money vs. Fossil Energy:
"O diñeiro é simplemente unha construción mental colectiva que podemos redeseñar desde os seus principios fundamentais para reflectir realidades enerxéticas e valores éticos"
P.S.: Suxiro ás persoas interesadas na cuestión ampliar algúns aspectos deste artigo coa lectura do documento que preparara en 2011 para o curso de Economía Solidaria que tivo lugar en Compostela.